Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN502E
Axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras en madeira. Liña 2
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Economía e Industria
Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de axudas ao desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Actuacións obxecto de apoio
– Liña 2 (código de procedemento IN502E): axudas á realización de obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos de madeira.
- Empresas e organismos intermedios.
Para os efectos destas bases, considerarase empresa calquera entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que desenvolvan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades de persoas e as asociacións que desenvolvan unha actividade económica de forma regular.
Para os efectos destas bases, entenderase como organismo intermedio as organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio ás pemes e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.
- Os beneficiarios, en función da súa categoría, deberán residir, ter o seu domicilio social ou un centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Obrigas das persoas beneficiarias
1. Con carácter xeral, son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como realización a actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo do artigo 3 das bases reguladoras.
e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Cumprir coas medidas informativas e publicitarias nos termos recollidos no artigo 25 das bases.
2. Especificamente, para a liña 2:
a) No caso de non ser quen de executar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia a ela no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo concedido para a execución.
b) Iniciar as obras logo de obtención da licenza urbanística ou presentación da comunicación previa, se procede, de conformidade co establecido na lexislación e o planeamento urbanístico.
3. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Axencia Galega da Industria Forestal
Avda. Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995472/ 881995473/ 881995474/ 881995479
Email: xera.ceei@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
18/07/2020 00:00 - 30/09/2020 23:59
1. O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria e permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2020, ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esta data.
2. As solicitudes de axuda presentaranse cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude ata o esgotamento do crédito.
1. Configúranse como requisitos de cada unha das liñas de apoio recollidas no artigo 2 os seguintes:
d) Liña 2:
– A obra deberá ter por obxecto o acondicionamento de novos establecementos comerciais ou de negocio, ou a reforma integral, reforma puntual, renovación, modernización ou ampliación dos existentes co fin de mellorar a imaxe exterior ou interior, mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética ou a acústica do local, cun orzamento mínimo subvencionable de 600 euros.
– Cando sexa preceptivo, a obra deberá contar con proxecto técnico ou memoria valorada asinada por un técnico competente e visada polo colexio profesional correspondente.
– O establecemento ou local de negocio deberá dispor da comunicación previa de actividade segundo o disposto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia. No caso de acondicionamento de novos establecementos, deberá acreditarse a presentación da comunicación previa para o inicio da actividade unha vez finalizada a obra, xunto coa documentación xustificativa que se deberá presentar para o pagamento da axuda.
– A persoa ou entidade beneficiaria deberá ser usuaria legal e actuar como propietaria, arrendataria, usufrutuaria do inmoble ou ser titular doutro título xurídico que permita a realización da obra obxecto de axuda.
– A obra deberá iniciarse con posterioridade á obtención da licenza municipal ou á presentación da comunicación previa, segundo proceda e sexa preceptivo.
– As obras deberán implicar a utilización de produtos de madeira ou derivados da madeira en, entre outros, cartelaría, letreiros, rótulos, carpintarías de ocos interiores e exteriores, escaparates, peches, mobiliario a medida, pavimentos ou revestimentos exteriores ou interiores, ou acondicionamento acústico.
2. Para todas as liñas, as actuacións descritas no artigo 2 deberán executarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
- As entidades solicitantes das liñas 1.1, 1.2 e 2 presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos as solicitudes de axuda a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Para as liñas 1.1, 1.2 e 2, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
- A presentación dunha solicitude ás convocatorias implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.
- Só se poderá presentar unha solicitude por liña de axuda.
- As solicitudes incluirán as seguintes declaracións responsables:
1º. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
2º. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.
3º. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4º. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.
5º. Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades para as cales se solicita a axuda.
6º. Declaración responsable de que ningún dos provedores está asociados nin vinculado coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
- Ademais, de xeito específico para as liñas 1.1, 1.2 e 2 incluirase:
1º. Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.
2º. Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
3º. Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
4º. Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.
Documentación complementaria necesaria para tramitar os procedementos
1. As persoas interesadas deberán achegar, segundo a liña solicitada, a solicitude de axuda (anexo II, III, IV e V, segundo corresponda) coa seguinte documentación:
d) Liña 2:
– Descrición dos investimentos previstos, o seu importe e os pagamentos que se prevén para cada anualidade (cubrirase directamente no anexo de solicitude de axuda).
– Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.
– Copia das escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores, no caso dunha sociedade, e certificación da situación censual, no caso de autónomos.
– Copia dos estatutos sociais da entidade solicitante.
– Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, de conformidade co disposto no artigo 7 destas bases.
– Memoria sucinta asinada por técnico competente, cando proceda, en que se detallen a actividade do solicitante (detallando CNAE), o uso a que se destina ou destinará o local e cada unha das actuacións para as cales se solicita subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar en relación coa utilización de produtos de madeira.
– Documentación técnica que resulte exixible segundo a natureza da intervención ou obra que se pretende acometer, proxecto técnico de obra, decoración ou interiorismo asinado por un profesional competente no cal deberán incluírse as actuacións para as cales se solicita subvención, que deberán coincidir coa memoria presentada, incluídas medicións e orzamento.
– Copia da solicitude de licenza de obra ou acreditación de presentación de comunicación previa, se procede.
– Fotografías ou documentos gráficos do local antes de iniciar as actuacións, agás no caso de que teñan realizado as actuacións con anterioridade á data de publicación da convocatoria.
– Copia do título que xustifique o dereito de uso do local.
– Copia da comunicación previa de actividade, no caso de obras de reforma.
No caso de existencia de máis dunha persoa propietaria ou que posúa algún dereito de uso sobre o inmoble, deberá achegarse a correspondente autorización en relación coas obras que se pretenden executar.
No caso de persoas arrendatarias ou usufrutuarias, deberá achegarse copia do contrato de arrendamento e a correspondente autorización do propietario e/ou nu propietario en relación coas obras que se pretenden executar.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola persoa interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para tramitación destas axudas, en función do tipo de procedemento afectado, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
– Para as liñas 1.1 (IN502B), 1.2 (IN502C) e 2 (IN502E):
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa solicitante.
c) IRPF da persoa solicitante.
d) DNI/NIE da persoa representante.
e) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Certificados de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de concesións de subvencións e axudas polo réxime de minimis.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexos II, III, IV e V), así como achegar os ditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta por parte do órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación das axudas que se publiquen ao abeiro destas bases, así como a comunicación do cumprimento das obrigas comprometidas, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia para as solicitudes vinculadas ás liñas 1.1, 1.2 e 2.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 142 do 17 de xullo de 2020).
-
Extracto da Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 142 do 17 de xullo de 2020).
-
Resolución do 15 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas no ano 2020 ao abeiro da Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 56 do 24 de marzo de 2021).
-
Resolución do 5 de agosto de 2021 pola que se modifican os artigos 18.2.a) e 23.3 respecto dos proxectos de investimento obxecto de axuda ao abeiro da Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020.(DOG nº 155 do 13 de agosto de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Inscrición ou modificación no Rexistro de Cartografía de Galicia.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social
Prazo pechado: 17/07/2020 00:00 - 17/08/2020 23:59