Guía de procedementos e servizos

MR406B

Axudas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora dos centros de limpeza e desinfección de vehículos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 24/02/2022 00:00 - 23/03/2022 23:59

Consellería do Medio Rural

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva de acordo co artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como cos principios de eficacia e eficiencia, establecidos nos seus artigos 8 e 17, e de acordo co disposto polo Regulamento da devandita lei, aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e convocalas para o ano 2022.

De acordo coas bases reguladoras establecidas no Real decreto 949/2021, do 2 de novembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a investimentos destinados a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros, acometidas por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, o obxectivo destas subvencións é mellorar a sustentabilidade, a competitividade e a resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, ambiental e social, en centros de limpeza e desinfección e en centros de produción de material vexetal de reprodución.

Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2022, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde, a seguinte axuda:

- Liña 1. Axudas de minimis a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, ou para a construción de novos centros coa devandita finalidade.

Poderán ser beneficiarios desta subvención as persoas físicas ou xurídicas ou entes sen personalidade xurídica:

a) Que sexan titulares ou propietarios dos centros de limpeza e desinfección para gando, incluídas as especies cinexéticas, autorizados e rexistrados polo órgano competente da Comunidade Autónoma en cuxo ámbito territorial estean situados, que se comprometan a melloralos,

b) Ou que se comprometan a construír un novo centro de limpeza e desinfección.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Gandaría

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544788

Fax: 981545735

Email: mediorural.sxganderia@xunta.gal

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

24/02/2022 00:00 - 23/03/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada persoa beneficiaria segundo o tipo de axuda que solicite, con carácter xeral, e de conformidade co establecido nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Atoparse suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

b) Empresa en crise, excepto aquelas que non estaban en crise o 31 de decembro de 2019, pero que pasaron a estalo durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de xuño de 2021.

c) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

d) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou estar inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

e) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

f) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

g) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

i) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

2. Así mesmo, os beneficiarios deberán cumprir, polo menos, as seguintes obrigas:

a) Remitir ao órgano concedente a información que permita a este medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador, en función do previsto no capítulo VI do Real decreto 949/2021, do 2 de novembro, así como a que lle sexa solicitada pola Comunidade Autónoma ou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos do sistema de xestión e seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

b) Declarar a obtención doutras axudas para o financiamento da mesma actividade subvencionada.

c) As específicas obrigacións de información en relación co financiamento pola Unión Europea da actividade subvencionada. Resulta aplicable o artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021: os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationUE», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

d) Custodiar todas as facturas e demais documentos que acrediten os gastos e os pagamentos obxecto da subvención en que incorresen e telos á disposición do órgano concedente e dos órganos de comprobación e control, que poderán requirilos para a súa comprobación. Tal e como se establece no artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, é preceptiva a conservación da dita documentación durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000,00 euros.

e) Colaborar nos controis necesarios para o correcto seguimento e control destas subvencións, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

f) Conforme o artigo 27 deste real decreto, e en cumprimento do disposto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a comunicación da Comisión Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia, 2021/C 58/01 (DOUE do 18.2.2021), así como co requirido na Decisión de execución do Consello Europeo do 13 de xullo de 2021 relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, os beneficiarios das subvencións garantirán o pleno cumprimento en todos os proxectos de investimento que deben levar a cabo en cumprimento do presente real decreto, do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH polas súas siglas en inglés, Do not significant harm), durante todas as fases do deseño e execución do proxecto de que se trate e, de maneira individual, para cada actividade dentro del.

g) Os beneficiarios deberán mostrar garantías de que as súas actuacións non inciden negativamente sobre o obxectivo ambiental da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas, na forma prevista no artigo 16 do Real decreto 949/2021, do 2 de novembro.

h) As entidades beneficiarias deberán contribuír aos obxectivos de soberanía dixital e autonomía estratéxica da Unión Europea, así como garantir a seguridade da cadea de subministración tendo en conta o contexto internacional e a dispoñibilidade de calquera compoñente ou subsistema tecnolóxico sensible que poida formar parte da solución, mediante a adquisición de equipamentos, compoñentes, integracións de sistemas e software asociado a provedores situados na Unión Europea.

i) As entidades beneficiarias deberán cumprir coas seguintes obrigas en materia de emprego, sen prexuízo das eventuais limitacións respecto diso relacionadas co réxime de normativa de axudas de Estado que sexa de aplicación:

i. Ter o seu domicilio fiscal e o seu principal centro operativo en España e mantelos, polo menos, durante o período de prestación das actividades obxecto de subvención.

ii. Prestar as actividades obxecto da subvención desde centros de traballo situados en España.

iii. Contribuír á creación e mantemento en España de todo o emprego necesario para a prestación da actividade obxecto da subvención, que se realizará con persoal contratado e afiliado á Seguridade Social no territorio nacional.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa representante (se for o caso).

b) Memoria descritiva das actuacións que se van realizar.

c) Orzamentos dos investimentos. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 15.000,00 euros en adquisición de equipamentos ou os 40.000,00 euros en obras de instalación, o solicitante deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen.

No caso de que o titular ou propietario do centro de limpeza e desinfección beneficiario da subvención teña en propiedade máis dun centro de limpeza e desinfección, e queira realizar algún dos investimentos subvencionables, deberá presentar tantas solicitudes como investimentos vaia realizar en cada centro de limpeza e desinfección.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A presentación da solicitude suporá a autorización para o acceso á información contida no Rexistro de Titularidades Reais previsto na Orde JUS/319/2018, do 21 de marzo, pola que se aproban os novos modelos para a presentación no Rexistro Mercantil das contas anuais dos suxeitos obrigados á súa publicación, e a cesión de información ao Sistema de fondos europeos, para efectos de cumprir co previsto no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e da súa inclusión nunha base de datos única para efectos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O órgano xestor deberá proporcionar a información que sexa solicitada para dar cumprimento ao adecuado sistema de xestión e seguimento do PRTR, informando do que sexa preciso para alimentar o devandito sistema e as aplicacións informáticas que a normativa nacional ou europea prevexa para a xestión, o seguimento e o control do financiamento e os obxectivos previstos neste real decreto e a normativa nacional e europea respectiva.

Así mesmo, a presentación da solicitude supoñerá o compromiso expreso do solicitante, en caso de ser beneficiario final da axuda, de conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que os organismos europeos exerzan as súas competencias, de conformidade co artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e o artigo 129 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión de subvencións e axudas.

– Concesións pola regra de minimis.

– Vida laboral da empresa.

– Domicilio fiscal.

– Imposto de actividades económicas ampliado (IAE).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR406B e MR406C), Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 37 do 23 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 4 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR406B e MR406C), Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 37 do 23 de febreiro de 2022).

    • Orde do 12 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 4 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR406B e MR406C), Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. (DOG nº 159 do 23 de agosto de 2022).

    • Anuncio do 27 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, polo que se publica a resolución das axudas concedidas e denegadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando para o ano 2022 (código de procedemento MR406B), ao abeiro da Orde do 4 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR406B e MR406C), Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, modificada pola Orde do 12 de agosto de 2022 (DOG nº 192 do 7 de outubro de 2022).

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR360C

Declaración para a realización de determinadas prácticas enolóxicas R(CE) 606/2009.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR400A

Cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano