Guía de procedementos e servizos

IF319B

Subvención para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 01/06/2023 10:00 - 15/11/2024 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas (código de procedemento IF319B).

Persoas físicas maiores de idade.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

SAN CAETANO, S/N

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981-544581

Email: ebici@xunta.gal

https://ebici.xunta.gal

Dirección Xeral de Mobilidade

A solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe publicada en cada momento na páxina https://ebici.xunta.gal

Prazo de presentación: PECHADO

01/06/2023 10:00 - 15/11/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 10.00 horas do día 1 de xuño de 2023 e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.

A presentación realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web https://ebici.xunta.gal

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022.

Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir na data de presentación das solicitudes.

Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal

2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, na URL https://ebici.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. No formulario, que figura como anexo II desta orde, o solicitante declarará expresa e responsablemente o seguinte:

a) Se, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, solicitou ou se lle concedeu algunha outra axuda para este mesmo concepto para o cal solicita esta subvención.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

c) Que, na data da solicitude, está empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia e que a actuación se realizará no prazo de 30 días naturais desde a reserva dos fondos.

d) Que non adquire ningunha outra bicicleta nova con pedaleo asistido ou bicicleta de man, nin obtivo axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022.

e) Que coñece as bases da presente convocatoria de axudas para a adquisición de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Que os investimentos para os cales se solicita a axuda non foron iniciados nin contratados con anterioridade á publicación da convocatoria de axudas.

j) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlles ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

k) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de dous (2) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

l) Respectar o destino do investimento polo menos os dous (2) anos posteriores á data da resolución do pagamento final.

m) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse á Dirección Xeral de Mobilidade.

n) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude da persoa beneficiaria. Cada entidade colaboradora só poderá ter unha única sesión aberta.

4. A solicitude (anexo II) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará dixitalmente a solicitude de axuda en representación da persoa beneficiaria, a través da aplicación habilitada para o efecto.

Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo III, que deberá ser asinado pola persoa beneficiaria, dixitalizado, e achegarse coa solicitude da axuda presentada pola entidade colaboradora na súa representación. Carecerá de validez calquera solicitude en que se incorporase calquera cambio, agás o da sinatura, respecto do/dos documento/s xerado/s pola aplicación, que deban ser impresos, dixitalizados e presentados novamente a través dela.

5. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática habilitada para o efecto. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Por tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De producirse o esgotamento dos fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos, que poderán ser reasignados para os expedientes que estean na listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7. Unha vez presentada a solicitude, reservaranse os fondos asociados á axuda durante o prazo de execución previsto no artigo 32. Se neste prazo non se presenta a solicitude de pagamento indicada no artigo 25, entenderase que o solicitante desiste da súa solicitude e perderá o dereito á reserva de fondos, que se reasignarán para as solicitudes que eventualmente estean na listaxe de espera, segundo a orde de prelación que corresponda.

Documentación complementaria

1. As entidades colaboradoras deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación pola entidade colaboradora (anexo III) asinada pola persoa solicitante da axuda.

b) Certificado de discapacidade, non caso de que non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A documentación complementaria deberá presentarse dixitalmente.

Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de residencia con data de última variación no padrón da persoa solicitante.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente e non se opoña á súa consulta:

a) Título de familia numerosa.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que ningunha solicitude individualmente considerada superará os 3.000,00 euros, a verificación das certificacións indicadas nas letras c), d) e e) substituirase pola verificación de ter formalizado a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, a Administración poderá consultar en calquera momento posterior as indicadas certificacións e, no suposto de verificar que a declaración responsable non se axusta á realidade, abrirase un expediente de reintegro da axuda fronte á persoa beneficiaria desta.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro que corresponda habilitada no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados dixitalmente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou, directamente, no URL https://ebici.xunta.gal

Prazo de resolución:

Un mes contado desde a data da presentación da solicitude

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (DOG nº 86 do 5 de maio de 2023).

    • Extracto da Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (DOG nº 86 do 5 de maio de 2023).

    • Corrección de erros. Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (DOG nº 109 do 9 de xuño de 2023).

Outros procedementos relacionados

IF204A

Autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade, así como os cambios de uso, na zona de dominio público viario e/ou nas zonas de protección das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto accesos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205C

Consulta previa de viabilidade dunha autorización.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF205D

Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF207B

Reversión de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano