Guía de procedementos e servizos

MR701E

Plan de mellora de camiños municipais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 01/06/2017 00:00 - 30/06/2017 23:59

Estas normas teñen por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2017-2018.

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. O procedemento tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Gastos subvencionables.

1. Con carácter xeral, son subvencionables os investimentos necesarios para as obras de mellora, mantemento e ampliación da rede viaria existente. En particular:

a) Obra civil vinculada á execución do proxecto.

b) Servizo de control da calidade da obra.

2. Non serán subvencionables en ningún caso:

a) As partidas a tanto global.

b) O imposto do valor engadido (IVE).

c) Os gastos correspondentes a actuacións que inclúan obras de iluminación, abastecemento e saneamento de augas fecais.

d) Os gastos de redacción de proxecto nin os de estudos necesarios para a súa redacción.

e) Os gastos de dirección de obra, de coordinación de seguridade e saúde, seguimento arqueolóxico ou outros servizos complementarios.

f) Gastos por taxas ou licenzas necesarias.

g) O panel de obra.

3. Contía de axuda: a axuda cubrirá o 100 % dos gastos subvencionables.

Todos os concellos de Galicia.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular:

a) As obras incluídas neste plan deberán ter unha garantía de mantemento de, cando menos, 5 anos contados desde a data de pagamento final da axuda, e serán por conta do concello os custos necesarios para a súa conservación. O concello debe asumir todas e cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor da execución das obras, nos termos previstos no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante, LCSP).

b) Publicitar a concesión da axuda mediante a colocación dun panel, con información acerca da operación, que deberá estar visible durante a execución das obras e durante o período de garantía previsto na LCSP. Agader facilitará a través da páxina web o modelo correspondente.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.

d) Comunicar a Agader a solicitude, concesión ou pagamento de calquera outra axuda que, independentemente da orixe dos fondos financiadores, estea destinada a financiar o mesmo proxecto de investimento.

e) O expediente de contratación deberá estar dispoñible no concello para a súa comprobación e deberá remitirse copia a Agader no caso de que así se requira.

f) Así mesmo, deberá estar suxeito ás actuacións de control que poida realizar Agader, na súa condición de entidade xestora das axudas, ás funcións de intervención e de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen a Lei 9/2007 e o Decreto 11/2009, e ás actuacións de comprobación que corresponden ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas.

g) As entidades beneficiarias destas subvencións deberán cumprir coas obrigas de información referidas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga son as referidas no artigo 4.4 do citado texto legal.

h) O concello debe asumir todas cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor da execución das obras, nos termos previstos na LCSP.

i) No suposto de que un concello renuncie á subvención concedida, deberá comunicalo a Agader, utilizando o modelo normalizado que se xunta á Resolución do 18 de maio de 2017 como anexo VI.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural

Lugar da Barcia, nº 56 Laraño

15897  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981547382 / 981542690

Email: infoagader@xunta.gal

agader.xunta.gal

Presencial, cita previa no teléfono 981 54 73 82

Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural

Prazo de presentación: PECHADO

01/06/2017 00:00 - 30/06/2017 23:59

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Verificarase o cumprimento deste requisito mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude de axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). Na páxina web de Agader pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.

c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal.

d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

e) Que sexan viables tecnicamente.

f) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se concedeu a axuda.

  • Xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo IV), os concellos interesados deberán achegar a seguinte documentación:

    • a) Proxecto de obra, nos termos previstos no artigo 4.3.a) destas normas.

    • b) Certificación expedida pola persoa titular da secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes aspectos:

      • Da designación legal do representante da entidade solicitante.

      • Do acordo da entidade municipal relativo á participación neste plan de mellora de camiños.

      • Da titularidade municipal dos camiños e da dispoñibilidade dos terreos necesarios para a normal execución das obras.

    • c) Certificación da persoa titular da secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou, en todo caso, nunha data anterior á data de emisión do certificado.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

  • Comprobación de datos.

  • 1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, elaborados polas administracións públicas:

    • NIF da persoa xurídica solicitante.

    • DNI/NIE da persoa representante.

    • Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

    • Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

    • Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

  • 2. No caso de que os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

  • 3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar aos interesados que presenten os documentos correspondentes.

  • A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo IV) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

    Para estes efectos, a publicación no DOG do anexo IV ten carácter puramente informativo.

    Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

    Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, Agader poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

No caso de que o proxecto de obra supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica, os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

  • Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da Lei 39/2015 e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de axuda. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente.

Prazo de resolución: Catro meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de maio de 2017 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2017-2018 (DOG nº 102 do 31 de maio de 2017).

Outros procedementos relacionados

MR701D

Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020.

Aberto todo o ano

MR701H

Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

MR701I

Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

MR713A

Declaración de aldea modelo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano