Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN421N
Adhesión para a xestión de subvencións de biomasa destinadas a particulares.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das axudas para proxectos de biomasa, destinadas a particulares, para o ano 2022 .
Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen no artigo 8 desta Resolución.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541510
Email: inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
19/01/2022 00:00 - 01/06/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución e rematará o 1 de xuño de 2022.
a) Será necesario que as entidades colaboradoras sexan persoas físicas ou xurídicas, presentasen unha declaración responsable como empresas de instalacións térmicas en edificios e que figuren inscritas no Rexistro Integrado Industrial do ministerio competente en materia de enerxía.
b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos ás persoas beneficiarias, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.
c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:
1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.
2º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.
3º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.
4º. Xustificación da axuda ante o Inega.
d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na páxina web do Inega (www.inega.gal).
Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.
e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no artigo 4 da resolución da convocatoria.
f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III desta resolución. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.
g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
h) No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I, artigo 3.3, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora, tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.
Solicitudes.
1. As solicitudes de adhesión serán presentadas pola entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera tramite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, segundo dispón o artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Adhesión de entidades colaboradoras.
a) Adhesión simplificada.
1º. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, destinadas a particulares, reguladas na Resolución do 28 de decembro de 2020 (DOG núm. 10, do 18 de xaneiro de 2021) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de biomasa, destinadas a particulares, para á anualidade 2022.
2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.
Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participasen no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, destinados a particulares, da anualidade 2021.
Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2021.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido.
3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse achegar a documentación solicitada con carácter xeral. Para todas as solicitudes simplificadas, o Inega poderá proceder comprobar os datos recollidos na adhesión común que se regula a continuación. Se, como consecuencia destas comprobacións, procede solicitar a emenda de documentación realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de adhesión común.
b) Adhesión común (alta novas entidades colaboradoras).
1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.
2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.
3º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
i. Recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é o caso, declaración responsable de exención de pagamento segundo figura no anexo I.
ii. Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinado pola entidade colaboradora.
Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.
iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.
iv. Cando se trate de medianas ou pequenas empresas deberá achegarse declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5º. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
c) Comprobación de datos.
1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
i. NIF da entidade colaboradora.
ii. DNI/NIE da persoa solicitante.
iii. DNI/NIE da persoa representante.
iv. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.
v. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
vi. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.
vii. Certificación de alta no imposto de actividades económicas, cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.
viii. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
d) Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Prazo de resolución:
Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG)
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan estas subvencións para o ano 2022 (DOG nº 11 do 18 de xaneiro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan estas subvencións para o ano 2022 (DOG nº 11 do 18 de xaneiro de 2022).
-
Resolución do 21 de setembro de 2022 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 23 da Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 11, do 18 de xaneiro) (DOG nº 186 do 29 de setembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición nas probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais.
Prazo aberto: 16/06/2025 00:00 - 30/06/2025 23:59
Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).
Aberto todo o ano
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano