Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IG408A - Axudas e préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial
O obxecto das axudas e dos préstamos regulados nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, e coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Proxectos obxecto de apoio
1. Constitúe o obxecto das presentes bases reguladoras a concesión de axudas e, se é o caso, de préstamos parcialmente reembolsables, para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:
I.1. Proxectos de investimento empresarial xerais.
I.2. Proxectos de investimento empresarial no sector de aloxamento.
I.3. Proxectos de investimento en equipamento produtivo.
No anexo I ás presentes bases desenvólvense, nun cadro de especificacións, os requisitos, condicións e características de cada unha destas modalidades.
2. Tipoloxías de proxectos obxecto de apoio.
Os proxectos de investimento obxecto de apoio deberán responder a algunha das tipoloxías de proxecto subvencionables establecidas na epígrafe A.1) do cadro de especificacións, para cada unha das modalidades incluídas no anexo I.
Así mesmo, deberán cumprir os requisitos específicos establecidos, para cada tipoloxía de cada modalidade do anexo I, na epígrafe A.2) do cadro de especificacións.
3. Dimensión do proxecto de investimento e acumulación de solicitudes:
O importe do investimento subvencionable dos proxectos para os que se solicita a axuda e, se é o caso, préstamo, deberá estar incluído dentro dos límites indicados para cada modalidade do anexo I, na epígrafe A.3) do cadro de especificacións.
No caso de que o investimento subvencionable dunha solicitude, determinado logo do cumprimento dos demais requisitos establecidos nas presentes bases, supere o límite máximo fixado na epígrafe A.3) do cadro de especificacións para cada modalidade do anexo I, para os efectos da concesión, axustarase o investimento subvencionable a esa contía máxima.
As pemes interesadas poderán presentar un máximo de dúas solicitudes de axuda ao abeiro das liñas reguladas nas presentes bases reguladoras. En todo caso, o importe de investimento subvencionable acumulado para todas as solicitudes dun mesmo solicitante nesta convocatoria non excederá o 1.200.000 €. Para estes casos, será aplicable, cando proceda, o previsto no parágrafo anterior, e a contía máxima acumulada a que será axustado o investimento subvencionable será a de 1.200.000 €.
Actividades subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos proxectados para o desenvolvemento das actividades relacionadas, para cada modalidade do anexo I, na alínea B) do cadro de especificacións.
2. De acordo coa normativa aplicable, en todo caso, exclúense as seguintes actividades:
a) As recollidas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
b) As actividades de produción e primeira comercialización dos produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea e as actividades de transformación de produtos agrícolas enumerados no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea en produtos agrícolas enumerados no dito anexo I.
c) As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector da construción naval, do sector das fibras sintéticas, do sector do transporte, así como as infraestruturas conexas e a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas e préstamos as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
No caso das agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2 das presentes bases.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Para estes efectos, poderán ter a condición de beneficiarias as empresas que non se atopaban en situación de crise o 31 de decembro de 2019, pero pasaron a ser empresas en crise no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2021, salvo que a causa da situación de crise se refira a que a solicitante se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos na normativa nacional aplicable para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
- O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) nº 651/2014, coas limitacións previstas na letra c) do punto 3 anterior, para considerar unha empresa en crise.
Condicións dos proxectos
1. A beneficiaria deberá realizar unha aportación financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.
Non se consideran exentos de apoio público, entre outros, os préstamos bonificados, os préstamos de valores ou capital públicos, as participacións públicas que non cumpran o principio de investidor nunha economía de mercado, as garantías estatais que conteñan elementos de axuda ou o apoio público outorgado dentro do ámbito da norma de minimis.
2. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación en que a empresa incorrería en calquera caso.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda e, se é o caso, de préstamo. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención e, se é o caso, préstamo, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
3. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión. Este prazo estará baseado no proposto polo solicitante no plan de investimentos e, con carácter xeral, rematará dentro dos 12 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión, sen que poida exceder a data establecida para o efecto na resolución de convocatoria. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.
4. Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, excepto que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referise á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas no poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerase subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.
5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
6. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á dita tipoloxía.
7. Os proxectos deberán estar vinculados a unha das actividades subvencionables establecidas nas presentes bases reguladoras.
No caso de establecementos en que a solicitante desenvolva ou vaia desenvolver máis dunha actividade económica, soamente serán subvencionables os investimentos vencellados á actividade para a que se propón o proxecto, a cal deberá ser subvencionable e non terá por que ser, necesariamente, a actividade principal que desenvolva a empresa.
Cando un ou varios elementos integrantes do proxecto estea ou estean vencellados a máis dunha actividade da empresa, para os efectos de determinar o investimento subvencionable, considerarase exclusivamente o importe proporcional á vinculación do elemento en cuestión á actividade subvencionable para a que se propón o proxecto. Nestes casos:
a) Se o concepto de investimento é obra civil, construción ou reforma, ou adquisición de edificacións, e están claramente diferenciados os metros cadrados asignados a cada actividade, para os efectos de determinar o investimento subvencionable deste concepto aplicarase a proporción de metros cadrados correspondentes á actividade subvencionable.
b) Se o concepto de investimento é obra civil, construción ou reforma, ou adquisición de edificacións, e non están claramente diferenciados os metros cadrados ou corresponden a zonas comúns, considerarase subvencionable o importe do investimento proporcional á porcentaxe de facturación da empresa que supoña a actividade subvencionable nese establecemento.
c) Para os restantes elementos integrantes do proxecto de uso non exclusivo para a actividade subvencionable, considerarase subvencionable o importe do investimento proporcional á porcentaxe de facturación da empresa que supoña a actividade subvencionable nese establecemento.
8. Os proxectos deberán esta vinculados a un único establecemento e a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante ou noutros establecementos, salvo no previsto nas excepcións previstas nos dous seguintes parágrafos.
Poderá ser subvencionable a adquisición de «útiles para provedores», entendidos estes como máquinas, ferramentas ou equipos e aplicacións informáticas conexas, non para o uso da solicitante no establecemento, senón para poñelos á disposición de provedores seleccionados para a produción de produtos por parte do provedor que servirán como materias primas ou produtos intermedios no proceso de produción da solicitante. Estes activos serán propiedade da empresa solicitante, pero póñense á disposición do provedor para as tarefas e nas condicións definidas nun contrato de subministración ou acordo similar.
Igualmente poderá ser subvencionable a adquisición de equipamento para cuxa utilización sexa necesaria e imprescindible a súa instalación nos establecementos dos clientes da solicitante. Estes activos serán propiedade da empresa solicitante e soamente localizaranse nas instalacións do cliente mentres permaneza vixente a súa relación comercial.
9. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Fax: 981558844
Email: informa@igape.es
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Igape - Oficina da Coruña
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Praza de Luis Seoane, s/n, 2ª planta
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981182239
Fax: 981182240
Email: coruña@igape.es
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Igape - Oficina de Ferrol
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Praza Camilo José Cela s/n, 4ª planta
15403 Ferrol (Coruña, A)
Teléfono: 981337101
Fax: 981337106
Email: ferrol@igape.es
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Igape - Oficina de Lugo
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Ronda da Muralla, 70, baixo
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294032
Fax: 982294801
Email: lugo@gape.es
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Igape- Oficina de Ourense
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Avda. da Habana, 79 - 5ª planta
32004 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988687289
Fax: 988687290
Email: ourense@gape.es
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Igape- Oficina de Pontevedra
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Fernández Ladreda, 43 - 5ª planta
36003 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805305
Fax: 986805308
Email: pontevedra@igape.es
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Igape- Oficina de Vigo
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Praza da Estrela 9,7ª planta
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817366
Fax: 986817361
Email: vigo@igape.es
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Resolución do 4 de agosto de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas e dos préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 154 do 12 de agosto de 2022).
Extracto da Resolución do 4 de agosto de 2022 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas e dos préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 154 do 12 de agosto de 2022).
Resolución do 20 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito destinado á concesión das axudas e dos préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial (DOG nº 226 do 28 de novembro de 2023).
Resolución do 28 de agosto de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas por este instituto durante o primeiro e o segundo trimestres de 2023 (DOG nº 173 do 9 de setembro de 2024).
Prazo de presentación: PECHADO
13/08/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes de axuda e, se é o caso, préstamo, comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As persoas interesadas solicitantes de axuda poderán solicitar, adicionalmente, un préstamo parcialmente reembolsable para o financiamento do proxecto, mediante a formalización das epígrafes correspondentes dentro do formulario de solicitude. Nestes casos, a solicitude será conxunta e o expediente será único.
2. Forma e lugar de presentación das solicitudes:
Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.
c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, coas limitacións previstas na letra c) do punto 3 do artigo 4 das presentes bases reguladoras.
d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.
e) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, se é o caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, e poderanse impoñer as seguintes sancións:
1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.
2. Cando o importe do prexuízo económica correspondente á infracción exceda dos 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do punto 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, os infractores poderán ser sancionados, ademais:
i. Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.
ii. Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para celebrar contratos coa Administración ou outros entes públicos.
iii. A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.
O Igape poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.
f) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.
h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable aa beneficiaria en cada caso.
i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos segundo o establecido no artigo 30.1.a) das bases reguladoras.
j) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización do dito prazo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivamento.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá, necesariamente, anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación relacionada para cada modalidade do anexo I, na alínea E) do cadro de especificacións.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa presentación.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitarlle de maneira motivada que presente unha copia autenticada electrónica.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada opóñase á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
i) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación do mantemento e da creación do emprego.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e presentar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia.
Axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa centros de fabricacion avanzada), susceptibles de ser cofinanciadas no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas Estratéxicas Abertas), promovidas por grandes empresas galegas
Axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.