Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
EM926G
Reencontros con Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitarlle ás persoas maiores galegas residentes en América, mediante un período de estadía nunha residencia dependente da Xunta de Galicia e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares.
Persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Servizo de Programas Sociais
Rúa dos Basquiños, nº 2
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882
Email: accion.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
06/06/2024 00:00 - 12/07/2024 23:59
Prazo de presentación:
06/06/2024 00:00 - 05/07/2024 23:59
De conformidade coa Resolución publicada na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http://galiciaaberta.com), prolóngase o prazo de permanencia deste procedemento na sede electrónica ata o día 12 de xullo de 2024 ás 23:59 HS., a fin de que as Delegacións da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras, en exercicio da autorización outorgada polos solicitantes da axuda, poidan dixitalizar e presentar na sede os expedientes de solicitude entregadas polos interesados dentro do prazo establecido pola Resolución de convocatoria, do 16 de maio do 2024.
1. Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Ter a nacionalidade española.
c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2014-2024).
d) Ter 65 anos cumpridos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2019 en diante.
f) Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante informes médicos debidamente actualizados.
g) Para optar ás prazas coas viaxes financiadas ao cento por cento pola Secretaría Xeral da Emigración, o límite máximo de ingresos da persoa solicitante non poderá superar a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2024, segundo o país de residencia ou, no caso de que conviva con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
O resto das persoas solicitantes deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez días seguintes á publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 600 € en concepto de custo da viaxe desde o país de orixe ata Galicia, que será aboada á empresa adxudicataria do correspondente contrato.
Para eses efectos, terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles. E considerarase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
h) No suposto de que decidisen prolongar a súa estadía en Galicia cos seus familiares, os solicitantes deberán presentar o consentimento asinado por algún deles ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade.
2. Cada persoa solicitante poderá vir acompañada pola persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, coa condición de que teña a súa residencia en América, leve convivindo coa persoa solicitante polo menos un ano, cumpra os requisitos establecidos nas epígrafes e) e f) deste artigo e presente a documentación xustificativa.
Solicitudes.
1. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar a súa preferencia para o regreso: ao remate da actividade ou aos 15 días desde o día do finalización das actividades do programa.
A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 18 da Lei reguladora do procedemento administrativo común, entre os que se contan as oficinas consulares de España no estranxeiro.
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago, en Salvador de Bahía.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá que a persoa participante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade, mediante o pasaporte español ou outro documento en que consten os seus datos persoais de identificación e a nacionalidade española.
b) Documentación acreditativa do lugar e data de nacemento, para o caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Certificado do Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América que corresponda en que conste a data de inscrición ou outro documento acreditativo da súa residencia en América de xeito continuado, polo menos, durante os últimos 10 anos.
e) Informe médico, conforme o modelo que figura como anexo III, en que conste que a persoa solicitante válese por si mesma, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
f) Xustificantes acreditativos dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que percibiran a persoa solicitante e os demais membros da súa unidade económica familiar nos meses de febreiro, marzo e abril do ano 2024, que resulten suficientes para acreditar que non superan o límite de ingresos establecidos no artigo 3.1.g) desta resolución.
g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria da prestación por razón de necesidade do Estado español no ano 2024. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio de selección sinalado no artigo 11.1 desta resolución.
i) Declaración da persoa acompañante segundo o modelo do anexo IV, se for o caso.
j) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polo familiar de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles durante 15 días posteriores á finalización da súa estadía no centro residencial dependente da Xunta de Galicia. Este anexo poderá ser presentado directamente pola persoa asinante en Galicia, para a súa incorporación ao expediente de solicitude do familiar solicitante.
2. Para o caso de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, esta deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo IV que se indica no punto i) do punto 1 deste artigo, xunto coa súa seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.
b) Informe médico, segundo o modelo incluído no anexo III, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
c) Unha fotografía recente, tamaño carné.
d) Documentación acreditativa da súa residencia, lugar e da data de nacemento.
e) Documentación que probe a convivencia do acompañante coa persoa solicitante desde un ano polo menos: inscrición no rexistro correspondente, manifestación expresa por acta de notoriedade ou calquera outro medio admisible en dereito.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.
2. Para o caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 108 do 5 de xuño de 2024).
-
Extracto da Resolución do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 108 do 5 de xuño de 2024).
-
Resolución sobre a prolongación do prazo de permanencia na sede electrónica da Xunta de Galicia do procedemento con código EM926G ata o día 12 de xullo.
-