Guía de procedementos e servizos

IN421R

Subvencións para a mobilidade eficiente e sostible (Programa MOVES).

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 16/06/2019 00:00 - 31/12/2019 23:59

Consellería de Economía e Industria

A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente as anualidades 2019-2021 para a concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES).

Actuación 1: adquisición de vehículos de enerxías alternativas, será obrigatorio o achatarramento dun vehículo M1 de máis de dez anos ou dun vehículo N1 de máis de sete anos para as adquisicións de vehículos novos M1 ou N1.

Actuación 2: implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

Actuación 3: implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas.

Actuación 4: implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas.

Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 2.2 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, os seguintes:

Actuacións 1 e 2:

  • Profesionais e autónomos

  • Persoas físicas

  • Comunidades de propietarios

  • Persoas xurídicas e outras entidades con ou sen personalidade xurídica cuxo NIF comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, N, R ou W.

  • O sector público: Administración do Estado, Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e Administración local e sector público institucional.

Actuacións 3 e 4:

  • Profesionais e autónomos

  • Persoas xurídicas e outras entidades con ou sen personalidade xurídica cuxo NIF comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, N, R ou W.

  • O sector público: Administración do Estado, Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e Administración local e sector público institucional.

Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

b) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

Rúa Avelino Pousa Antelo, 5,San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

16/06/2019 00:00 - 31/12/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará no prazo de dous meses contados a partir do día hábil seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria, comezará as 9.00 horas e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2019.

Requisitos, condicións e solvencia.

a) Poderán ser entidades colaboradoras:

1º. Para a Actuación 1: os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa 615.1 Comercio por xunto de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios, ou 654.1 Comercio ao retallo de vehículos terrestres.

2º. Para a Actuación 2: as empresas con actividade de instalación de baixa tensión. Será necesario que estas empresas estean dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

As entidades colaboradoras teñen que ter o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos aos beneficiarios, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

2º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

3º. Xustificación da axuda ante o Inega.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no número 3 deste artigo.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas, en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

  • As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito ou cando se trate das Actuacións 1 e 2, as entidades colaboradoras. Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que recaía resolución de concesión.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas para tramitar as Actuacións 1 e 2.

  • A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas, se é o caso, polas entidades colaboradoras.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

  • A solicitude (anexo III) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario ou representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo III.

  • Para que unha solicitude sexa válida debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda, anexo III.

b) Autorización para a representación, anexo IV, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Unha oferta dun provedor para todas as actuacións e, salvo para a Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías alternativas, tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

  • Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que se concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

Documentación necesaria para a tramitación do procedemento.

  • Co envío da solicitude (anexo III) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Autorización para a representación segundo o anexo IV.

b) Cando se trate da Actuación 2: implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e da Actuación 3: implantación de sistema de préstamo de bicicletas eléctricas, deberá acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo de tres anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do rexistro da propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda. Contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do catastro inmobiliario.

c) Para as actuacións tipo 2, 3 e 4 memoria técnica descritiva da actuación que se vai acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c) deberá achegarse pola entidade colaboradora a seguinte documentación (Actuación 1-Adquisición de vehículos e Actuación 2-Implantación de infraestruturas de recarga):

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Cando se trate da Actuación 2-Instalación de infraestruturas de recarga, documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. A agrupación deberá nomear un representante autorizado para tramitar a subvención. Non se poderá disolver en canto estean vixentes os prazos de prescrición aplicables. Este anexo deberá formalizarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

4º. Cando se trate dunha comunidade de veciños o acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios, aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose a execución das respectivas obras (Actuación 2-Instalación de infraestruturas de recarga) e facultando o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención. Deberán constar os compromisos asumidos por cada membro, así como o importe da subvención que se vaia aplicar a cada un deles.

e) As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c), deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire a Administración xeral do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas de cada exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

f) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas letras a), b) e c) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no rexistro mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente. (Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

1º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente a actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

2º. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3º. No caso de empresas públicas, ademais, deberá achegarse certificado do representante legal ou de persoa habilitada onde se acredite a súa condición de empresa pública.

g) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo.

Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 € o solicitante ou persoa que o represente presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo. Isto non será aplicable no caso da Actuación 1-Adquisición de vehículos de enerxías renovables.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

h) Para aqueles casos en que o IVE poida ser subvencionable por non ser recuperable conforme a lexislación vixente será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna. Con carácter xeral, salvo para persoas físicas, considerarase o IVE como non subvencionable.

i) Cando se trate da Actuación 4. Implantación de medidas contidas en plans de transporte ao traballo en empresas, no caso de investimentos en protección do medio natural non separados, deberase achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que supoña unha menor protección do medio natural e que se podería realizar de forma crible sen a axuda.

j) Cando se trate da Actuación 1, cando proceda, certificado de discapacidade emitido por outra administración distinta da Xunta de Galicia.

k) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda Autonómica.

c) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

d) NIF do solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) DNI/NIE da persoa representante.

g) NIF da entidade representante.

h) Consulta de datos de vehículos e propietarios coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

i) Título de familia numerosa.

j) Certificado de discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución: Seis meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES). Anualidade 2019 (DOG nº 74 do 16 de abril de 2019).

    • Extracto da Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES). Anualidade 2019 (DOG nº 74 do 16 de abril de 2019).

    • Corrección de erros. Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES). Anualidade 2019 (DOG nº 78 do 24 de abril de 2019).

    • Corrección de erros. Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES). Anualidade 2019 (DOG nº 102 do 31 de maio de 2019).

    • Resolución do 4 de maio de 2020 pola que se insta a continuidade dos prazos de execución dos proxectos subvencionados e dos prazos de xustificación e pagamento das subvencións concedidas, establecidos na Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (Programa MOVES) (Diario Oficial de Galicia número 74, do 16 de abril) (DOG nº 88 do 8 de maio de 2020).

    • Resolución do 15 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas o abeiro da Resolución do 10 de abril de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES), anualidade 2019 (código de procedemento IN421R).(DOG núm. 17 do 27 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 13 de abril de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 21 da Resolución do 10 de abril de 2019, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES), anualidade 2019 (Diario Oficial de Galicia número 74, do 16 de abril de 2019) (DOG nº 74 do 21 de abril de 2021).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano