Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR701E
Plan de mellora de camiños municipais.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería do Medio Rural
Estas normas teñen por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.
As axudas consistirán en subvencións directas de capital. O procedemento tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.
Todos os concellos de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural
Lugar da Barcia, nº 56 Laraño
15897 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981547382 / 981542690
Email: agader.xunta.gal, infoagader@xunta.gal
Presencial, cita previa no teléfono 981 54 73 82
Prazo de presentación: PECHADO
31/01/2019 00:00 - 28/02/2019 23:59
O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en adiante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.
Verificarase o cumprimento deste requisito mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude de axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra.
b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, con excepción das parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). Na páxina web da Agader pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.
c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal.
d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
e) Que sexan viables tecnicamente.
f) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se concedeu a axuda.
As actuacións deberán axustarse ás seguintes regras e requisitos:
a) Deberán integrarse nun único proxecto de obra, no cal se recolla:
1º. Identificación do seu obxecto e xustificación da necesidade das actuacións propostas.
2º. No caso de que o promotor propoña novas capas de rodaxe distintas das existentes, aceptarase nos casos en que estea debidamente xustificada a súa necesidade con base nalgún dos seguintes parámetros: intensidade media diaria, velocidade de base, tipo de tráfico agardado ou existente, pendentes, réxime de humidade, estudos xeotécnicos…
3º. Informe fotográfico descritivo da situación actual dos camiños onde se pretende actuar.
4º. No caso de actuacións que rematen no límite do territorio municipal, deberá acreditarse a continuidade en termos de material e estado da capa de rodaxe no tramo do camiño que discorre polo concello limítrofe.
5º. Arquivo electrónico (.kml) cos trazados dos camiños, conforme as instrucións que estarán dispoñibles na páxina web da Agader (agader.xunta.gal).
6º. Planos de localización e de detalle necesarios, con indicación do trazado exacto das actuacións, a súa lonxitude e largura e os puntos de inicio e final debidamente xeorreferenciados.
7º. Xustificación dos prezos das unidades de obra.
8º. Medicións e orzamento desagregado por actuacións (excluído o IVE).
Os custos do control de calidade non deberán integrarse no orzamento do proxecto. No caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable, nos termos previstos no artigo 5.1.b) destas normas.
b) O importe mínimo para cada unha das actuacións (calculado sobre a base do orzamento de execución material máis os gastos xerais e beneficio industrial) deberá ser igual ou superior a 6.000 €. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. As actuacións cun importe inferior non serán elixibles.
c) As unidades de obra utilizadas nos proxectos terán que axustarse na súa totalidade á estrutura e descomposición das tarifas Seaga vixentes, que estarán publicadas na ligazón http://www.epseaga.com/?q=gl/node/8 e na páxina web da Agader agader.xunta.gal en formato .bc3.
As unidades de obra manterán todos os elementos unitarios que a conforman nas tarifas Seaga (man de obra, materiais, maquinaria, medios auxiliares), tendo en conta que:
– Non se poden modificar as cantidades necesarias nin os rendementos dos elementos que compoñen a unidade de obra.
– Soamente se poderán modificar os prezos dos elementos unitarios referidos anteriormente, sempre e cando o prezo da unidade de obra non supere o das citadas tarifas.
Todas as unidades de obra que non respecten o establecido nos parágrafos anteriores serán consideradas como non subvencionables.
d) Non se admitirán actuacións consistentes unicamente no arranxo de fochas.
As actuacións que consistan en arranxo de fochas deberán incluír necesariamente tratamentos superficiais cunha lonxitude mínima de 50 m e abranguer a totalidade da plataforma do camiño.
e) Quedan excluídas as actuacións en rúas e vías interiores dentro dos núcleos de poboación.
f) Unha vez presentada a solicitude de axuda non se admitirá a inclusión de novas actuacións distintas das recollidas inicialmente no proxecto de obra.
g) Non se subvencionará ningunha actuación que incida parcial ou totalmente sobre as actuacións subvencionadas nos plans marco: programa de mellora de camiños de titularidade municipal, cofinanciados con Feader no marco do PDR de Galicia, correspondentes aos períodos 2013-2014 (Resolución do director xeral da Agader, do 13 de setembro de 2013, DOG núm. 186, do 30 de setembro), 2014-2015 (Resolución do director xeral de Agader, do 20 de novembro de 2014), 2016 (Resolución do director xeral da Agader, do 25 de xaneiro de 2016), nin nos plans de mellora de camiños municipais correspondentes aos períodos 2017-2018 (Resolución do director xeral da Agader, do 18 de maio de 2017, DOG núm. 102, do 31 de maio) e 2018-2019 (Resolución do director xeral da Agader do 15 de decembro de 2017, DOG núm. 10, do 15 de xaneiro de 2018).
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo IV) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Para estes efectos, a publicación no DOG do anexo IV ten carácter puramente informativo.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Documentación que teñen que presentar as entidades solicitantes.
Xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo IV), os concellos interesados deberán achegar a seguinte documentación:
a) Proxecto de obra, nos termos previstos no artigo 4.3.a) destas normas.
b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes aspectos:
1º. Da designación legal do representante da entidade solicitante.
2º. Do acordo da entidade municipal relativo á participación neste plan de mellora de camiños.
3º. Da titularidade municipal dos camiños.
c) Certificación da persoa titular da Secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.
d) Informe do/da técnico/a municipal competente, onde se indique:
1º. Intervencións realizadas en cada unha das actuacións propostas no proxecto nos últimos 5 anos, sinalarase, de ser o caso, a natureza das obras, ano e procedencia dos fondos financiadores das citadas intervencións.
2º. Se para executar as obras resulta necesaria a dispoñibilidade de terreos privados lindeiros coas actuacións propostas. En caso afirmativo, xunto con este informe deberán remitirse os documentos acreditativos das cesións ou autorizacións das persoas propietarias dos terreos afectados.
Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Agader poderá requirir a exhibición do documento orixinal para cotexalo coa copia electrónica.
No caso de que o proxecto de obra supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica ou teña un formato non admitido, os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Comprobación de datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.
e) Estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar aos interesados que presenten os documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo IV)
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Renuncia (Anexo V)
- Solicitude de pagamento (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG nº 21 do 30 de xaneiro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG nº 21 do 30 de xaneiro de 2019).
-
Corrección de erros Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG nº 32 do 14 de febreiro de 2019).
-
Resolución do 2 de xullo de 2019 pola que se modifica a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG nº 132 do 12 de xullo de 2019).
-
Resolución do 5 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG nº 114 do 12 de xuño de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020.
Aberto todo o ano
Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Axudas Leader PEPAC 2023-2027.
Prazo aberto: 01/05/2025 00:00 - 30/05/2025 23:59