Guía de procedementos e servizos

IG300B

Axudas a proxectos de formación industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 02/01/2018 00:00 - 02/03/2018 23:59

Consellería de Economía e Industria

1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas:

a) Proxectos de capacitación nestas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas coa Industria 4.0:

Robotización e robotización colaborativa.

Fabricación aditiva.

Sensórica e actuadores mecatrónicos.

Sistemas cíber-físicos.

Automatización total ou estendida.

Intercomunicación máquina-máquina.

Conectividade total ou estendida.

Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

Personalización de produtos.

Internet das cousas, internet dos equipamentos e máquinas.

Big data, cloud computing e ciberseguridade.

Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

b) Proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial, dirixidos preferentemente á capacitación de mandos intermedios, nestas temáticas: organización industrial, xestión avanzada de compras, liderado de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de bussines intelligence e de vixilancia tecnolóxica, co-creación de produtos, e novos modelos de negocio. Aos efectos desta axuda, entenderase por mando intermedio o empregado que teña ao seu cargo persoal e competencias para a organización do traballo baixo as instrucións da dirección da empresa.

2. Os proxectos de capacitación deberán incluír formación presencial in company nunha porcentaxe non inferior ao 20 % do total das horas. Enténdese como formación presencial in company a que ten como finalidade facer prácticas reais e se imparte na planta produtiva dunha empresa ou nas instalacións dun centro ou institución tecnolóxica de Galicia.

3. Non se concederán axudas para formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente para cumprir normas nacionais en materia de formación.

4. En todos os proxectos deben participar un mínimo de 5 traballadores en activo de empresas con centro de traballo ou domicilio social en Galicia. Os proxectos formativos terán unha duración presencial mínima de 30 horas, que deberá levarse a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes. No caso de proxectos co mínimo de 5 traballadores asistentes, ese número debe manterse durante toda a duración do proxecto de capacitación. A execución do proxecto con menos de 5 traballadores en activo en empresas galegas será causa de incumprimento total. Considerarase que o alumno finalizou a formación cando asistise polo menos ao 75 % do total de horas (presenciais e in company) da acción formativa.

5. Para os efectos do disposto no apartado anterior, consideraranse traballadores en activo as persoas vinculadas profesionalmente cunha empresa galega dalgunha destas formas:

a) Relación laboral (contrato de traballo por conta allea, común ou especial).

b) Autónomos dependentes (contratos trade).

c) Socios ou administradores da empresa (cotizantes á Seguridade Social nalgún réxime).

d) Titulares da empresa ou actividade (empresarios autónomos).

Os proxectos obxecto de axuda deberán dar unha adecuada difusión á actividade formativa e permitir a calquera traballador en activo de empresas galegas a asistencia á mesma. O solicitante deberá indicar no cuestionario de solicitude os criterios que utilizará para seleccionar os asistentes no caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñible. Esta selección deberá realizarse mediante criterios obxectivos, nos que a relación entre o posto de traballo e a temática do curso, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o acceso preferente a discapacitados pese ao menos un 70 % nos mesmos, e un mínimo dun 20 % individualmente.

6. Os alumnos participantes deben obter unha capacitación ou cualificación ao rematar a acción formativa.

A estes efectos enténdese por capacitación ou cualificación a superación dunha proba formal na que se avalíe o coñecemento do alumno e se determine que acadou un resultado de aprendizaxe segundo uns determinados estándares.

Este resultado debe reflectirse no certificado de aproveitamento ou diploma que se entregue a cada participante, no que como mínimo constarán tamén a denominación da acción formativa, os contidos formativos, duración en horas e período de impartición, e que debe cumprir cos requirimentos de publicidade do FSE.

7. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a un único proxecto formativo, podendo cada solicitude comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o que solicite axuda). O número de proxectos aprobados nunha convocatoria a unha entidade será como máximo de cinco.

8. As accións formativas deberán realizarse dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión.

9. Todas as accións formativas deberán ter comezado no ano en que se resolva a convocatoria e rematar antes do prazo de execución de proxectos establecido nesta.

Poderán ser beneficiarios destas axudas organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe, ou clusters empresariais que teñan as características recollidas no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Son obrigas dos beneficiarios:

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión, notificando as actividades formativas que se vaian realizar previamente á súa celebración cunha antelación mínima dunha semana. Esta notificación levarase a cabo no enderezo electrónico igape-competitividade@igape.es e deberá especificar todas as datas, horas e lugares de impartición da acción formativa, tanto as sesións de formación presencial coma a formación in company, e as súas modificacións. O incumprimento desta obriga dará lugar á perda do dereito á subvención nos termos establecidos no artigo 16 destas bases reguladoras.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo.

4. Comunicar ao Igape a solicitude e a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvenciona­das, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Manter unha pista de auditoría suficiente e dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na documentación contable de forma separada, polo tanto, é preciso manter de forma separada na contabilidade os gastos subvencionados e o ingreso da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

6. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o FSE segundo o establecido no Anexo III a estas bases, en particular as establecidas no anexo XII, apartado 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013.

7. Facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade de entidades e participantes e os de resultado inmediato enumerados no artigo 5 do Regulamento 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. Esta información deberá facilitarse a través da aplicación Participa 1420, á que se accede no enderezo electrónico http://participa1420.conselleriadefacenda.es. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior a finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de 6 meses dende a finalización do proxecto coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo.

8. Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no Título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

11. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Email: informa@igape.es

http://www.igape.es

Presencialmente, nas oficinas do Igape indicadas no enderezo seguinte: http://www.igape.es/es/que-e-o-igape/onde-estamos

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

02/01/2018 00:00 - 02/03/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses e comezará o 2 de xaneiro de 2018.

- Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as empresas aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

- Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

  • As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Acreditación da representación con que se actúa.

    • b) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

    • c) Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o plan estratéxico.

    • d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 5.1 destas bases reguladoras.

    • e) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6 destas bases e á proba de avaliación que establece o artigo 1.6, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.

    • f) Declaración responsable do representante legal de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda, que se cobre no cadro de declaracións do anexo I.

    • g) Declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade, que se cubrirá no formulario de solicitude.

  • Comprobación de datos.

  • 1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

    • a) DNI da persoa representante.

    • b) NIF da entidade solicitante.

    • c) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. 

    • d) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

    • e) Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

    • f) Certificado de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

  • 2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

  • 3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda; transcorrido este prazo, teránse por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

  • Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

    • a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

    • b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

    • c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

    • d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

    • e) No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 245 do 28 de decembro de 2017).

    • Extracto da Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 245 do 28 de decembro de 2017).

    • Resolución do 6 de abril de 2018 pola que se procede á publicación dos requirimentos de emenda das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 73 do, 16 de abril de 2018).

    • Resolución do 7 de xuño de 2018 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG nº 119 do 22 de xuño de 2018).

    • Resolución do 26 de outubro de 2018 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o segundo trimestre de 2018 (DOG nº 212 do 7 de novembro de 2018).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG302A

Avais do Igape.

Aberto todo o ano