Guía de procedementos e servizos

MR204A

Axudas para a programación de accións formativas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 24/06/2017 00:00 - 24/07/2017 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua profesional, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeireira na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao ano 2017.

A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Gastos subvencionables.

Só serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio e que respondan á natureza da actividade subvencionada.

1. As axudas previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos, efectuados posteriormente á presentación da solicitude da axuda, que estean directamente relacionados coa realización das accións formativas propostas, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan, e sempre que non se superen as contías máximas establecidas no artigo 5:

a) Gastos de profesorado incluirá a impartición das ensinanzas das distintas accións formativas, tanto das horas teóricas como das horas prácticas presenciais: máximo 60 €/hora presencial e máximo 1 €/hora semipresencial e alumno.

O cálculo de gastos de profesorado realizarase sobre o número de horas mínimo exixido na normativa reguladora correspondente.

No caso de subcontratación de docentes, en ningún caso se poderá exceder o 50 % do importe de cada acción formativa xustificada.

b) Material didáctico (incluído material de prácticas): 0,50 € por alumno e hora de actividade formativa, ata un máximo dun 25 % do importe total dos gastos subvencionables do curso.

O cálculo de gastos de material didáctico realizarase sobre o número de horas mínimo exixido na normativa reguladora correspondente e un máximo de 20 alumnos.

c) No suposto de que a acción formativa implique a organización de visitas, sempre e cando sexan autorizadas segundo o artigo 5.5, a maiores financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, unha vez xustificadas debidamente a oportunidade e a necesidade do uso dese transporte concreto.

2. A formación será totalmente gratuíta para todo o alumnado das accións formativas derivadas desta orde.

Gastos non subvencionables.

Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude, nin os derivados dos requisitos que teñen que cumprir os solicitantes para poder concorrer a esta convocatoria.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades colaboradoras, públicas ou privadas, inscritas no Rexistro Administrativo de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural, que deberán cumprir co establecido na Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no rexistro de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificados e diplomas oficiais por parte da Administración pública, así como no Rexistro de Entidades de Formación en Materia de Benestar Animal reguladas polo Decreto 60/2007, do 22 de marzo, e demais normas que se desenvolvesen ao abeiro da súa normativa.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias das axudas:

a) As entidades que se beneficiasen dunha axuda anterior declarada incompatible por unha decisión da Comisión, ata que esa entidade reembolse o ingresado ilegalmente cos correspondentes xuros de recuperación.

b) As empresas en crise definidas no punto 35.15 das directrices da Unión Europea aplicables ás axudas estatais nos sectores agrícolas e forestais nas zonas rurais do período 2014 a 2020.

Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Facer constar en todos os documentos e publicidade das actividades formativas o anagrama de Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), o emblema da UE e unha referencia á axuda do Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade, infórmase os participantes de que está financiada pola Consellería do Medio Rural, polo MAPAMA e polo Feader.

Nos locais de impartición das accións formativas deberán figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel do cofinanciamento (anexo VII) e permanecer expostos ao longo da realización da dita actividade. Deberase presentar algunha proba documental da súa exposición.

En todas as actividades de información e comunicacion que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web, e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

2. Comunicarlle á Dirección Xeral de Ordenación Forestal calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

3. Reintegrar as cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) núm. 809/2014.

5. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, os beneficiarios da axuda deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de formación subvencionada.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

7. O Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, establece no artigo 71 o compromiso por parte dos beneficiarios de axudas no marco das medidas de desenvolvemento rural de proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

8. Ficha de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo VIII.

9. Documentación solicitada no anexo IX: comunicación previa ao inicio do curso.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Área de Formación, Innovación e Investigación

Departamento de Formación

Avda. do Camiño Francés, 10

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546679

Fax: 981546651

Departamento de Formación

Prazo de presentación: PECHADO

24/06/2017 00:00 - 24/07/2017 23:59

As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación Forestal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto nos artigos 2 e 11 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

1. A persoa física ou xurídica solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita nos dous rexistros administrativos correspondentes segundo o tipo de formación solicitada e indicados no artigo 2.1 desta orde.

b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

d) Dispoñer dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado.

e) No caso de persoa xurídica solicitante, posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar. No caso de persoa física ou xurídica solicitante, non estar inhabilitada para a obtención da subvención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

f) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cualificacións mínimas do persoal docente.

a) Titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias e afíns.

b) O persoal docente de prácticas poderá contar coa titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia profesional agraria ou asimilados.

c) Poderán ser docentes de accións de formación práctica os titulares de explotacións agrarias, titulares forestais ou da empresa agroalimentaria e forestal, que acrediten una experiencia no sector mínima de 5 anos.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

  • a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

  • b) Memoria descritiva das accións formativas que se van desenvolver (anexo II), coa indicación dos seguintes contidos: tipo de acción ou accións formativas solicitadas, obxectivos, colectivo a que van dirixidas, orzamento e, se é o caso, descrición da viaxe formativa programada asociada a un curso ou cursos concretos.

  • c) Copia auténtica da póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado ou, na súa falta, o compromiso de achegala con anterioridade ao comezo da actividade lectiva. Esta documentación deberá estar sempre actualizada e á disposición da Administración para a súa comprobación.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Cando se trate dun empresario individual, deberá achegar a copia do DNI ou NIE, só no caso de denegar expresamente a súa consulta. Se se trata dunha persoa xurídica deberá achegar a copia do NIF só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

  • b) Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento,deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

  • c) Documentación que acredite a cualificación profesional do persoal docente (titulación académica e, se é preciso, acreditación da experiencia), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades colaboradoras referenciadas no artigo 2 que teñan a condición de persoa xurídica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Se a documentación presentada estivese incompleta, requirirase ao solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comenzará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, subsane a falta ou aporte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, si non o fixese, se terá por desistido da súa petición, e se procederá ao arquivo das actuacións logo da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 119 do 23 de xuño de 2017).

    • Resolución do 13 de febreiro de 2018 pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 15 de xuño de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 119, do 23 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 39 do 23 de febreiro de 2018).

    • Corrección de erros. Resolución do 13 de febreiro de 2018 pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 15 de xuño de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 119, do 23 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 52 do 14 de marzo de 2018).

    • Corrección de erros. Resolución do 13 de febreiro de 2018 pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 15 de xuño de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 119, do 23 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 60 do 26 de marzo de 2018)

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200A

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano