Guía de procedementos e servizos

IN848C

Emprego xuvenil innovador.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 08/02/2020 00:00 - 08/06/2020 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN848C).

3. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento no que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexa acorde á súa categoría profesional e titulación. Dito salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.

i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. Ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.

j) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais así como nas publicacións de todo tipo, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i na que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe.

Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Axencia Galega de Innovación, nun lugar visible para o público das instalacións do beneficiario, por exemplo, no lugar de traballo da persoa contratada.

O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.

En todas as obrigas descritas con anterioridade deberán figurar os logotipos institucionais cumprindo co Manual de Identidade Corporativa da Xunta de Galicia acompañado co texto «persoal cofinanciado pola Xunta de Galicia ao abeiro da Resolución da Axencia Galega de Innovación do 23 de decembro de 2020 (programa Principia).

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán a disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no seu epígrafe de axudas.

k) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e á finalización da axuda, os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do proxecto.

l) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para o cal será convocado expresamente con antelación. A dita xornada deberá acudir como mínimo unha persoa do nivel axeitado pertencente ao cadro de persoal do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.

m) Manter a duración temporal de cada contratación incentivada establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo ao persoal contratado durante un período de 2 anos contados desde a data de realización a contratación.

ñ) Aos efectos de xustificación final da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

ñ.1) No prazo de trece meses contados desde o inicio de cada contratación incentivada (incluídas as posibles substitucións):

– Copias das nóminas aboadas ao persoal contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mailos impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan dos mesmos.

– Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal contratado.

– Facturas que acrediten a realización da acción formativa, previamente validada, que detalle a denominación acción formativa, o número de horas impartidas e o importe total correspondente. Así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento.

– Copia dos partes de firmas asinados pola persoa que imparte a formación e pola persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

– Informe de aproveitamento favorable asinado pola persoa que imparte a formación e pola persoa traballadora

ñ.2) No prazo dun mes contado desde o remate da duración temporal de cada contratación incentivada por un prazo superior aos 12 meses, ou desde o transcurso do período de 2 anos para o caso das contratacións indefinidas:

– Copia da vida laboral actualizada do persoal contratado, no seu caso.

– Informe da Administración pública competente en canto ao cumprimento do mantemento do emprego, no seu caso.

o) Subministrar á administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

p) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Área de Xestión

Rúa Airas Nunes, s/n. (Conxo)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999121 / 881999529 / 981957008

Fax: 981957007

Email: servizos.gain@xunta.gal

http://gain.xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Prazo de presentación: PECHADO

08/02/2020 00:00 - 08/06/2020 23:59 .

Continúa o prazo de presentación de solicitudes ata o 8 de xuño de 2020 ás 13:00 h, nos termos previstos na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de maio de 2020.

Amplíase  o prazo de solicitudes ata o 15 de mayo nos termos previstos na Resolución da Axencia Galega de Innovación, do 2 de abril de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (Anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria da/s actividade/s de I+D+i a realizar, segundo o modelo que se inclúe como Anexo II.

b) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

c) No seu caso, acreditación da condición de iniciativa de emprego de base tecnolóxica ou de selo de peme innovadora vixente, consonte as definicións do artigo 2 desta convocatoria.

d) No seu caso, vida laboral detallada actualizada, a data de solicitude do Principia 2020, dunha persoa contratada ao abeiro das convocatorias Principia 2016 o 2017 que continúe, sen substitucións e no mesmo grupo de cotización, na mesma entidade beneficiaria.

e) No caso de ter concedida algunha axuda para proxectos de I+D+i, copia da resolución de concesión dos últimas tres anualidades.

f) No seu caso, informe motivado vinculante das actividades de I+D+i das últimas tres anualidades.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Informe da Seguridade Social sobre a vida laboral da empresa.

e) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra minimis.

k) Concesións de subvencións e axudas.

l) Certificado de discapacidade das persoas contratadas.

m) Títulos oficiais universitarios ou non universitarios correspondentes ás persoas contratadas.

n) Informe de vida laboral das persoas contratadas.

ñ) Información da Administración pública competente en canto ao cumprimento do mantemento do emprego das persoas contratadas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).

    • Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).

    • Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

    • Resolución do 28 de xullo de 2020 pola que se adxudican as axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), convocadas pola Resolución do 23 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 7 de febreiro) (DOG nº 158 do 7 de agosto de 2020)

    • Resolución do 26 de outubro do 2020 pola que se adxudican as axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), convocadas pola Resolución do 23 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 7 de febreiro) novas adxudicacións da lista de suplentes (DOG nº 222 do 3 de novembro de 2020).

    • Resolución do 9 de novembro de 2020 pola que se adxudican as axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), convocadas pola Resolución do 23 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 7 de febreiro), referidas a novas adxudicacións da lista de suplentes (DOG nº 231 do 16 de novembro de 2020).

    • Resolución do 7 de decembro do 2020 pola que se dá publicidade do encargo á empresa pública Empresa Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. S.M.E. S.P., como medio propio personificado, das tarefas de apoio na xestión de diversas axudas (códigos de procedemento IN848C, IN848D, IN858A e IN852A).(DOG núm. 9 do 15 de xaneiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN608B

Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN845A

Axudas para a consolidación e a estruturación das unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/05/2025 00:00 - 23/06/2025 23:59

MR560B

Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano