Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED311F
Premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais de música, danza, e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
A presente orde ten por obxecto convocar premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais para o alumnado que finalizou os estudos profesionais de Música, os estudos profesionais de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2019/20 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia
Número e características dos premios
1. Poderanse conceder ata seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: 3 premios na modalidade de Música, 1 na modalidade de Danza e 2 na modalidade de Artes Plásticas e Deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade na modalidade de Música ou por familia profesional na modalidade de Artes Plásticas e Deseño.
2. A dotación para os premios será de 5.100 € con cargo á partida orzamentaria 10.20.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2020, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía e que non poderá exceder os 850 euros por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.
3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.
4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais poderán concorrer, logo da inscrición, ao correspondente premio nacional.
5. Estes premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais.
O alumnado que finalizou os estudos profesionais de Música, os estudos profesionais de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2019/20 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia,
Obrigas dos/das gañadores/as
1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. No modelo normalizado ED311F que figura como anexo I, o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.
3. O/a beneficiario/a ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, poderá utilizarse a declaración responsable incluída no anexo I desta orde ou certificado de estar ao día das súas obrigas tributarias. De transcorreren máis de seis (6) meses desde a presentación da declaración, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Formación Profesional
Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas
Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente
San Caetano, s/n - Bloque 2, 2º Andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881997020
Fax: 981546551
Email: xsere@edu.xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
31/10/2020 00:00 - 30/11/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
1. Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
Modalidade A: Música.
a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música, no curso 2019/20, en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso, a nota media estará referida unicamente ás materias do devandito curso.
c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá facelo unicamente como candidato ou candidata de xeito individual, e realizará a interpretación como solista con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso. Ademais, deberá presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MP4, en soporte DVD, na cal o/a aspirante interprete tres pezas (obras ou fragmento da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 15 minutos, entre as tres pezas. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, e respectará a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar un breve currículo con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).
Modalidade B: Danza.
a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza, no curso 2019/20, en centros públicos ou privados autorizados das ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. A estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso, a nota media estará referida unicamente ás materias de devandito curso.
c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MP4, en soporte DVD, na cal o/a aspirante interprete, co acompañamento que precise se é o caso, dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 10 minutos entre as dúas obras. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, e respectará a orde de interpretación. Cando se trate dunha gravación cuxa interpretación sexa en conxunto, deberase indicar dentro do grupo a persoa candidata. Así mesmo, deberá xuntar un breve currículo con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).
Modalidade C: Artes Plásticas e Deseño.
a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2019/20, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen que se teñan en conta nese cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.
c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MP4 e cun tamaño máximo de 20MB, e un breve currículo con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).
2. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/das solicitantes.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
Xunto coa solicitude a que se fai referencia no artigo 4 desta orde entregarase, se é o caso, a seguinte documentación:
1. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final das distintas modalidades, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que estea o expediente académico.
2. Documentación en soporte informático, segundo corresponda ás respectivas modalidades:
a) Unha copia de vídeo en formato AVI ou MP4 en soporte DVD (ensinanzas profesionais de Música e Danza).
b) Memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo cal concorre, en formato PDF, AVI ou MP4 (tamaño máximo 20MB).
3. Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados coa modalidade correspondente, onde conste expresamente a actividade, o organismo convocante e o número de horas (anexo II da solicitude).
4. Acreditación dos méritos alegados mediante documento ou copia, onde conste expresamente a actividade, o organismo convocante e o número de horas, no caso de tratarse de cursos de formación relacionados coa modalidade a que opte o/a aspirante.
5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superar os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.
c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de solicitude
- Méritos (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se convocan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20 (DOG nº 219 do 30 de outubro de 2020).
-
Extracto da Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se convocan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20 (DOG nº 219 do 30 de outubro de 2020).
-
Resolución do 3 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se designan os membros e se fai pública a composición do xurado de selección que analizará e valorará as solicitudes das persoas aspirantes aos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2019/20 (DOG nº 229 do 12 de novembro de 2020).
-
Resolución do 9 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas nos premios extraordinarios das ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20 (DOG nº 253 do 17 de decembro de 2020).
-
Resolución do 5 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas nos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20 (código de procedemento ED311F).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).
-
Corrección de erros. Resolución do 5 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas nos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20 (DOG núm. 25 do 8 de febreiro de 2021).
-
Resolución do 26 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se fai pública a listaxe de puntuacións provisionais das persoas candidatas aos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20, convocados pola Orde do 19 de outubro de 2020 (DOG nº 44 do 5 de marzo de 2021).
-
Resolución do 14 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se publica a adxudicación dos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20, convocados pola Orde do 19 de outubro de 2020 (Diario Oficial de Galicia do 30 de outubro) (DOG nº 78 do 27 de abril de 2021).
-
Corrección de erros. Resolución do 14 de abril de 2021 pola que se publica a adxudicación dos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2019/20, convocados pola Orde do 19 de outubro de 2020 (DOG nº 80 do 29 de abril de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial
Aberto todo o ano
Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral
Aberto todo o ano
Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
Prazo aberto: 16/05/2025 00:00 - 20/06/2025 23:59
Programa retorna talento FP.
Prazo aberto: 28/03/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59