Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN848F
Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (Bonos de Innovación).
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes) mediante bonos de innovación, código de procedemento IN848F:
Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación e o coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización e que permitan o desenvolvemento de novos produtos e servizos ou mellora da competitividade empresarial.
Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas á:
Tipo A. Tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i.
Tipo B. Solicitude de financiamento a proxectos ou actuacións de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido na normativa europea do réxime de minimis, Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
As axudas de minimis consideraranse concedidas no momento en que se lle recoñeza á empresa o dereito legal a recibir a axuda en virtude do réxime xurídico estatal aplicable, con independencia da data de pagamento da axuda minimis á empresa.
Actividades que se subvencionan.
Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 21 de outubro de 2022.
1. Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación, as actividades que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.
a) Constituirán unha ou máis actividades que estarán incluídas nunha memoria descritiva (anexo II) que se presentará xunto coa solicitude, que respondan a necesidades xustificadas e cun impacto contrastable na empresa, que permitan consolidar e/ou incrementar as capacidades tecnolóxicas e de impulso da I+D+i da empresa.
b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 30.000,00 € e dun máximo de 50.000,00 €.
A presentación dunha proposta cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) As actividades realizaranse mediante a contratación de servizos de apoio á innovación de entre as seguintes tipoloxías:
I. Protección do coñecemento, dos activos intanxibles da empresa, xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade industrial que se solicite en España, excluíndose o mantemento ou ampliación das existentes.
II. Deseño, implantación e mellora de sistemas de xestión e organización da innovación. Certificacións da especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como pequena ou mediana empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da xove empresa innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas para o desenvolvemento da investigación e innovación industrial, baixo a consideración discrecional da Axencia Galega de Innovación.
III. Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da arte, para dotarse de información da ciencia e tecnoloxía que permitan identificar oportunidades e tomar decisións para actuacións de I+D+i.
IV. Estudos de viabilidade tecnolóxica e industrial encamiñados ao desenvolvemento de novos produtos ou servizos, ou análise da mellora ou creación de novos procesos produtivos. Verificacións de parámetros, escalabilidade industrial, durabilidade, fiabilidade...
V. Accións para levar a mercado ou implementar os resultados da investigación e innovación industrial, deseño de novos produtos, servizos ou procesos industriais nas etapas previas á comercialización.
VI. Reconfiguración e redeseño de novos produtos e servizos para diversificación e mellora da capacidade produtiva, e incrementar así o impacto nos mercados.
VII. Accións de testaxe, validación, verificacións ou accións destinadas ao cumprimento de especificacións requiridas para a explotación comercial, previas á comercialización.
d) Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma Galega.
e) Non serán subvencionables os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, que non supoñan unha actividade de innovación.
Exclúense as actividades destinadas a:
I. Desenvolver accións que se financien pola liña 2 desta convocatoria.
II. Cumprimento da normativa obrigatoria.
III. Implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.
IV. Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
V. Calquera tipo de acción formativa.
VI. Asesoramento e asistencia técnica en materia xurídica, servizos de publicidade, comunicación e comercialización, salvo os asesoramentos xurídicos e estudos de mercado relativos ás actividades do punto 1, letra c).
VII. Accións de dixitalización na empresa como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERP, CRM, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), ciberseguridade e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
VIII. Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
IX. Arrendamento de equipamentos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.
2. Liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación. Establécense dúas tipoloxías diferentes:
a) Tipo A. Contratación de servizos de consultoría para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i a través da obtención da cualificación fiscal correspondente ao exercicio fiscal 2021. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.
b) Tipo B. Contratación de servizos de consultoría ou asesoramento para a tramitación de novas solicitudes de propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais. Cun límite da axuda de ata 5.000,00 €.
A tramitación da solicitude de axuda a calquera convocatoria deberá estar presentada no período elixible de gastos, e a súa acreditación será a través do rexistro de entrada do organismo que proceda.
Cando a axuda solicitada sexa para convocatorias de subvencións a proxectos de colaboración, non poderá haber máis de dous beneficiarios deste bono para un mesmo proxecto.
