Guía de procedementos e servizos

IN848C

Emprego xuvenil innovador.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 23/06/2017 00:00 - 24/07/2017 23:59

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2017 en réxime de concorrencia competitiva.

Actividades subvencionables.

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as contratacións de tecnólogos para a realización de actividades de I+D+i, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2017 ata o 1 de decembro de 2017, ambas inclusive, coas seguintes características:

a) As actividades de I+D+i que realicen os tecnólogos contratados deberán desenvolverse en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (anexo III).

b) O contrato de traballo que se formalice poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses.

c) A retribución anual bruta a percibir por cada tecnólogo contratado deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 euros.

d) O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

1º. Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos.

2º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións:

Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Título de formación profesional de grao superior ou equivalente.

3º. Non ter experiencia laboral superior a 36 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. Para o cómputo desta experiencia non se terán en conta as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais ou as bolsas.

4º. Non ter sido contratado nos 6 meses anteriores pola entidade solicitante, no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación.

5º. Non ter sido subvencionada a súa contratación ao abeiro da Resolución do 2 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de persoal técnico para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia) e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

2. Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado. os que se correspondan coa seguinte táboa:

3. A selección e contratación dos tecnólogos, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

a) As empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento no que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexa acorde á súa categoría profesional e titulación. O devandito salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.

i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. As ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.

j) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais así como nas publicacións, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i na que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe. O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.

k) Manter a duración temporal de cada contratación incentivada establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo ao persoal contratado durante un período de 2 anos contados desde a data de realización da contratación.

l) Para os efectos de xustificación final da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo dun mes desde o remate da duración temporal prevista de cada contratación incentivada (incluídas as posibles substitucións), ou desde o remate do período de 2 anos no caso de contratacións indefinidas, a seguinte documentación:

1º. Copias das nóminas aboadas ao persoal contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mailos impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan destes.

2º. Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal contratado.

m) Subministrar á administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

n) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Área de Xestión

Rúa Airas Nunes, s/n. CNTG (Conxo)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957008 / 981957393

Fax: 981957007

Email: servizos.gain@xunta.es

http://gain.xunta.es

Área de Xestión

Prazo de presentación: PECHADO

23/06/2017 00:00 - 24/07/2017 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Memoria da/s actividade/s de I+D+i a realizar, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

    • b) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • b) NIF da entidade solicitante.

  • c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

  • d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Dous meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 8 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de tecnólogos para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia) e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 118 do 22 de xuño de 2017).

    • Resolución do 25 de agosto de 2017 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a distribución entre créditos orzamentarios da Resolución do 8 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de tecnólogos para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG. nº 168 do 5 de setembro de 2017).

Outros procedementos relacionados

BS324A

Mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa: Axudas individuais de mobilidade para a mocidade galega

Tramitar en liña

Prazo pechado: 31/08/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59

IN845A

Axudas para a consolidación e a estruturación das unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 22/05/2025 00:00 - 23/06/2025 23:59

IN845D

Axudas para o rescate de proxectos de investigación galegos presentados á convocatoria de expresións de interese do ISCIII para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao fondo – COVID-19.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 25/08/2020 00:00 - 24/09/2020 23:59

IN848A

Subvencións para dotación de unidades de I+D dentro das empresas.

Prazo pechado: 25/01/2014 00:00 - 24/02/2014 23:59