Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IG401D - Axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o acceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novas, proporcionando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional.
Empresas.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) As pemes deberán contar no devandito centro, polo menos, cun traballador por conta allea na data de publicación no DOG destas bases de axudas.
d) Que teñan un importe de facturación no último exercicio con obriga de depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil, ou de presentación da declaración da renda, como mínimo do dobre do proxecto presentado pola empresa na súa solicitude de axuda. Terase por cumprido este requisito cando exista unha achega por parte dos socios aos fondos propios da sociedade por un importe mínimo do dobre do orzamento do proxecto presentado realizada no ano natural anterior ao de presentación de solicitudes.
e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
g) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007 ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
c) As empresas que comercialicen produtos ou servizos incluídos nos conceptos subvencionables.
d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase por parte das sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.
Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Email: informa@igape.es
Instituto Galego de Promoción Económica – Igape
Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 2 do 3 de xaneiro de 2024).
Extracto da Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 2 do 3 de xaneiro de 2024).
Prazo de presentación: PECHADO
04/01/2024 08:00 - 04/03/2024 14:00
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses, contados desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo de dous meses, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude da axuda.
No devandito formulario a entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.
c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.
A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito ao cobramento e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, polo que constituirá unha infracción moi grave, tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderanse impor as sancións seguintes:
1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.
2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, e concorra algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do número 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:
i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou doutros entes públicos.
ii) Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa Administración ou outros entes públicos.
iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
e) Que manterá un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
f) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e o aboamento dos gastos subvencionables durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
g) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os cales se solicita esta subvención.
h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.
i) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato errado ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non se tramitarán e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda. Unha vez transcorrido o devandito prazo, teranse por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa que asina a solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dúas sinaturas, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas que o asinan autorizan a unha delas para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificado dixital do presentador, e transferido este ao Igape, realizarase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberán solicitalo no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo do correo electrónico en que queren recibir o xustificante.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto, que se deberá cubrir no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación, onde deberá constar, como mínimo:
– A descrición da entidade solicitante.
– A descrición dos produtos ou servizos ofrecidos e xustificación do seu potencial exportador a través de canles dixitais.
– Unha definición clara e concisa do principal obxectivo do proxecto e dos resultados esperados.
A información contida na memoria deberá ser axeitada e suficiente para avaliar a calidade e viabilidade do proxecto.
b) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.
c) No caso de persoas xurídicas: certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas no último exercicio económico pechado para o cal se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, incluíndo o informe de auditoría, se é o caso.
d) No caso de xustificar as achegas dos socios ao fondo propio, deberá achegar a escritura pública onde conste a operación.
e) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación das bases, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
f) Plan de financiamento do proxecto: informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento. O Igape poderá solicitar documentación xustificativa do devandito plan (certificacións de entidades financeiras, escrituras de ampliación de capital, pólizas e préstamos formalizados bancarios ou con socios, etc.).
g) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar a persoa solicitante, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases.
h) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «do no significant harm»–DNSH), segundo o anexo IV das bases.
i) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 4.2.d) das bases, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo III das bases:
i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.
ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente, con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.
j) Anexo V de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa presentación.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando o exixa a relevancia do documento no procedemento ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación dos datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/ NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Imposto de actividades económicas (IAE).
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1 das bases.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Consulta de concesións pola regra de minimis.
l) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
m) Certificado da renda (IRPF).
n) DNI/NIE das persoas traballadoras.
o) Informe da vida laboral das persoas traballadoras.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-Acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020
Axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Axudas do Igape aos investimentos das Pemes en equipos produtivos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder galicia 2007-2013