Guía de procedementos e servizos

IG408F

Axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 25/10/2023 08:00 - 15/12/2023 14:00

Consellería de Economía e Industria

Facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023.

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases, as empresas que teñan cando menos un centro de traballo en Galicia, e que sexan titulares de adegas de elaboración de viño (CNAE 1102), acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.

2. As empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros.

No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro segundo do Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, de acordo co previsto no punto 3.bis do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

www.igape.gal

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

25/10/2023 08:00 - 15/12/2023 14:00

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 15 de decembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Solicitudes.

1. Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa ou entidade solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles ás persoas ou entidades solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Considérase que todas as persoas ou entidades solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas ou entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa ou entidade solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas ou entidades solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. Unicamente será admitida unha solicitude por persoa beneficiaria na convocatoria, que estará referida a todas as operacións de préstamo subvencionables desta campaña. No caso de que unha mesma persoa beneficiaria presente máis dunha solicitude, entenderase que renuncia a todas as previamente por ela presentadas, que serán obxecto de arquivo sen máis trámite.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas interesadas deberán achegar acreditación do cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Esta acreditación será:

– Para empresas que de acordo á normativa contable en vigor poidan presentar contas de perdas e ganancias abreviada, unha declaración responsable.

– Para sociedades que de acordo coa normativa contable non poidan presentar contas de perdas e ganancias abreviada, mediante un certificado dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Contas.

b) Comunicación/s por parte da/s entidade/s bancaria/s da/s operación/s concedida/s para adquisición de uva ou financiamento de circulante de explotación, coa seguinte información mínima:

– Titular da operación.

– Prazo de vixencia.

– Calendario de amortización previsto.

– Importe concedido.

– Tipo de xuro aplicable durante o primeiro ano de vixencia.

– Comisión de formalización.

– Data de formalización.

– Importe disposto.

c) Comunicación/s da/s SGR/s do/s aval/avais concedido/s, de ser o caso, coa seguinte información mínima:

– Titular da operación.

– Importe avalado.

– Entidade de crédito ante quen se presta o aval.

– Vixencia do aval.

– Comisión de apertura e/ou estudo.

– Comisión de aval anual.

– Data de formalización.

d) Declaración responsable da persoa beneficiaria relativa ao importe total de uva adquirida a terceiros na campaña 2023 das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, incluíndo o IVE correspondente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

i) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo II) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, e se convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 202 do 24 de outubro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 16 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, e se convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 202 do 24 de outubro de 2023).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano