Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG502A
Axudas para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (Programa Talento Industria 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
1. O obxecto das axudas é a incorporación, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de formación profesional ás empresas ou a outras entidades de soporte, para realizar traballos que melloren as capacidades do tecido empresarial.
2. Serán subvencionables as contratacións laborais e gastos de formación realizados por empresas e organismos intermedios de carácter empresarial que estean dirixidos a executar de proxectos de mellora competitiva.
Consideraranse os seguintes tipos de proxectos de mellora competitiva:
a) Optimización financeira/mellora do circulante.
b) Profesionalización da produción e a cadea loxística.
c) Relanzamento comercial.
d) Xestión por procesos e sistemas de xestión da calidade.
e) Imaxe e comunicación empresarial.
f) Deseño e desenvolvemento da estratexia empresarial.
g) Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
h) Innovación empresarial.
i) Desenvolvemento do capital humano.
j) Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
k) Asesoramento integral ao proceso emprendedor.
l) Dixitalización da empresa.
m) Creación de contidos dixitais.
n) Incorporación efectiva de tecnoloxía.
3. Os proxectos poderán consistir tanto na execución de plans de mellora competitiva internos das empresas como na prestación de servizos de mellora a terceiros. Neste último caso, os servizos a empresas nos que se integrarán as persoas contratadas non consistirán en actividades permanentes ou periódicas de xestoría ou auditoría (asesoría ou xestión fiscal, contable, laboral, servizos xurídicos periódicos, auditoría, publicidade e outros similares).
4. Os contratos obxecto de subvención deberán cumprir coas seguintes condicións:
a) Formalizar as contratacións entre os candidatos que formen parte da base de datos de candidatos Profesionais 4.0, accesible no enderezo http://www.igape.es/profesionais4.0. O acceso como candidato a esta base de datos estará aberto en todo momento a partir da publicación no DOG da convocatoria destas bases reguladoras e pecharase o día de publicación da resolución, ben que poderán abrirse prazos adicionais de entrada como candidato á base de datos, que serán obxecto de resolución da Dirección Xeral do Igape e publicados no DOG.
A contratación débese comunicar ao Servizo Público de Emprego (SEPE).
b) Os contratos deberán ser formalizados entre a data de presentación da solicitude e seis meses despois da data de notificación da resolución de adxudicación da axuda. A data aproximada de contratación deberá ser comunicada ao Igape para os efectos de organizar temporalmente as correspondentes reservas de crédito.
c) Os proxectos de mellora deberán desenvolverse en centros de traballo de Galicia.
d) O contrato de traballo que se formalice deberá ser a tempo completo e poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses. Non se admitirán contratos de alta dirección.
e) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior a 19.000 €.
f) O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:
– Idade entre os 18 e os 35 anos.
– Titulación que acredite un nivel EQF (marco europeo de cualificacións) 5 ou superior: titulación universitaria (grao/diplomatura ou superior) ou título de técnico superior de formación profesional ou equivalente. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, deben estar homologados en España.
– Experiencia non superior a 24 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. Para os efectos destas bases, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación os 1 e 2 no caso das persoas con titulación universitaria e os 3 e 5 no caso das persoas con titulación de formación profesional.
– Estar dados de alta coma demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego.
– Non ter sido contratado anteriormente pola entidade solicitante.
– Non ter vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.
g) O persoal contratado deberá darse de alta no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación, segundo o punto anterior.
h) O persoal contratado poderá ser substituído, sempre que o substituto cumpra cos termos da resolución de concesión, e a duración do seu contrato sexa polo menos polo tempo restante ata 12 meses do contrato anterior, ou indefinida no caso de que o contrato orixinal o sexa.
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) As empresas con 2 ou máis empregados por conta allea equivalentes a tempo completo no momento da solicitude que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.
b) Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas as entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústeres empresariais.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 da Comisión.
b) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os beneficiarios serán responsables de:
a) Seleccionar e contratar as persoas que van realizar os proxectos segundo a normativa laboral en materia de contratación, as condicións establecidas nestas bases reguladoras e o indicado na solicitude de axuda.
b) Integralas na execución dos proxectos de mellora durante o período de vixencia da axuda.
c) Asignar unha persoa titora para a supervisión e formación directa das persoas contratadas.
d) Asegurar un contorno laboral de acordo coa normativa en materia de prevención de riscos laborais, contratación e outras aplicables.
e) Colaborar co Igape nas actividades que, de ser o caso, organice dirixidas ao persoal contratado mediante este incentivo.
4. Cada entidade poderá solicitar axuda para un máximo de 5 contratos.
Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas dos beneficiarios:
a) Executar a actividade que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión.
b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. Someterse a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga, tras a oportuna comunicación da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.
d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 5 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos do PO FSE Galicia 2014-2020.
f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto por parte do Igape, a Xunta de Galicia e o PO FSE Galicia 2014-2020, segundo o establecido no anexo III a estas bases.
g) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.
h) Facilitar á Consellería de Facenda a información axeitada sobre as actividades desenvolvidas e realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos e darase de alta na correspondente aplicación informática Participa 1420.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151/ 981541147
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
07/08/2019 00:00 - 07/10/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:
Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicitan a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto por 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións responsables:
a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.
d) Que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
e) Que nela non concorre ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
g) Que se compromete a manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos do PO FSE Galicia 2014-2020.
h) Que se compromete a conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación concluída (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).
i) Número de traballadores e facturación correspondentes ás últimas contas pechadas da entidade.
j) Axudas de minimis solicitadas e recibidas nos 2 exercicios fiscais anteriores e no exercicio fiscal en curso, incluídas, de ser o caso, as empresas vinculadas.
2. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento e ademais deben declarar a súa capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.
No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, realizarase a anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
3. Os solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria do proxecto, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación, e incluirá como mínimo a información seguinte:
– O lugar en que se vai desenvolver o proxecto.
– O proxecto ou proxectos de mellora competitiva que se van acometer durante os 12 meses de incentivo á contratación, xunto cun plan mensual de tarefas asignadas a cada persoa.
– O programa formativo en que se van encadrar as persoas contratadas, de ser o caso.
– A información necesaria para avaliar os criterios sinalados no artigo 6 destas bases.
– A identidade do titor e os seus compromisos de dedicación como tal.
b) Os solicitantes non inscritos no Rexistro Mercantil presentarán a documentación acreditativa da súa constitución e do poder de representación correspondente.
De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
Así mesmo, de conformidade co citado artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.
Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Consulta dos datos de constitución, estatutos e administradores, no caso de solicitantes inscritos no Rexistro Mercantil.
d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.
e) NIF da entidade solicitante.
f) NIF da entidade representante.
g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
j) Certificado da renda das persoas físicas referido ao último período impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria, no caso de autónomos.
k) Informe da Seguridade Social sobre a vida laboral da empresa.
l) Títulos oficiais universitarios ou non universitarios correspondentes ás persoas contratadas.
m) Situación de inscrito como demandante de emprego correspondente ás persoas contratadas.
n) Información da Administración pública competente en canto ao cumprimento do mantemento do emprego, que poderá ser consultado indistintamente polo Igape ou Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou no documento de información ao persoal contratado (anexo IV) e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 148 do 6 de agosto de 2019).
-
Extracto da Resolución do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 148 do 6 de agosto de 2019).
-
Resolución do 8 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 9 do 15 de xaneiro de 2020).
-
Resolución do 5 de febreiro de 2020 pola que se abre un prazo adicional de entrada como candidato á base de datos de Profesionais 4.0. (DOG nº 29 do 12 de febreiro de 2020).
-
Resolución do 26 de maio de 2020 pola que se abre un prazo adicional de entrada como candidato á base de datos Profesionais 4.0. (DOG nº 110 do 08 de xuño de 2020).
-
Resolución do 24 de febreiro de 2021 pola que se abre un prazo adicional de entrada como candidato á base de datos Profesionais 4.0.(DOG nº 43 do 4 de marzo de 2021).
-
Resolución do 21 de abril de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro e segundo trimestres de 2020 (DOG nº 82 do 3 de maio de 2021).
-
Resolución do 19 de outubro de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2020 (DOG nº 210 do 2 de novembro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.
Aberto todo o ano
Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.
Aberto todo o ano
Autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.
Aberto todo o ano
Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
Aberto todo o ano