Guía de procedementos e servizos

IN421I

Axudas para proxectos de biomasa.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 09/06/2020 00:00 - 15/06/2020 23:59

Consellería de Economía e Industria

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e o fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, en concreto, os proxectos de biomasa do grupo B2 (caldeiras con sistemas de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros) e grupo B3 (caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 1.000 litros) que se desenvolvan en parroquias definidas como rurais ou intermedias, para os efectos da aplicación do Feader (clasificación ZPP ou ZIP do grao de urbanización da parroquia segundo o GU 2016).

Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo da montaxe e conexión.

f) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

En todo caso, os beneficiarios que gocen da exención do IVE deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e o material funxible en xeral.

b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

c) A reposición ou simple substitución de equipamentos existentes en proxectos financiados con fondos Feader. Para estes efectos enténdese por gastos de reposición ou substitución aqueles que se limiten a substituír unha máquina existente ou parte dela por unha máquina nova e moderna sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % ou introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou tecnoloxía correspondente).

d) O equipamento e os materiais de segunda man.

e) As obras de mantemento e os gastos de alugamento.

f) As taxas e licenzas administrativas.

g) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas propietarias de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 3 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, estas non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Obrigas das beneficiarias

1. Son obrigas das beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) O solicitante ten que facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que xuntarse á solicitude de axuda.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

As ofertas deberan respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

2º. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, o modelo, así como as características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 23 destas bases.

f) Cando non se poida executar o proxecto, deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarao a entidade colaboradora, mediante a presentación do anexo VI que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) A beneficiaria está obrigada a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

m) Cumprir coas medidas en materia de información e comunicación sobre o apoio procedente dos fondos Feader recollidas no punto 2 da parte 1 do anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014, da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través de Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

En todas as actividades de información, publicidade e comunicación que leve a cabo o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader á operación financiada, mostrando o emblema da Unión e unha referencia á axuda do Feader.

n) No marco das medidas de desenvolvemento rural, comprometerase a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que esa autoridade delegara a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades (artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro).

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

R/ Avelino Pousa Antelo, 5 San Lázaro

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

http://www.inega.es

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

14/02/2020 00:00 - 16/03/2020 23:59

09/06/2020 00:00 - 15/06/2020 23:59

O prazo de presentación das solicitudes de axudas amplíase en cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación das solicitudes de axudas será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao de remate do prazo de adhesión das entidades colaboradoras. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1.Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto unha vez presentada a solicitude de axuda.

b) As actividades deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, entendido como tal o ámbito de aplicación do PDR 2014-2020 de Galicia.

A delimitación destas zonas onde se debe realizar a actividade está definida no ámbito da parroquia en función da densidade da poboación. Só serán elixibles as parroquias definidas como rurais ou intermedias para os efectos da aplicación do Feader (clasificación ZPP ou ZIP do grao de urbanización da parroquia segundo o GU 2016). Na páxina web do Inega pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e as funcións para os cales foron aprobados.

d) Que sexan viables tecnicamente.

e) Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia enerxética.

f) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

g) Que o solicitante non teña sido sancionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano, se a infracción foi cualificada como leve; de dous anos, se a infracción foi cualificada como grave, ou de tres anos, se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

2. O beneficiario, no caso de pagamento indebido, quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, se é o caso, os xuros. Non se aplicará a obriga de reembolso se o pagamento é froito dun erro da autoridade competente ou doutra autoridade sen que o beneficiario puider detectar razoablemente ese erro (artigo 7.1 e 3 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo).

Con carácter xeral, os supostos de retirada total e parcial da axuda e a imposición de sancións administrativas ao beneficiario e ás entidades colaboradoras veñen regulados no artigo 63 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo.

Presentación solicitudes

1. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo III desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia

(https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Solicitudes

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

2. O beneficiario da axuda terá que pedir as tres ofertas necesarias para garantir a moderación de custos tal e como se recolle no artigo 12.1.c) destas bases reguladoras, tendo en conta que a oferta seleccionada corresponderá á da entidade colaboradora adherida encargada da tramitación da súa solicitude e que o equipamento térmico de biomasa cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 2 destas bases.

3. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas á convocatoria de axudas.

4. Unha vez elixida a instalación, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que a persoa que vai solicitar a axuda cumpre cos requisitos establecidos no artigo 11 destas bases para poder ser beneficiaria da axuda.

b) Cubrir a solicitude para esa solicitante, mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a páxina web do Inega (www.inega.gal). A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude da beneficiaria por duplicado.

A solicitude imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

5. A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada pola beneficiaria, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo III.

Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Co envío da solicitude (anexo III) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5 MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Autorización para a representación segundo o anexo IV.

b) Acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou a dispoñibilidade deles durante un período mínimo de cinco anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda; contrato de arrendamento ou cesión de uso, xunto co documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro Inmobiliario.

c) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude e a entidade colaboradora achegará a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento no cal consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

d) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o/a presidente/a posuirá a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentar:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que acepte as bases da convocatoria, se comprometa á execución das respectivas obras e faculte o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo V, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

e) Memoria técnica da actuación. Composta polos seguintes documentos:

1º. Planos de situación en que se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

2º. Folla de características do equipamento xerador utilizado.

3º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo específico dispoñible na web do Inega (www.inega.gal): unha memoria técnica na cal se describirán, de forma detallada, os sistemas xeradores e os compoñentes principais da instalación.

f) Presentación de tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo. Con independencia do importe do gasto subvencionable e na procura da moderación de custos, a entidade adherida a que corresponde a oferta seleccionada presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

As ofertas deberán ser comparables desde un punto de vista técnico-económico e corresponderán a instalacións con características similares. No caso de que non se escolla a oferta máis vantaxosa desdun punto de vista económico, deberá estar debidamente xustificada a elección e fundamentara en criterios técnico-económicos. No caso de que a xustificación non sexa a adecuada, poderá tomarse como investimento elixible o orzamento, correspondente á oferta máis económica.

Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas e non se admitirá o certificado, o informe, as invitacións realizadas ou documento similar que indique que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance.

No caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

g) Declaración responsable do solicitante da axuda de que as ofertas da instalación que se pretende levar a cabo proceden de empresas independentes segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

 Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose presentada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos de 5 MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

b) NIF do solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

c) Concesión de subvencións e axudas.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda autonómica.

 

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2020),

    • Extracto da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2020)

    • Corrección de erros. Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421H e IN421I) (DOG nº 20 do 30 de xaneiro de 2020).

    • Resolución do 4 de maio de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020), e se insta a continuación da tramitación do procedemento de concesión destas subvencións. (DOG nº 88 do 8 de maio de 2020).

    • Resolución do 2 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 4 de maio de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020), e se insta a continuación da tramitación do procedemento de concesión destas subvencións. (DOG nº 110 do 8 de xuño de 2020).

    • Resolución do 1 de xullo de 2020 pola que se dá publicidade da resolución pola que se conceden as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, sobre a base da convocatoria de subvencións realizada mediante a Resolución do 18 de decembro de 2019 deste mesmo órgano (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020) (DOG nº 136 do 9 de xullo de 2020)

    • Resolución do 23 de setembro de 2020 sobre ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido no artigo 5 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro) (DOG nº 197 do 29 de setembro de 2020).

    • Resolución do 10 de decembro de 2020 pola que se modifica o anexo da Resolución do 1 de xullo de 2020 pola que se dá publicidade á resolución pola que se conceden as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, sobre a base da convocatoria de subvencións realizada mediante a Resolución do 18 de decembro de 2019 deste mesmo órgano (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020) (DOG nº 258 do 24 de decembro de 2020).

Outros procedementos relacionados

FA009A

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración 008 e de autoliquidación 013 do Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).

Aberto todo o ano

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano