Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED431E
Axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para o desenvolvemento de agrupacións estratéxicas dentro do SUG, entendidas como estruturas organizativas de investigación máis eficientes mediante a integración estable dos recursos, capacidades e obxectivos dos actuais grupos de investigación. Estas agrupacións, definidas como tales polas universidades propoñentes, cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación, terán por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios.
Para tal fin establécense dúas modalidades:
Modalidade A: mellora das agrupacións estratéxicas de investigación recoñecidas e que xa foron obxecto das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 26 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia.
A axuda destinarase a apoiar un programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxias para unha mellor consecución dos seus fins.
Modalidade B: creación de novas agrupacións estratéxicas de investigación:
A necesidade da creación dunha nova agrupación quedará xustificada cando a súa actuación achegue unha contribución significativa aos seguintes obxectivos:
a) Carácter estratéxico e/ou singular da agrupación no contexto galego tomando en consideración o valor engadido que supón a súa creación e a contribución aos obxectivos fixados singularmente no marco da Estratexia de especialización intelixente para Galicia (RIS3) e noutras prioridades que poidan ser estratéxicas no contexto da comunidade autónoma. Nesta convocatoria a singularidade configura un parámetro básico de importancia no baremo das propostas, ao obxecto de evitar duplicidades e solapamentos que mingüen as capacidades do sistema.
b) Combinación e integración efectiva das capacidades e dos recursos dos grupos de investigación coa finalidade de acadar mellores resultados científicos e tecnolóxicos.
c) Realización de investigación estratéxica, colaborativa e interdisciplinar de calidade no contexto da comunidade autónoma e mellora da súa proxección no ámbito internacional.
d) Establecemento de estratexias comúns de xestión e transferencia de resultados de investigación.
e) Aproveitamento conxunto de infraestruturas, equipamento e espazos dispoñibles ou de nova creación do SUG.
f) Incorporación de novo persoal investigador en áreas que pola súa actividade científica e tecnolóxica, pola súa competencia na captación de recursos e polo seu valor estratéxico institucional así o requiran.
g) Incorporación racional e sustentable de persoal de apoio para o desenvolvemento de tarefas de xestión, comerciais, informáticas, de laboratorio ou outras similares que sexan necesarias para a realización máis eficiente da actividade investigadora.
h) Maior presenza de investigadores/as do SUG en programas de investigación e intercambio internacionais.
A axuda destinarase á elaboración dun plan estratéxico para o período 2018-2022, que incluirá os obxectivos que pretende acadar a agrupación a curto prazo (2020) e a medio prazo (2022), e ao desenvolvemento dun programa de actuacións para a posta en marcha e funcionamento ordinario da agrupación para o período 2018-2020.
Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades do SUG e destinaranas ás súas agrupacións estratéxicas, recoñecidas como tales polas propias universidades.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995150/ 881995156
Fax: 881999135
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
14/07/2018 00:00 - 13/08/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Modalidade A:
1. Que a agrupación xa fose obxecto de axuda na convocatoria do ano 2015 e que estea incluída no convenio do ano 2017 de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o financiamento de agrupacións estratéxicas de investigación.
2. Que a composición da agrupación respecte o ámbito temático, a pluralidade de liñas de actuación, a capacidade, a calidade e a coherencia coas que foron avaliadas ao remate da axuda do ano 2015.
3. A agrupación poderá aumentar ou minorar a masa crítica preexistente sempre que existan razóns científicas ou estratéxicas que así o aconsellen. Calquera destas opcións deberá estar debidamente xustificada na documentación que se presente. No caso de minoración da masa crítica deberá contarse ademais cun informe favorable dun órgano asesor externo e a produción científica xerada durante o período de actividade polo persoal investigador que abandona a agrupación non se terá en conta neste proceso de concorrencia competitiva.
Modalidade B:
1. Que a agrupación que se pretende crear inclúa, cando menos, 5 grupos de investigación do SUG.
O grupo deberá figurar inscrito nos rexistros da universidade na data de publicación desta convocatoria. A totalidade das persoas que compoñen o grupo integrarase na agrupación non admitíndose excepcións individuais.
Poderán integrarse na agrupación grupos e persoal investigador individual que non pertenza ás universidades do SUG.
A inclusión na agrupación de grupos ou capacidades doutras universidades do SUG distintas á da universidade propoñente, así como doutros organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia será valorada positivamente.
Cada grupo ou investigador/a só poderá formar parte dunha solicitude.
As agrupacións que se propoñan non poderán integrar grupos de investigación ou investigadores/as individuais que formen parte dun centro de investigación singular ou dunha agrupación estratéxica consolidada financiadas con cargo á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para estas unidades de investigación supragrupais no ano 2016. Tampouco poderán integrarse grupos ou persoas que estean incluídos en centros que teñan o recoñecemento Severo Ochoa ou María de Maeztu.
2. Que presente un programa de actuación da agrupación, baseado nunha visión e misión claramente definidas, que manifesten credibilidade e viabilidade suficientes. Este programa será conformado ou reformulado durante o exercicio de planificación estratéxica e incluirá o contido que se detalla no artigo 6 desta orde.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Presentación da agrupación, incluíndo:
Nome e acrónimo.
Certificación da universidade propoñente dos grupos que a integran e a súa dependencia institucional (desagregando nominalmente e segundo a súa categoría profesional a totalidade de persoal que os compoñen) e/ou investigadores/as individuais que se adscriban.
Nomeamento dunha persoa que liderará a agrupación e que actuará como coordinadora da actividade e contacto coa Administración durante a vixencia da axuda.
Resumo dos obxectivos da agrupación e da xustificación da súa existencia.
b) Para as que optan pola modalidade A, deberán presentar unha memoria descritiva da traxectoria da agrupación no período 2015-2017, que sinale os resultados de investigación máis salientables, así como os fitos significativos ocorridos no avance da integración estratéxica e un programa de actuación do período 2018-2020 que incluirá:
1º. Resultados e traxectoria da agrupación no período de estruturación 2015-2017.
1º.1. Gobernanza, organización, xestión e monitorización:
Coordinador: capacidade de liderado institucional e científico.
Goberno: descrición do modelo de gobernanza.
Organización: organigrama e descrición da estrutura organizativa (estrutura directiva, científica e de xestión).
Monitorización: descrición dos mecanismos de monitorización e seguimento.
Deberase proporcionar unha descrición indicando se se realizaron cambios con respecto ao proposto no plan estratéxico, así como os pasos dados para a implementación efectiva dos mecanismos de goberno, estrutura organizativa e monitorización no período 2015-2017.
1º.2. Integración da agrupación a nivel científico:
Descrición das actuacións realizadas para avanzar na integración da agrupación a nivel científico segundo o modelo definido no plan estratéxico.
1º.3. Implementación do plan estratéxico:
Informe do grao de implementación do plan estratéxico.
Efectos da aplicación do plan estratéxico sobre o funcionamento da agrupación, indicando as modificacións desta como resultado de aplicar as directrices do plan (ou das súas actualizacións).
2º. Programa de actuación 2018-2020.
2º.1. Recursos:
Composición da agrupación, incluíndo a xustificación das modificacións da masa crítica con respecto ao período anterior.
Medios materiais con que se conta e se pretende acadar.
2º.2. Axenda científica:
Descrición da axenda de investigación (obxectivos científicos, liñas de traballo, principais proxectos e vinculación cos grupos de investigación).
Modelo de organización científica.
2º.3. Programa de actuación.
Obxectivos para dinamizar a agrupación no período 2018-2020, de acordo co plan estratéxico.
Plan de actividades no período 2018-2020.
Plan de xestión da diversidade de xénero.
Cronograma para o período 2018-2020.
Memoria económica desagregada para as anualidades 2018 a 2020.
Previsión económica para o período 2018-2022, indicando os recursos externos que se espera captar e as previsibles fontes de financiamento, así como a identificación das convocatorias nacionais e internacionais de financiamento competitivas a que se espera concorrer.
c) Para as que optan pola modalidade B, deberán presentar unha memoria descritiva da estratexia de investigación e estruturación que vai seguir a agrupación que incluirá:
1º. Composición da agrupación e traxectoria científica.
1º.1. Composición e dotación de recursos humanos e técnicos da agrupación:
Coordinador: capacidade de liderado institucional e científico.
Grupos que a integran e a súa dependencia institucional indicando se son na actualidade grupos de referencia competitiva ou con potencial de crecemento do Programa para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.
Persoal de investigación, técnico e de xestión que compoñen os grupos, indicando o seu xénero e categoría profesional e se están financiados por programas autonómicos, nacionais ou internacionais.
Outros integrantes da agrupación: grupos de investigación ou persoal investigador de fóra do SUG, colaboradores externos, empresas...
Plan de xestión da diversidade de xénero.
Infraestrutura e instalacións con que conta.
1º.2. Traxectoria investigadora, formación e transferencia (resultados obtidos no período 2015-2017):
Produción científica: resumo de indicadores de produción científica (número de publicacións en Wos/Scopus, citas recibidas, publicacións en revistas Q1 y Q2), libros e capítulos de libros, outras publicacións destacadas. Contribucións en conferencias científicas internacionais e organización de eventos científicos.
Formación: participación en programas de doutoramento e máster, número de teses lidas, indicando data, título, nome do/da doutor/a e nome do/a director/a.
Carteira de proxectos activos indicando a fonte de financiamento (proxectos propios, colaborativos, contratos e convenios de valorización, participación en redes), programas de formación e desenvolvemento do talento, colaboracións destacadas...
Transferencia e valoración: contratos de I+D, prestación de servizos tecnolóxicos, patentes, ingresos por licenza, creación de spin-off...
Premios, recoñecementos ou cargos en organismos científicos, participación en consellos editoriais de revistas científicas indexadas en WoS ou Scopus...
2º. Formulación estratéxica.
2º.1. Definición, formulación estratéxica, visión, misión e modelo organizativo:
Presentación: datos identificativos, definición incluíndo os principais ámbitos de investigación, carácter singular e aspectos destacados.
Formulación estratéxica preliminar: contexto externo, debilidades e fortalezas da agrupación, obxectivos e eixos estratéxicos.
Misión e visión da agrupación, entendidas como breves descricións conceptuais en que a agrupación define o que debe facer no momento actual para a atender a finalidade con que se crea e o que quere ser nun futuro próximo.
Gobernanza e modelo organizativo: descrición dos mecanismos de gobernanza, modelo de organización científica e de xestión.
Monitorización e avaliación estratéxica describindo os mecanismos e medidas de control para o seguimento e avaliación da estratexia e do funcionamento da agrupación.
2º.2. Axenda científica:
Descrición da axenda coa visión do seu desenvolvemento a medio e longo prazo, indicando obxectivos científicos, liñas de traballo, proxectos...
Modelo de organización científica.
2º.3. Programa de actuación e memoria económica:
Plan de actividades no período 2018-2020.
Cronograma para o período 2018-2020.
Memoria económica desagregada para as anualidades 2018-2020.
Previsión económica para o período 2018-2022, indicando os recursos externos que se espera captar e as previsibles fontes de financiamento, así como a identificación das convocatorias nacionais e internacionais de financiamento competitivas a que se espera concorrer.
d) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades (que se inclúe no anexo IV).
Toda a documentación indicada irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. A memoria descritiva irá asinada pola persoa encargada da coordinación científica da agrupación. Toda esta documentación que acompaña a solicitude deberá cubrirse segundo os modelos dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) Certificado acreditativo de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
c) Certificado acreditativo de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado acreditativo de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED431E (anexo IV), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 22 de maio de 2020 pola que se acorda a apertura dos procedementos do programa 561B de investigación universitaria que están suspendidos como consecuencia da declaración do estado de alarma provocado polo COVID-19 (DOG nº 107 do 3 de xuño de 2020).
-
Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018 (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2018).
-
Extracto da Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018 (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2018).
-
Orde do 9 de outubro de 2018 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018 (DOG nº 198 do 17 de outubro de 2018).
-
Resolución do 24 de outubro de 2018 pola que se conceden as axudas da Orde do 4 de xullo de 2018, modificada pola Orde do 9 de outubro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018 (DOG nº 210 do 5 de novembro de 2018).
-
Corrección de erros. Resolución do 24 de outubro de 2018 pola que se conceden as axudas da Orde do 4 de xullo de 2018, modificada pola Orde do 9 de outubro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018 (DOG nº 214 do 9 de novembro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.
Aberto todo o ano
Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.
Aberto todo o ano
Acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia.
Aberto todo o ano