Guía de procedementos e servizos

IG535A

Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-Pemes).

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 12/02/2020 00:00 - 30/10/2020 23:59

Consellería de Economía e Industria

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-Pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto no artigo 35 e 63 da Lei 9/2007.

Neste caso, a operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.

e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

12/02/2020 00:00 - 30/10/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes da liña «Microcréditos COVID-19» que se inclúe na epígrafe I.5. do anexo I comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 30 de outubro de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) En caso de persoas xurídicas:

1º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.

3º. No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil –ou noutro rexistro, segundo proceda– correspondentes ao último exercicio pechado, xunto co informe de auditoría de ser o caso.

b) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente. Así mesmo as comunidades de bens deberán presentar o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

c) A documentación específica, se é o caso, sinalada no anexo I para cada liña de financiamento.

d) Complementariamente poderá solicitarse a achega daqueloutra documentación xustificativa necesaria para avaliar o risco da operación e o seu axuste ás finalidades da axuda.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

En aplicación do artigo 50.b) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, os solicitantes ou, se é o caso, os socios da comunidade de bens, poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración autonómica ou de non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico da solicitude.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude:

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

- A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada, coa colaboración das SGR adheridas, que revisarán a documentación achegada polas solicitantes e comprobarán que cumpran as condicións e requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como a execución e cumprimento da finalidade da axuda.

- Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade de crédito e á SGR, a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

No caso de que a SGR designada solicite o coaval da operación, deberá comunicalo a través da mesma Extranet, indicando o importe da operación a coavalar e a SGR á que solicita o coaval.

As SGR revisarán as solicitudes e a documentación presentada, e comunicarán ao Igape, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude, a través da Extranet de entidades colaboradoras, se reúnen a documentación e requisitos esixidos nas bases, detallando se é o caso a documentación que falta.

- De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se a solicitude non reúne a documentación ou os datos esixidos nestas bases, o Igape requirirá o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta, con indicación de que en caso contrario, teráselle por desistido da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

- Previa comunicación á SGR da documentación complementaria se é o caso presentada, a SGR remitirá ao Igape validación do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda e a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 25 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, ou se é o caso no prazo dos 10 días hábiles seguintes á comunicación da documentación complementaria, a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

- A entidade de crédito deberá comunicar a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 35 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

- Posteriormente, o Igape remitirá á entidade de crédito, con copia á SGR, a través desta mesma canle, a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña un recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

- No caso de non recibir resposta da entidade de crédito ou da SGR respecto da autorización da operación nos prazos establecidos, ou se a resposta dalgunha ou de ambas entidades é denegatoria, ordenarase o arquivo do expediente.

- A verificación polas SGR da documentación presentada coas solicitudes e do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como as comunicacións sobre a concesión da operación polas SGR e as entidades de crédito ao Igape e as verificacións sobre o cumprimento das finalidades da axuda, presentaranse a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

A autorización de acceso á Extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR e as entidades de crédito teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo VI, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade. Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a Extranet de entidades colaboradoras.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, relativos á persoa ou entidade solicitante ou a cada un dos socios da comunidade de bens, se é o caso:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

h) Consulta de concesións pola regra de mínimis da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo III) e achegar os documentos.

3.Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Para a liña «Microcréditos COVID-19» que se inclúe na epígrafe I.5. do anexo I, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión/denegación será de dous meses desde a recepción no Rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 28 do 11 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 7 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 28 do 11 de febreiro de 2020).

    • Resolución do 31 de marzo de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) (código de procedemento IG535A) (DOG nº 64 do 1 de abril de 2020)

    • Extracto da Resolución do 31 de marzo de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG número 28, do 11 de febreiro) (código de procedemento IG535A) (DOG nº 64 do 1 de abril de 2020).

    • Resolución do 9 de xullo de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) e modificadas pola Resolución do 31 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 64, do 1 de abril) (código de procedemento IG535A) (DOG nº 137 do 10 de xullo de 2020)

    • Extracto da Resolución do 9 de xullo de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) e modificadas pola Resolución do 31 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 64, do 1 de abril) (código de procedemento IG535A) (DOG nº 137 do 10 de xullo de 2020)

    • Resolución do 15 de marzo de 2021 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre este instituto, as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) e modificadas mediante a Resolución do 31 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 64, do 1 de abril) e mediante a Resolución do 9 de xullo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 137, do 10 de xullo) (DOG nº 55 do 23 de marzo de 2021).

    • Resolución do 21 de abril de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro e segundo trimestres de 2020 (DOG nº 82 do 3 de maio de 2021).

    • Resolución do 19 de outubro de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2020 (DOG nº 210 do 2 de novembro de 2021).

    • Resolución do 2 de xuño de 2022 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o segundo trimestre de 2021 (DOG nº 117 do 20 de xuño de 2022).

    • Resolución do 19 de setembro de 2022 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2021 (DOG nº 194 do 11 de outubro de 2022).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano