Guía de procedementos e servizos

IN421N

Adhesión ao programa de axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 25/01/2021 00:00 - 29/01/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das axudas previstas na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, destinadas a particulares, e na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares (código de procedemento IN421N).

 Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

25/01/2021 00:00 - 29/01/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de cinco (5) días hábiles, a partir 25 de xaneiro de 2021 incluído, desde as 9.00 horas, e para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I).

1. Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria:

a) Para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico como empresas de instalacións térmicas en edificios (procedemento IN609E).

b) Para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

2. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos ás persoas beneficiarias, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

3. Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

b) Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

c) Xustificación da axuda ante o Inega.

4. Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

5. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no artigo 4 destas bases reguladoras.

6. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

7. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

8. No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I artigo 3.3 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.

Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras

1. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

c) Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

d) Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos.

e) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Inega.

g) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo I) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

b) Vender no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

c) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do convocatoria, en concreto a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

Adhesión de entidades colaboradoras

1. Adhesión simplificada.

a) Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, reguladas na Resolución do 18 de decembro de 2019 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, para a anualidade 2021.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II) e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participaran no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, da anualidade 2020.

Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2020.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido.

2. Adhesión común (altas novas entidades colaboradoras).

a) A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II) e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

c) Documentación complementaria:

1º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

i. Recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se for o caso, declaración responsable de exención de pagamento segundo figura no anexo I.

ii. Convenio de colaboración (anexo II) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

iv. Cando se trate de medianas ou pequenas empresas, deberá achegarse declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique ás empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4º. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (5MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

d) Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1º. NIF da entidade colaboradora.

2º. DNI/NIE da persoa solicitante.

3º. DNI/NIE da persoa representante.

4º. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

5º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

6º. Certificado de estar ao día no pagamento coa facenda autonómica.

7º. Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

8º. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Prazo de resolución:

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG)

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinadas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421N).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano