Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG408B
Préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Publicar as bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, e convocar os ditos préstamos en réxime de concorrencia non competitiva.
1. Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.
c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.
2. Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, agrupacións e as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se van aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigacións que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarias dos préstamos:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.
c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
San Lázaro. Complexo Administrativo
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151 / 981541147
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
17/07/2019 00:00 - 31/12/2019 23:59
- O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).
b) O 31 de decembro de 2019.
Unha vez finalizado o prazo, non se admitirán máis solicitudes. Non obstante o anterior, no suposto de existir remanente de crédito cando finalice o prazo, mediante acordo do Consello de Dirección do Igape, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, poderase ampliar o prazo anterior co límite do 31 de marzo de 2020.
- Segundo a Resolución do 14 de novembro de 2019, o prazo para a liña de "Préstamos para financiar a Operativa da Industria Auxiliar Naval" é dende o día 19 de novembro de 2019 ata o día 31 de decembro de 2019.
1. Forma e lugar de presentación de solicitudes.
Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.igape.es/gl/oficina-virtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador do documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
As solicitudes de préstamo presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de modo obrigatorio na citada aplicación informática e que se achega como anexo VI.1 a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque teña un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concedéronselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desistiron da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo VI.1), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As solicitudes de préstamo e a achega da documentación realizaranse por medios electrónicos, incluídas as persoas físicas, tendo en conta que, ao ter a condición de empresarios, se considera acreditado o acceso e a dispoñibilidade de medios para o efecto, sen prexuízo do cal se pon á disposición as oficinas do Igape e un número de teléfono específico de información especializada, para prestarlles a asistencia e os medios técnicos para o efecto.
No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a corrección.
Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura baste para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e cos seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá anexar necesariamente un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.
b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electrónicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).
c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, de ser o caso, no rexistro competente.
2º. Contas anuais, auditadas de ser o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
3º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.
e) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.
f) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estaren as actividades situadas en zonas naturais protexidas.
g) De ser o caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
h) Relación detallada dos investimentos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
i) Copia do contrato de alugamento/concesión/superficie do inmoble obxecto do proxecto de investimento, de ser o caso.
j) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.
De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
Así mesmo, de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.2. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que se poderá requirir a exhibición do documento orixinal.
Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá dixitalizar previamente os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do devandito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigacións tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
h) Certificado da renda do último exercicio no caso de persoas físicas ou comunidades de bens.
i) Para o estudo da solicitude e o seguimento posterior das operacións, será necesario cualificar o risco de crédito. Exclusivamente con esta finalidade poderanse solicitar informes de solvencia financeira da solicitante e dos seus avalistas, dos rexistros mercantís e da propiedade, da Central de Información de Riscos do Banco de España, así como de bases de datos, públicas e privadas, que recompilen datos de morosidade, incidencias xudiciais ou outros. Tamén se poderá obter información do cumprimento e historial crediticio das entidades financeiras que participen no financiamento do proxecto, así como das sociedades de garantía recíproca.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 2 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 134 do 16 de xullo de 2019).
-
Extracto da Resolución do 2 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 134 do 16 de xullo de 2019).
-
Resolución do 14 de novembro de 2019 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que modifica as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia (DOG nº 219 do 18 de novembro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 14 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que modifica as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia (DOG nº 219 do 18 de novembro de 2019).
-
Resolución do 21 de abril de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro e segundo trimestres de 2020 (DOG nº 82 do 3 de maio de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano