Guía de procedementos e servizos

ED311A

Premios extraordinarios de bacharelato

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 27/04/2021 00:00 - 26/05/2021 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato (código de procedemento ED311A) para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2020/21 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto o recoñecemento do especial aproveitamento do alumnado que cursou na Comunidade Autónoma de Galicia calquera das modalidades de bacharelato establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Número, orzamento e características dos premios.

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos orzamentos do ano 2021, cunha dotación global de 20.000 €. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 17 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

5. As persoas que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de solicitude, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2021/22.

Alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2020/21 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. O alumnado gañador, para poder recibir a dotación económica do premio, non poderá estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa gañadora debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo III.

4. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo

Servizo de Avaliación do Sistema Educativo

Edificio Administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 1º andar

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997383/ 981540205/ 981540188

Fax: 981546550

Email: premios@edu.xunta.es

Dirección Xeral de Formación Profesional

Prazo de presentación: PECHADO

27/04/2021 00:00 - 26/05/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 27 de abril de 2021 e rematará o día 26 de maio de 2021.

Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2020/21 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

2. Ter obtido unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75. A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 120, do 29 de xuño).

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Forma de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas que cursasen os seus estudos en centros privados que non teñan todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE e subscriban a súa solicitude de participación mediante unha persoa representante, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de bacharelato cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 9 de abril de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2020/21 (DOG nº 75 do 22 de abril de 2021).

    • Extracto da Orde do 9 de abril de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2020/21 (DOG nº 75 do 22 de abril de 2021).

    • Resolución do 24 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se designan os membros e se fai pública a composición do tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2020/21, e se ditan instrucións para a realización da proba correspondente (DOG nº 102 do 2 de xuño de 2021).

    • Orde do 15 de setembro de 2021 pola que se publica a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2020/21, convocados pola Orde do 9 de abril de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 75, do 22 de abril) (DOG nº 186 do 27 de setembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED330B

Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Prazo aberto: 16/05/2025 00:00 - 20/06/2025 23:59

ED333B

Programa retorna talento FP.

Prazo aberto: 28/03/2025 00:00 - 25/06/2025 23:59