Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG410A
Axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
As presentes bases teñen por finalidade o fomento da cooperación para a competitividade e a innovación empresarial en distintos ámbitos de interese para a actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes) para a posta en marcha do clúster emerxente, cofinanciando a elaboración do seu primeiro plan estratéxico ou a posta en marcha de iniciativas prioritarias contidas nese primeiro plan estratéxico, no caso de que fose elaborado con anterioridade.
Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada dos custos de elaboración do plan estratéxico ou da listaxe de proxectos que promoverá durante o período de vixencia da axuda.
Agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes).
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Fax: 981558844
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
15/11/2022 08:00 - 14/12/2022 14:00
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o prazo dun mes.
1. As axudas recollidas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes), que cumpran as seguintes condicións:
a) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster, cunha antigüidade inferior a tres anos á data de solicitude da axuda e domicilio social en Galicia.
b) Que representen unha cadea de valor arredor dun sector de actividade eminentemente industrial ou ben que representen un agrupamento transversal (por tecnoloxía ou por mercado obxectivo) que teña impacto na dixitalización ou na sustentabilidade do tecido empresarial.
c) Que, en calquera das dúas posibilidades anteriores, representen un subconxunto da actividade empresarial galega cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2021.
d) Que cando menos o 60 % dos seus asociados directos iniciais sexan empresas e, destas, que o 50 % ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.
e) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
Solicitudes.
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:
a) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
b) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.
c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o rexistro electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e condicións dos artigos 1 e 4, e mención explícita aos criterios sinalados no artigo 7 destas bases.
b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
c) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de concesións pola regra de minimis.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 7 de novembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 216 do 14 de novembro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 7 de novembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 216 do 14 de novembro de 2022).
-
Resolución do 25 de abril de 2023 pola que se dá publicidade da resolución de concesión das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 86 do 5 de maio de 2023).
-
Resolución do 28 de agosto de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas por este instituto durante o primeiro e o segundo trimestres de 2023 (DOG nº 173 do 9 de setembro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano