Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IG300A - Premios e axudas do Igape aos proxectos agrupados industria 4.0 en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Obxecto
- O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes non inferior a 5, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.
A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías relacionadas cos conceptos de «Industria 4.0», segundo os termos recollidos na «Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0», que inclúe as seguintes:
1º. Robotización e robotización colaborativa.
2º. Fabricación aditiva.
3º. Sensórica e actuadores mecatrónicos.
4º. Sistemas ciber-físicos.
5º. Automatización total ou estendida.
6º. Intercomunicación máquina-máquina.
7º. Conectividade total ou estendida.
8º. Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).
9º. Personalización de produtos.
10º. Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas.
11º. Big Data, cloud computing e ciberseguridade aplicadas á industria.
12º. Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministros coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.
13º. Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.
- Os apoios aos proxectos agrupados Industria 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes do mesmo:
a) Premios aos seis proxectos sectoriais máis representativos do concepto «Industria 4.0»:
1º. Cualificaranse o proxecto máis representativo dentro dunha determinada categoría sectorial segundo a súa definición, desenvolvemento, características e condicións de execución, e que integrará a implementación de diversas solucións en todas e cada unha das pemes individuais participantes.
2º. Poderanse premiar un máximo de 6 categorías sectoriais (determinadas polos sectores de actividade ou ámbitos de negocio que presenten proxectos ao concurso). O premio outorgaráselle ao organismo intermedio líder da agrupación. En caso de non poder conformar as 6 categorías sectoriais, ou que o premio dalgunha categoría quede deserto, poderá asignarse máis dun premio nunha categoría.
b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados:
1º. As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.
2º. No caso de que as subvencións concedidas ás pemes participantes nos proxectos premiados non esgoten o orzamento publicado, o Igape poderá seleccionar o proxecto colectivo con maior puntuación entre os non premiados e subvencionar os proxectos das pemes participantes, e así sucesivamente ata o esgotamento do crédito restante.
3º. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, de 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020:
i) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa Industria 4.0 segundo se define no artigo 1 destas bases. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.
ii) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.
4º. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.
5º. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.
Os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.
Se a exclusión dunha ou mais pemes reducira o número de participantes a menos de 3, denegaríase a solicitude no seu conxunto.
6º. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.
7º. O beneficiario deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade. No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
8º. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.
9º. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.
10º. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
11º. Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente a cada peme os investimentos e gastos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.
12º. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.
13º. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.
A quen vai dirixido?
1. Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:
a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.
b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.
2. Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan unha actividade no ámbito da nova industria.
Aos efectos destas bases, entenderase por:
a) Peme galega:
a) As pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto e que desenvolvan a súa actividade empresarial nalgún dos ámbitos de actividade subvencionables.
b) Ámbito da «nova industria»:
As actividades da industria manufactureira e as dos servizos á industria, segundo o concepto de ‘nova industria’ definido na Axenda de Competitividade Industrial de Galicia: «ampliando o tradicional concepto de industria para abarcar os servizos á produción, complementarios e interdependentes desta».
As empresas do sector transporte só poderán obter axudas para as colaboracións externas.
Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) As empresas que desenvolvan a súa actividade nos sectores seguintes:
i) Pesca e acuicultura.
ii) Produción agrícola primaria.
iii) Sector do aceiro, sector do carbón, sector da construción naval, sector das fibras sintéticas, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
Son obrigas dos beneficiarios:
a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte á natureza do investimento, ou o cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.
b) Colaborar co Igape nas actividades de demostración do concepto «Industria 4.0»: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas, e calquera outra similar.
c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación ou, no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, de 2 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.
f) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.
g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.
j) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no art. 5.
k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.
Requisitos
1. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos cinco pemes galegas. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez fallado o premio, e concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:
a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.
b) Acordo de representación da agrupación e elección do organismo intermedio como representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma.
c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta a concurso descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.
d) Acordos de confidencialidade.
e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.
f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, segundo o anexo IV.
g) Sinatura de todos os integrantes.
A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
2. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio poderá liderar unha ou máis agrupacións sempre que os proxectos se presenten a categorías sectoriais diferentes. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) As empresas que desenvolvan a súa actividade nos sectores seguintes:
i) Pesca e acuicultura.
ii) Produción agrícola primaria.
iii) Sector do aceiro, sector do carbón, sector da construción naval, sector das fibras sintéticas, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
A onde acudir
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Email: informa@igape.es
Presencialmente, nas oficinas do Igape indicadas no enderezo seguinte: http://www.igape.es/es/que-e-o-igape/onde-estamos
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
IGAPE - Oficina da Coruña
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Praza de Luis Seoane, s/n, 2ª planta
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981182239
Fax: 981182240
Email: coruña@igape.es
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
IGAPE - Oficina de Ferrol
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Praza Camilo José Cela s/n, 4ª planta
15403 Ferrol (Coruña, A)
Teléfono: 981337101
Fax: 981337106
Email: ferrol@igape.es
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
IGAPE - Oficina de Lugo
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Ronda da Muralla, 70, baixo
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294032
Fax: 982294801
Email: lugo@gape.es
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
IGAPE- Oficina de Ourense
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Avda. da Habana, 79 - 5ª planta
32004 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988687289
Fax: 988687290
Email: ourense@gape.es
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
IGAPE- Oficina de Pontevedra
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Fernández Ladreda, 43 - 5ª planta
36003 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805305
Fax: 986805308
Email: pontevedra@igape.es
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
IGAPE- Oficina de Vigo
Edif. Adm. Xunta de Galicia. Praza da Estrela 9,7ª planta
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817366
Fax: 986817361
Email: vigo@igape.es
Órgano responsable
Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE
Normativa
Ámbito Autonómico
Resolución do 13 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 21 do 31 de xaneiro de 2020).
Extracto da Resolución do 13 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 21 do 31 de xaneiro de 2020).
Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).
Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
Resolución do 11 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade da resolución de concesión dos premios e axudas aos proxectos agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.(DOG nº 12 do 20 de xaneiro de 2021).
Resolución do 19 de outubro de 2021 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2020 (DOG nº 210 do 2 de novembro de 2021).
Prazo
Prazo de presentación: PECHADO
01/02/2020 00:00 - 31/03/2020 23:59
12/05/2020 00:00 - 29/05/2020 23:59
Continúa o prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de maio de 2020.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Documentación para a presentación
Forma e lugar de presentación das solicitudes:
Para presentar a solicitude, a agrupación solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A solicitude será presentada a través do organismo intermedio que lidere a dita agrupación. Para tal fin, con carácter previo á presentación da candidatura, deberá terse constituído a agrupación das pemes participantes á que fai referencia o artigo 4 destas bases.
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.
Dada a finalidade destas axudas de implementar tecnoloxías 4.0, para participar nun proxecto destas características as empresas deben partir dun nivel de desenvolvemento dixital no que se refire a recursos físicos e persoais que supón necesariamente que os autónomos que participen dispoñen de medios electrónicos adecuados, polo que a única vía de tramitación é a electrónica.
No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
- Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.
A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:
a) Documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación segundo o establecido no artigo 4.
b) Compromiso expreso do organismo intermedio líder da agrupación de realizar pola súa conta os seguintes soportes divulgativos segundo as instrucións ditadas polo Igape:
1º. Un vídeo de 5 minutos de duración cando menos no que se visualice o resultado da execución do proxecto de cada empresa e se valoren cualitativamente os resultados do conxunto da agrupación.
2º. Este vídeo complementarase cun informe de resultados de cada peme, cunha extensión orientativa de dúas páxinas por empresa, orientado á súa publicación web e no que se ofrecerá información gráfica e textual sobre cada proxecto.
c) Para cada partícipe da agrupación:
1º. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil ou as inscritas que se opoñan expresamente a que o Igape consulte estes datos.
2º. As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado as pemes participantes, de acordo co establecido no artigo 5 destas bases reguladoras.
3º. Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.3 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Esta memoria tamén deberá incluír a correlación entre os ámbitos da Industria 4.0 que se implementan no proxecto de cada peme e os investimentos e gastos propostos.
4º. Anexo IV de comprobación de datos, que inclúe as seguintes declaracións da persoa partícipe da agrupación ou representante relativas á peme integrante da agrupación:
i) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
ii) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
iii) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
iv) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
v) Que cumpre os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.
vi) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
vii) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.
viii) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun investimento subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (art. 125.4.d) e 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013).
ix) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras.
x) Se é o caso, que ten implantado un plan de igualdade.
xi) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa peme ou cos seus órganos directivos ou xestores de acordo co artigo 43.2 do Decreto 11/2009.
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
Para o organismo intermedio líder da agrupación:
a) Consulta de concesións pola regra de minimis.
Para cada unha das pemes integrantes da agrupación:
a) DNI/NIE da persoa partícipe da agrupación.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude ou no anexo IV de comprobación de datos, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude:
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Como podo?
+Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Resolución
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Como podo?
+Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"