Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN225A
Bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de catro bolsas de formación na Consellería de Economía, Emprego e Industria da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria.
O importe total que se habilita para esta convocatoria, que se tramita como un expediente anticipado de gasto, está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente, e ascende a 59.200,00 €, que se imputará ás aplicacións 09.30.751A.480.0, «formación en materia de comercio» (57.200,00 €) e 09.30.751A.484.0, «cotas sociais para formación en materia de comercio» (2.000,00 €) dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2018, e que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social.
As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e do seu ámbito.
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo elaborará un programa formativo que integrará aspectos relativos á actividade comercial, o estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, e o sector da distribución e as estruturas comerciais. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas materias de comercio e artesanía sobre as cales o centro directivo ten competencia.
Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo nomeará unha/un titora/or responsable das actividades de formación que desenvolverán as/os bolseiras/os.
O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2018 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación das persoas bolseiras ata o 30 de decembro.
O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Profesionais no campo da actividade comercial e do seu ámbito.
As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:
a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa, dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da concesión.
b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.
c) Presentar, coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III. Así mesmo, deberán presentar a dita declaración antes de cada pagamento mensual.
d) Presentar, tamén coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.
e) Comunicarlle a súa renuncia á Dirección Xeral de Comercio e Consumo con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.
f) Comunicarlle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.
g) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como bolseiras/os.
h) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios presentando os traballos e informes que determine a Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.
i) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas, en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.
j) Presentar, no momento de aceptar a bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa.
k) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.
«En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xañeiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade a que se atopen vinculadas das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xañeiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei».
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial
Servizo de Normativa, Innovación e Ordenación Comercial
Edificios Administrativos. San Caetano, 3ª planta
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545525
Fax: 981545541
Email: cei.dxcomercio@xunta.gal
desde o resto do Estado: 902 12 00 12
Prazo de presentación: PECHADO
23/01/2018 00:00 - 22/02/2018 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.
Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliadas/os na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciada/o, arquitecta/o, enxeñeira/o ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título, ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, cando remate o prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2009 ou posterior.
d) Non ter desfrutado anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.
e) Non ter emprego remunerado.
f) Non desfrutar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.
g) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.
h) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
Xunto coa solicitude (anexoII) deberá presentarse copia da seguinte documentación:
a) Título de perfeccionamento de lingua galega ou Celga 4 se non está homologado polos órganos competentes en materia de política lingüística.
b) Certificación académica persoal de carácter oficial en que conste a nota media do expediente académico da titulación.
c) Curriculum vitae da persoa solicitante en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos por parte das administracións públicas.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) Certificado de residencia da persoa solicitante.
c) Titulación oficial universitaria.
d)Título de perfeccionamento de lingua galega ou Celga 4 se está homologado polos órganos competentes en materia de política lingüística.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
2. As/os beneficiarias/os das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo quedan exentas/os de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, tendo en conta que as persoas a quen se dirixen estas axudas teñen que estar en posesión dun título universitario de acordo coa memoria que para o efecto se inclúe no procedemento do 1 de novembro de 2017, a través do formulario normalizado do anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes deste procedemento dispoñen da capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, segundo o establecido no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscales, administrativas e de ordenación: «De acordo coa lexislación básica, regulamentariamente poderá establecerse o deber de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración para determinados procedementos e certos colectivos de persoas físicas respecto dos que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que ten acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios».
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de aceptación
- Declaración responsable (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 15 do 22 de xaneiro de 2018)
-
Resolución do 29 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das bolsas concedidas ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación nesta dirección xeral e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 112 do 13 de xuño de 2018).
-
Resolución do 2 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se publican as bolsas de formación concedidas ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 154 do 13 de agosto de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Bonos Activa comercio.
Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano