Guía de procedementos e servizos

ED311F

Premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais de música, danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 24/06/2022 00:00 - 26/07/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño (código de procedemento ED311F) para o alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2021/22 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto o recoñecemento do especial aproveitamento do alumnado que cursou na Comunidade Autónoma de Galicia os estudos profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Número, orzamento e características dos premios.

1. Poderanse conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: tres (3) premios no ámbito de Música, un (1) no ámbito de Danza e dous (2) no ámbito de Artes Plásticas e Deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade no ámbito de Música ou por familia profesional no ámbito de Artes Plásticas e Deseño.

2. A dotación para os premios será de 6.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2022, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 euros por premio.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, se cumpre os requisitos establecidos no artigo 15 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. O alumnado que obteña premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais e cumpra os requisitos establecidos no artigo 9 da Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño, poderá optar aos premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño, segundo o procedemento disposto no artigo 4 da citada orde.

5. Estes premios extraordinarios son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2021/22 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Formación Profesional

Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas

Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Edificio Administrativo San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546556

Email: xsereap@edu.xunta.gal

https://www.edu.xunta.es

Dirección Xeral de Formación Profesional

Prazo de presentación: PECHADO

24/06/2022 00:00 - 26/07/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

Ámbito de Música:

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música, no curso 2021/22, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD, na cal a persoa aspirante interprete tres pezas (obras ou fragmento de obra) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 25 minutos, entre as tres pezas. O alumnado unicamente poderá presentar a solicitude de xeito individual, realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso. A devandita gravación non poderá estar editada, e deberá corresponder a unha gravación en directo sen cortes nin aplicación de ningún tipo de procesamento do son. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e autores/autoras das pezas que interpreta tanto na solicitude (anexo I) como no soporte da gravación, respectando a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar, se é o caso, a relación de méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas de música cursadas (anexo II) e a correspondente documentación acreditativa.

Ámbito de Danza:

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza, no curso 2021/22, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que a persoa aspirante ingresase en sexto curso, a nota media calcularase tendo en conta unicamente as materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD, na cal a persoa aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, tres pezas (variacións, obras ou fragmentos de obras coreográficas) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 15 minutos, entre as tres pezas. A persoa aspirante deberá especificar os títulos e os/as coreógrafos/as das pezas que interpreta tanto na solicitude (anexo I) como no soporte da gravación, respectando a orde de interpretación. Cando a variación, obra ou fragmento de obra coreográfica presentada corresponda a unha interpretación en conxunto, deberá especificarse que bailarín/bailarina, dentro do grupo, é a persoa aspirante. Así mesmo, deberá xuntar, se é o caso, a relación de méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas de danza cursadas (anexo II) e a correspondente documentación acreditativa.

Ámbito de Artes Plásticas e Deseño:

a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2021/22, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen que se teñan en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto/obra final.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto/obra final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG cun tamaño máximo de 20 MB. Así mesmo, deberá xuntar, se é o caso, a relación de méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas de artes plásticas e deseño cursadas (anexo II) e a correspondente documentación acreditativa.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico xsereap@edu.xunta.gal

Documentación complementaria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final obtida pola persoa aspirante, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que estea o expediente académico da persoa aspirante.

3. Documentación segundo corresponda aos respectivos ámbitos:

Ámbito Música e Danza: unha copia de vídeo en formato AVI ou MPEG en soporte DVD.

Ámbito Artes Plásticas e Deseño: memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto/obra final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MPEG, cun tamaño máximo de 20 MB.

4. Anexo II da solicitude, no caso de que a persoa aspirante alegue méritos académicos ou artísticos que poidan ser considerados pola súa vinculación coas ensinanzas artísticas profesionais cursadas.

5. Documentación acreditativa dos méritos alegados no anexo II, de ser o caso, mediante documento ou copia, onde conste expresamente a actividade, o organismo convocante, e o número de horas, no caso de tratarse de cursos de formación. No caso de tratarse de concertos de música ou actuacións de danza, deberán acreditarse co programa do concerto ou actuación ou certificado da entidade organizadora onde conste o nome dos/das intérpretes, o programa e a data e lugar de realización.

Se a documentación presentada non vén expresada nalgunha das linguas oficias da Comunidade Autónoma de Galicia, esta deberá ir acompañada da súa correspondente tradución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2021/22 (DOG nº 120 do 23 de xuño de 2022).

    • Extracto da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2021/22 (DOG nº 120 do 23 de xuño de 2022).

    • Resolución do 28 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se designan os membros e se fai pública a composición do xurado de selección que analizará e valorará as solicitudes das persoas aspirantes aos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2021/22 (DOG nº 130 do 8 de xullo de 2022).

    • Resolución do 21 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se modifica a composición do xurado de selección que analizará e valorará as solicitudes das persoas aspirantes aos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2021/22, designado pola Resolución do 28 de xuño de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 130, do 8 de xullo) (DOG nº 188 do 3 de outubro de 2022).

    • Resolución do 22 de novembro de 2022 pola que se publica a adxudicación dos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2021/22, convocados pola Orde do 7 de xuño de 2022 (Diario Oficial de Galicia do 23 de xuño) (DOG nº 229 do 1 de decembro de 2022).

Outros procedementos relacionados

ED306A

Adxudicación de prazas de residencia nos centros residenciais docentes.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/06/2025 00:00 - 04/08/2025 23:59

ED308A

Adxudicación de prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras en centros residenciais docentes.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/06/2025 00:00 - 08/08/2025 23:59

ED314D

Subvencións a escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/06/2025 00:00 - 31/07/2025 23:59

ED314E

Subvencións a escolas de música públicas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/06/2025 00:00 - 31/07/2025 23:59