As propostas presentadas deberán ter previsto a realización de actividades de I+D+i exclusivamente en Galicia por parte da entidade solicitante.
Conceptos de gasto que se subvencionan.
1. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos. Estarán directa e inequivocamente relacionados coas accións que se subvencionan e cuxo nexo poida demostrarse.
2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados nos períodos temporais establecidos para cada unha das liñas de axuda. A contratación e prestación do servizo subvencionado terá que facerse no antedito período temporal segundo o artigo 25.1.
3. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto que se subvenciona iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
Estas excepcións deberán xustificarse expresamente. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.
5. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos que se subvencionan con:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.
c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d) Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial co beneficiario, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades contratadas, como provedores, provedores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.
e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.
6. Os conceptos de gasto agruparanse:
a) Liña 1:
i. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas.
ii. Custos da transferencia de coñecemento e vixilancia tecnolóxica.
iii. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.
b) Liña 2:
i. Tipo A, custos da tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i.
ii. Tipo B, custos da tramitación de presentación de axudas de I+D+i estatais, europeas e internacionais.
As microempresas, pequenas e medianas empresas.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Servizos
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957008/ 981957017/ 981541079
Fax: 981957007
Email: servizos.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
10/06/2022 00:00 - 11/07/2022 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2 desta orde, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda.
2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 20 desta convocatoria.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As entidades solicitantes deberán achegar, xunto co formulario de solicitude, a seguinte documentación:
a) Copia da escritura de constitución da entidade e as súas modificacións posteriores.
b) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, en que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE.
c) Poder de representación verificado na súa suficiencia, de ser o caso.
d) Declaración completa do imposto de sociedades do último exercicio pechado, modelo 200 da Axencia Tributaria Estatal.
e) Informe do cadro de persoal medio anual emitido pola Seguridade Social do ano 2021.
No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.
f) Anexo V, declaración da condición de peme.
No caso de pemes vinculadas, asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos V-A, V-B, V-A.1, ou V-B.1, segundo corresponda.
Tamén, como documentación complementaria, deberase achegar, para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas, a documentación das letras a), b), d), f) deste artigo.
g) Deberase presentar a documentación acreditativa daqueles criterios de avaliación que se detallan no artigo 18 desta convocatoria (información adicional anexo VI), de ser o caso.
2. Ademais, deberase achegar segundo o tipo de bonos:
a) Liña 1:
i. Memoria descritiva, segundo as especificacións do anexo II.
ii. Documentación acreditativa de criterios de avaliación.
b) Liña 2:
i. Memoria descritiva, segundo as especificacións do anexo III.
A memoria é un elemento de referencia para aplicar unha parte importante dos criterios de avaliación e a coherencia do investimento, polo que a súa ausencia, unha redacción incompleta, deficiencias nos seus contidos ou a súa difícil comprensión poderá producir minusvaloración da solicitude, sen que sexa susceptible dun requirimento de mellora.
Non se admitirán melloras, adicións ou substitucións das memorias, da información achegada xunto con estas con posterioridade ao vencemento do prazo máximo para a presentación de solicitude, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva. A falla de presentación da memoria dentro do período de admisión de solicitudes non se considera emendable e acordarase, de oficio, a inadmisión da solicitude.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos que correspondan.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Solicitude (Anexo I)
- Fase de solicitude
- Declaración da condición de peme - Ficha de asociación (Anexo V-A1)
- Declaración da condición de peme - Empresa asociada (Anexo V-A)
- Declaración da condición de peme - Empresa vinculada(Anexo V-B)
- Declaración da condición de peme - Ficha de vinculación (Anexo V-B1)
- Declaración da condición de peme (Anexo V)
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 110 do 9 de xuño de 2022).
-
Extracto da Resolución do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 110 do 9 de xuño de 2022).
-
Resolución do 30 de setembro de 2022 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución do 25 de maio de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 110, do 9 de xullo) (DOG nº 200 do 20 de outubro de 2022).
-
Corrección de erros. Resolución do 30 de setembro de 2022 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución do 25 de maio de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 110, do 9 de xullo).(DOG nº 208 do 2 de novembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano