Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN201H
Subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables as seguintes actuacións, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.
3.1. Implantación de solucións dixitais para a adaptación das empresas comerciais e artesanais ás novas tendencias do mercado.
En concreto, considéranse gastos subvencionables:
a) A implantación ou actualización de páxinas web comerciais e a mellora da imaxe en liña dirixidas á comercialización dos seus produtos.
O investimento máximo subvencionable:
– Para a implantación de páxinas web con venda en liña é de 4.000,00 € (IVE excluído).
– Para a implantación de páxina web é de 1.000,00 € (IVE excluído).
– Para a mellora e actualización da páxina web con venda en liña é de 1.000,00 € (IVE excluído).
A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable.
O investimento subvencionable deberase adecuar ás seguintes características técnicas e de deseño:
No caso da web corporativa:
– Estar optimizada para SEO.
– Ter acceso á internet a través dun hosting con acceso do propietario da web ao código e claves da web.
– Estar adaptada a todos os dispositivos móbiles.
– Dispor de fotos de calidade profesional cun peso máximo de 400K e resolución de 72 dpp.
– Dispor de páxina de política de privacidade de acordo coa lexislación vixente, links ás redes sociais da empresa.
– Ter instalado e configurado Google Analytics.
No caso de web con acceso a tenda en liña, ademais do previsto anteriormente para a páxina web, deberá:
– Estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.
– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 30 % das referencias de que se dispoñen na tenda física.
– Ter pasarela de pagamento.
b) A loxística dixital a través do deseño e implantación dun packaging para a venda en liña adecuado ás características do produto e á imaxe e identidade da empresa comercial ou artesanal, dirixidas á mellora da comercialización e da imaxe.
O investimento máximo subvencionable será de 5.000,00 € (IVE excluído). A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable.
c) Implantación de ferramentas de xestión: sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais, comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.
O investimento máximo subvencionable será de 3.000,00 € (IVE excluído). A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable.
d) Os servizos de xestión de redes sociais. A axuda consistirá nun tícket para a xestión de redes sociais, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolverá en colaboración coa Federación Galega de Comercio, durante o ano 2018.
3.2. Proxectos de modernización integral do local comercial incluídos nun proxecto de decoración e interiorismo.
En concreto, considéranse gastos subvencionables:
a) As obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial.
b) Adquisición de moblaxe destinada á mellora da imaxe comercial e adquisición de equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.
c) Actuacións de mellora da fachada exterior do local comercial e instalación de toldos, carteis, letreiros ou similares.
Para o conxunto destas actuacións, o investimento máximo subvencionable será de 30.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 15.000,00 € (IVE excluído).
A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable.
O investimento máximo subvencionable ampliarase ata 2.000,00 € para atender os custos polos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo e decoración, sempre que este non supere o 10 % do investimento total solicitado.
4. Non se consideran gastos subvencionables:
Nas actuacións contidas no número 3.1:
– A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, impresoras, televisores, reprodutores de son e imaxe e TPV.
– Bolsas convencionais.
– Accións de publicidade e de posicionamento na rede.
Nas actuacións contidas no número 3.2:
– As obras ou actuacións en cuartos de baño, oficinas, almacéns e outras dependencias non afectas ao uso da actividade de exposición e venda.
– Os permisos, licenzas ou cotas de colexios oficiais ou calquera outro tributo ou imposto.
– A instalación de sistemas de alarma, seguridade ou similares.
– A adquisición de materiais ou outros elementos para a realización das obras polo propio solicitante.
– A adquisición de moblaxe e artigos de exposición e proba, susceptibles da venda posterior ao público, e de expositores de carácter temporal ou de uso exclusivo en campañas promocionais.
– A adquisición de televisores e reprodutores de son ou imaxe.
Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial
Servizo de Normativa, Innovación e Ordenación Comercial
Edificio Administrativo San Caetano, 3ª planta
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545507 / 981545525
Fax: 981545541
Email: cei.dxc.axudas@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
02/02/2018 00:00 - 01/03/2018 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
a) Comerciantes retallistas:
– Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exerceren a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio (DOUE 124, do 20 de maio; p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
– Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que esta constitúa a actividade principal do solicitante.
– Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
b) Titulares de obradoiros artesanais:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.
Non poderán ser beneficiarios/as destas axudas as empresas en crise, conforme á definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1); nin aqueles que, tendo sido beneficiarios do procedemento IN201H, renunciasen a el ou perdesen o dereito ao cobramento total da subvención nos últimos dous anos (2016 e 2017).
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
b) Documento acreditativo de poder bastante, para actuar ante a Administración, do representante legal da entidade solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación, para procedementos ante a Xunta de Galicia, que figura na sede electrónica.
c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberase nomear un representante único da agrupación con poder suficiente para cumprir as obrigas que lle corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE en máis dunha actividade económica e algunha delas non é subvencionable, segundo o anexo II das bases reguladoras, deberá xustificar cal delas é a principal.
No caso de sociedades, presentará a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior e, no caso de comunidades de bens ou sociedades civís, documento acreditativo oficial da actividade principal.
As persoas físicas e as sociedades que non dispoñan da declaración do IRPF ou do IVE, por teren iniciado a actividade recentemente, substituirán estes documentos pola declaración prevista no número 10 da solicitude (anexo IV).
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas en canto dispoñan deles. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Informe emitido pola Seguridade Social de vida laboral do último ano, con todos os códigos de conta de cotización do solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.
f) Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar. Estarán exentas da presentación de memoria as solicitudes de subvención para a actuación prevista no artigo 1, número 3.1 d).
g) No caso de comerciantes retallistas que soliciten as actuacións definidas no artigo 1, número 3.2, das bases da convocatoria:
Proxecto de decoración e interiorismo asinado por un profesional da decoración, interiorismo ou arquitectura, no cal se deberán incluír as distintas actuacións para as cales se solicita a subvención, que deberán coincidir coa memoria presentada, e o deseño gráfico do resultado final que se pretende obter.
Fotografías ou documentos gráficos do local antes de iniciar as actuacións, agás no caso en que realizasen as actuacións con anterioridade á data da publicación desta orde.
h) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel. Estarán exentas da presentación das facturas ou orzamentos as solicitudes do tícket de xestión de redes sociais previsto no artigo 1, número 3.1.d).
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo, do 14 de novembro, para o contrato menor o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberá achegar na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberase achegar a documentación disposta nos parágrafos seguintes:
h.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.
h.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e das ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.
h.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:
h.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.
h.3.2. Cando, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
i) Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.
j) Para os efectos sinalados no artigo 9 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación, que en ningún caso será obxecto de requirimento:
Certificado expedido polo órgano competente de estar integrado nun centro comercial aberto, asociación de comerciantes, empresarios ou artesáns.
Documentación acreditativa de ter participado nun programa de remuda comercial promovido pola Administración pública, asociación ou federación de comerciantes de Galicia, ou Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Galicia, agás nos casos de axudas convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria (IN216A).
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante.
e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas para as persoas físicas inscritas.
f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
h) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nun parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración doutras axudas (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 23 do 1 de febreiro de 2018)
-
Extracto da Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 23 do 1 de febreiro de 2018).
-
Corrección de erros. Extracto da Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 25 do 5 de febreiro de 2018)
-
Resolución do 27 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais (código de procedemento IN201H). Actuación subvencionada: servizos dun xestor de redes sociais (DOG nº 196 do 15 de outubro de 2018).
-
Resolución do 27 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais (código de procedemento IN201H) (DOG nº 196 do 15 de outubro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano