Guía de procedementos e servizos

MR351A

Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamento agrarios en réximen asociativo en Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 27/07/2023 00:00 - 28/08/2023 23:59

Consellería do Medio Rural

A concesión de axudas para promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos e racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Unicamente poderán ser beneficiarios da axuda regulada nesta orde:

a) As cooperativas agrarias.

b) Cooperativas de utilización de maquinaria en común (CUMA).

c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade.

d) As sociedades agrarias de transformación procedentes da fusión de polo menos dúas explotacións agrarias, nos últimos 5 anos naturais. En adiante, SAT de fusión.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario

San Caetano, s/n

15008  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997215-981540053

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

27/07/2023 00:00 - 28/08/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade e establecer un calendario de execución.

2. Non ter a consideración de empresa en crise. Considérase que as empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, punto 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias establecidas polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso das cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) terán un mínimo de catro socios. Todas as explotacións que formen parte dunha CUMA deberán estar situadas dentro dun radio de acción de 20 kilómetros.

5. As sociedades agrarias de transformación con obxecto social prioritario o uso da maquinaria terán un mínimo de catro socios. Para as sociedades agrarias de transformación que non teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria, deberán proceder da fusión de explotacións agrarias.

6. As cooperativas de explotación comunitaria da terra terán un mínimo de catro socios.

7. Tanto as explotacións agrarias como as cooperativas agrarias ou as sociedades agrarias de transformación deberán estar inscritas nos correspondentes rexistros oficiais.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación e na mesma orde:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se fose o caso).

b) Estatutos en vigor.

c) Balance e conta de resultados da empresa. As peme deben achegar os do último exercicio, as non peme os dos dous últimos exercicios.

d) Memoria xustificativa asinada polo secretario/a e co visto e prace do presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesma orde, os seguintes puntos:

i. Situación actual: actividades que se desenvolven e marco xeográfico; datos básicos da estrutura de cada explotación dos socios beneficiados: características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc. (o caso de cooperativas de máis de 35 socios os datos básicos da estrutura da explotación serán referidos a unha explotación tipo a que prestan servizos, e non a de cada socio).

ii. Relación dos investimentos solicitados e, de ser o caso, xustificación de por que a escolla non recae na proposta económica máis vantaxosa.

iii. Valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.

iv. Facturación media ao conxunto dos socios nos tres anos anteriores.

v. Relación dos integrantes do consello reitor da entidade, no cal se indique a porcentaxe de mulleres que o compoñen.

e) Relación nominal dos socios, incluíndo DNI, en formato ods, xls ou xlsx.

f) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria.

O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

i. Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.

ii. Descrición técnica.

iii. Carga de traballo prevista. (nº horas/ano).

iv. Rendementos previstos. (h/ha).

v. Orzamento desagregado.

vi. Custos horarios. (€/hora).

vii. Financiamento previsto.

viii. Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.

ix. Nas cooperativas que conten con 35 socios ou menos, localización principal de todas as explotacións. Debe incluír un plano de situación no que se verifique que a localización principal de todas elas está nun radio de 20 km.

x. Comparación do custo das operacións para realizar coa maquinaria solicitada e sen esta maquinaria.

g) Tres orzamentos para cada máquina solicitada, de empresas non vinculadas entre elas nin co solicitante, con obxecto social a fabricación ou subministración dos bens incluídos na oferta.

As ofertas incluirán:

i. NIF.

ii. Nome e enderezo da empresa oferente.

iii. Nome ou razón social da entidade solicitante da axuda.

iv. Data de expedición.

Deberán detallar claramente os conceptos dos bens polos que se solicita axuda (fabricante e características técnicas).

No caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado.

Poderán ser menos de tres no caso de que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.

A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

h) O catálogo comercial que detalle as características técnicas de cada máquina escollida.

i) Certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha axencia de innovación de que os investimentos son innovadores (se fose o caso). No caso de investimentos con carácter innovador, será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3). 

j) Anexo II comprobación de datos das persoas técnicas que elaboran o estudo técnico-económico.

k) No caso de solicitantes aos que lles sexa de aplicación o artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro (subvencións de importe superior a 30.000 euros):

– Declaración responsable nos termos previstos no artigo 26 do Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Ley 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. De ser o caso, certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que acredite o seu cumprimento polo solicitante, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora. Para ese efecto, se do informe de auditoría das últimas contas anuais dedúcese un cumprimento do 100 % dos prazos de pagamento a provedores por parte do solicitante, bastará un certificado emitido polo auditor que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais como certificación de cumprimento do requisito do artigo 13.3.bis. No caso de que non sexa posible emitir tal certificado (por non existir contas anuais auditadas ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), presentarase certificación, baseada nun informe de procedementos acordados, que acredite que o solicitante no momento de presentación de solicitude de axuda non ten ningunha factura pendente de pagamento en que se superaron os prazos legais de pagamento. A dita certificación non poderá ter en ningún caso unha antigüidade superior a un mes anterior á data de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en qué momento e ante qué órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Comprobación de datos,

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesión de subvencións e axudas.

i) DNI/NIE das persoas técnicas que elaboren o estudo técnico-económico.

j) Título oficial universitario da rama agraria das persoas técnicas que elaboren o estudo técnico-económico.

k) Inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola.

l) Datos de vehículos.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 141 do 26 de xullo de 2023).

    • Extracto da Orde do 11 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 141 do 26 de xullo de 2023).

    • Resolución do 2 de xaneiro de 2024 pola que se resolven as solicitudes de subvencións para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 8 do 11 de xaneiro de 2024).

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR360C

Declaración para a realización de determinadas prácticas enolóxicas R(CE) 606/2009.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR400A

Cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano