Guía de procedementos e servizos

MR701C

Selección de Grupos de Desenvolvemento Rural e das estratexias de desenvolvemento local para a medida Leader de Galicia 2014-2020

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2016 - Prazo pechado: 03/03/2016 00:00 - 02/07/2016 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE
O obxecto das presentes bases é establecer as normas para a presentación e selección de estratexias de desenvolvemento local no marco dos artigos do 32 ao 35 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, sobre disposicións comúns referidas aos fondos Feader, Feder, Fondo de Cohesión, FSE e FEMP (fondos EIE) e dos artigos do 42 ao 44 do Regulamento UE 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader; e para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia 2014-2020, nos termos previstos nos artigos 9, 10, 12 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) deseñan e poñen en práctica as estratexias de desenvolvemento local participativo que sexan seleccionadas ao abeiro destas bases. No marco desta función xenérica, corresponden aos GDR as seguintes funcións:

a) Fortalecer a capacidade dos actores locais para desenvolver e implementar as operacións, incluíndo o fomento das capacidades dos actores locais de xestión dos proxectos.

b) Preparar e publicar convocatorias de proxectos ou un procedemento continuo de presentación de solicitudes.

c) Deseñar un procedemento de selección das operacións non discriminatorio e transparente, establecendo os criterios obxectivos necesarios para a selección das operacións, de xeito que eviten os conflitos de intereses e se asegure que polo menos o 51 % dos votos nas decisións de selección sexan emitidos por socios que non sexan autoridades públicas.

O procedemento de selección de operacións deberá permitir efectuar a selección a través de xuntas directivas ou órganos decisorios similares, non presenciais e realizadas a través de acordos escritos dos seus membros, dos cales quedará constancia documental suficiente e garantirá a coherencia coa estratexia de desenvolvemento local participativo na selección das operacións, ordenándoas por prioridades segundo a súa contribución á consecución dos obxectivos e metas da estratexia.

d) Recibir as solicitudes de axuda, avalialas e realizar os informes de viabilidade e de control de elixibilidade (ICE) que será remitido á Agader para a súa verificación.

e) Seleccionar as operacións e fixar o importe de axuda, atendendo ás normas de xestión e baremo de cada GDR e respectando os límites máximos da normativa de axudas de Estado que sexa de aplicación.

f) Realizar un seguimento da posta en práctica da estratexia e das operacións seleccionadas e levar a cabo as actividades de avaliación específica relacionadas coa estratexia de desenvolvemento local participativo.

Os GDR axustarán a súa actividade aos principios de colaboración, obxectividade, imparcialidade, eficacia, eficiencia, transparencia, publicidade e libre concorrencia.

Asociacións cuxo obxecto social sexa o desenvolvemento local.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Subdirección de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural

Lugar da Barcia 56, Laraño

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547360/ 981540100

Email: agader.subdireccionrelacionsgal@xunta.es

http://agader.xunta.es.

Subdirección de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural

Prazo de presentación: PECHADO

03/03/2016 00:00 - 02/07/2016 23:59

Catro meses, contados dende o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

As organizacións candidatas a adquirir a condición de GDR deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a forma xurídica de asociación, con suxeición á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

As organizacións candidatas a adquirir a condición de GDR para o Leader de Galicia 2014-2020 poderán ser organizacións de nova creación ou ben entidades que xa tivesen a condición de GDR no anterior período de programación Leader Galicia 2007-2013.

As entidades de nova creación ou as que procedan a modificar os seus estatutos con suxeición aos requirimentos destas bases deberán estar inscritas no rexistro de asociacións correspondente na data da presentación da solicitude de selección do GDR como entidade colaboradora.

b) Estar compostos por un conxunto de interlocutores, públicos e privados, con arraigo no territorio, de xeito equilibrado e representativo tanto desde o punto de vista sectorial como territorial. O grupo de desenvolvemento rural deberá documentar que seguiu un proceso participativo e aberto a todos os axentes públicos e privados do territorio que na fase previa á aplicación do programa Leader manifestasen o seu interese en implicarse no programa. Esta metodoloxía participativa debe de acreditarse desde o inicio das actuacións postas en marcha para a constitución do GDR.

En ningún caso poderán formar parte dos GDR as persoas físicas e as sociedades mercantís, con excepción das seguintes entidades de economía social: cooperativas, sociedades agrarias de transformación e sociedades laborais.

Entre os socios do GDR deberá figurar, polo menos, a maioría dos concellos do territorio obxecto da estratexia.

Poderán ser socios do GDR, entre outros, as comunidades ou mancomunidades de montes veciñais en man común sempre que se pronuncie expresamente a favor a súa asemblea xeral, as asociacións e organizacións profesionais, as entidades sen ánimo de lucro e as organizacións profesionais agrarias con presenza no territorio do GDR.

Na composición do GDR rexerá o principio de portas abertas. Para estes efectos, os respectivos estatutos deberán garantir a incorporación, tanto na constitución como ao longo de todo o período de execución da estratexia, de todas aquelas entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociados, soliciten a súa incorporación. Os GDR requirirán ás entidades que soliciten a súa incorporación como asociados que acrediten, como mínimo, un ano de actividade no ámbito territorial do GDR.

c) Nin as autoridades públicas nin ningún grupo de interese concreto representarán máis do 49 % dos dereitos de voto na toma de decisións.

En todo caso, na xunta directiva ou órgano decisorio similar estarán necesariamente representados, cando menos, os seguintes colectivos, sempre e cando sexan socios do GDR e desexen formar parte da citada xunta directiva ou órgano decisorio similar:

1º. As asociacións de mulleres.

2º. As asociacións de mozos.

3º. As asociacións de acción social.

4º. As asociacións cuxo obxecto social estea relacionado, de xeito prioritario, coa protección, conservación e/ou mellora do ambiente.

5º. As asociacións do sector agrario, incluíndo as organizacións profesionais agrarias.

6º. As asociacións de empresarios e as asociacións profesionais.

7º. As asociacións do sector cultural.

8º. O sector público.

d) Os estatutos deberán incorporar as regras necesarias relativas ao cumprimento dos requisitos xerais previstos nas alíneas b) e c) e, necesariamente, deberán de prever as seguintes regras referidas ao sistema de toma de decisións e elección de cargos:

1º. Todos os asociados son elixibles para calquera dos cargos dos órganos decisorios.

2º. No proceso de toma de decisións, cada membro dos órganos decisorios ten un voto.

3º. Para os efectos de adopción de acordos, os órganos decisorios só estarán validamente constituídos cando os representantes do sector privado supoñan como mínimo o 51 % dos membros presentes ou representados.

4º. Na toma de decisións, os representantes das entidades directamente interesadas no asunto non poderán estar presentes nas votacións. Por outra parte, deberá garantirse que se evite calquera conflito de intereses, de xeito que se arbitrará un mecanismo para que, nas tomas de decisións dos órganos do GDR, as declaracións de intereses queden perfectamente documentadas e formen parte do expediente, sempre que algún membro dos órganos decisorios teña algún tipo de relación profesional e/ou persoal co promotor do proxecto ou calquera tipo de interese persoal e/ou profesional no proxecto obxecto da votación.

5º. A xunta directiva ou órgano decisorio similar constará dun máximo de 21 membros, dos que polo menos un deberá representar cada un dos colectivos cuxa presenza é obrigatoria na xunta directiva ou órgano decisorio similar sempre que sexan socios do GDR e desexen formar parte dela. Neste senso, a asemblea xeral será o órgano decisorio que estableza, dentro dos requisitos e limitacións establecidas nestas bases, a exacta composición da xunta directiva ou órgano decisorio similar, en función do peso de cada un dos colectivos na estratexia do grupo.

e) Ter capacidade para definir unha estratexia de desenvolvemento local no territorio e para asumir as tarefas de colaboración na súa xestión, así como a eficacia dos mecanismos de funcionamento, de toma de decisións, e a transparencia na atribución de funcións e responsabilidades.

f) Dotarse, ou ben comprometerse a dotarse, dun equipo técnico con formación e capacidade para xestionar a estratexia de desenvolvemento proposta. No procedemento de contratación do persoal garantiranse, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, publicidade e concorrencia. O equipo técnico, contratado directamente polo GDR, deberá acreditar un nivel de cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión da estratexia de desenvolvemento local. Só puntualmente os GDR poderán contratar asistencias técnicas externas de apoio á xestión, logo de autorización da Agader, respectando, en todo caso, neste proceso de contratación, os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

g) Comprometerse a subscribir un convenio de colaboración coa Agader.

h) Dotarse, ou ben comprometerse a dotarse, dos medios técnicos suficientes, en particular daqueles requiridos para a utilización da ferramenta informática que facilite a Agader para a xestión da medida Leader.

i) Comprometerse a traballar en rede.

  • Solicitude normalizada segundo o Anexo IV desta resolución, acompañada da seguinte documentación:

  • Datos identificativos.

    • Denominación e NIF.

    • Domicilio social. Telefono, fax, correo electrónico.

    • Copia compulsada do DNI do representante legal, no caso de non autorizar a súa consulta, así como da documentación acreditativa da súa representación.

  • Personalidade xurídica.

    • Copia compulsada da acta constituínte.

    • Copia compulsada dos estatutos.

    • Copia compulsada do Regulamento de rexime interno, de ser o caso.

    • Inscrición no Rexistro de Asociacións dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

    • Relación de asociados, con identificación do seu carácter público ou privado. Implantación no territorio e representatividade. As entidades que soliciten a súa incorporación como asociados deberán xuntar a acreditación de que, como mínimo, levan un ano de actividade no ámbito territorial do GDR.

    • Composición actual da xunta directiva ou órgano decisorio similar. Cargos, nomes e representación que ten cada compoñente.

    • Relación de entidades ás cales se denegou a súa integración no GDR, xunto coa motivación pertinente.

    • Descrición pormenorizada do proceso de participación da comunidade local no deseño da estratexia, xunto coa constancia documental que acredite a realización dun proceso participativo real da comunidade local.

    • Declaración de non estar incursa a asociación en ningunha das circunstancias referidas nos parágrafos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • A anterior documentación debe permitir a análise precisa dos seguintes aspectos relativos ao GDR:

    a) Requisitos e procedemento para a adquisición e perda da condición de asociado.

    b) Sistema de participación:

    1. Porcentaxe de participación de entidades públicas e privadas nos órganos de decisión do GDR.

    2. Mecanismos de participación dos asociados.

    c) Sistema de toma de decisións do GDR:

    1. Composición e funcións da asemblea xeral e da xunta directiva.

    2. Convocatorias, dereitos de voto. Maiorías. Delegación de facultades.

    d) Funcións dos órganos do GDR.

  • Descrición (previsión) do equipo tecnico e humano adscrito á xestión da estratexia.

    • Persoal adscrito á xestión da estratexia. Organigrama. Procedemento de contratación do equipo xestor, baseado nos principios de publicidade, transparencia, libre concorrencia, capacidade, experiencia e non discriminación.

    • Medios tecnicos: local, medios informáticos.

  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

    (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

    No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

    Opcionalmente, tamen se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no rexistro xeral da Agader, situado no lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela (A Coruña), ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste caso, os GDR presentarán as estratexias en formato papel DIN-A4 e máis en formato USB.

    Sexa cal sexa a forma de presentación escollida polos GDR, deberán presentar unha versión da estratexia en galego e outra en castelán.

    As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou información previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se e o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

    A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

    A documentación complementaria tamen poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

    As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan autenticas.

    A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. No caso de que o último día de prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Prazo de resolución: Catro meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de febreiro de 2016 pola que se publica o Acordo do 10 de febreiro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección (DOG nº 42 del 2 de marzo de 2016).

    • Corrección de erros. Resolución do 11 de febreiro de 2016 pola que se publica o Acordo do 10 de febreiro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección (DOG nº 81 do 28 de abril de 2016).

Outros procedementos relacionados

MR302B

Axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 26/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59

MR347A

Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR505A

Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano