Guía de procedementos e servizos

CT406A

Subvencións para a realización de funcións de artes escénicas e música

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 27/08/2020 00:00 - 28/09/2020 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a representación de funcións de artes escénicas e música producidas e realizadas por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais que desenvolvan a maior parte da súa actividade en territorio galego, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro. 

2. As funcións obxecto de subvención poderán realizarse dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de outubro de 2020, sen que estas funcións poidan estar subvencionadas ou financiadas por calquera recurso ou achega da Consellería de Cultura e Turismo ou calquera organismo dependente durante o ano 2020.

Gastos subvencionables

1. Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade á finalización da xustificación e directamente relacionados co obxecto da subvención. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

2. Subvencionaranse gastos correspondentes de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos/actores/bailaríns/manipuladores) e técnicos necesarios para a realización das funcións do espectáculo, co límite equivalente ao importe das funcións realizadas e, en todo caso, o importe total da axuda non excederá o límite establecido na base cuarta, punto catro.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a compañía, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

Enténdese por caché, para estes efectos, o establecido na Rede Galega de Teatros e Auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

– Gastos de desprazamento (modalidades A1 e B1). Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e a viaxe de volta, e quedan excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. Son gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra, no caso de que se teñan representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución. En todo caso, deberanse achegar as facturas correspondentes aos gastos xustificados, así como o seu pagamento.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes:

– Gastos de visado, no suposto de que sexa imprescindible para efectuar as representacións.

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Resto de Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

– Peaxes de autoestradas, combustibles, alugamento de vehículos, desprazamento a aeroportos.

– Billetes de autobús e tren.

Á parte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 50 euros en España e Portugal, 70 euros no resto de Europa e 100 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte: enténdese por transporte aqueles gastos referentes ao desprazamento dos materiais precisos para o desenvolvemento da actividade. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, en que se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado.

O máximo subvencionable para o trasporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 no resto de Europa e 800 no resto do mundo.

– Gastos de mantenza e aloxamento.

Deberán acreditarse os gastos subvencionados coas correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes...), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que se poderá xustificar co aboamento das axudas de custo legal ou convencionalmente permitidas nas correspondentes nóminas. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

– España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 36 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 40 euros por persoa e día.

– Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

– Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 80 euros por persoa e día.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

– No caso de non ser representacións consecutivas:

España e Portugal: 2 días.

Resto de Europa: 3 días.

Resto do mundo: 4 días.

– No caso de representacións consecutivas:

Os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación artística ou concerto.

(Modalidade A.2).

O apoio á realización de funcións de espectáculos de artes escénicas dentro da comunidade autónoma será subvencionado pola Agadic ata o 100 % dos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social, excluídas as axudas de custo) necesarios para a representación, correspondentes á data da súa realización, cos seguintes límites:

a) No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables son:

Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

Ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

Máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

A contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros.

En ningún caso a contía máxima de salario do persoal artístico subvencionable se entende referida aos mínimos fixados polo Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

Enténdese por caché, para os efectos desta cláusula, o establecido na Rede Galega de Teatros e Auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

Só se subvencionarán os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública para espazos escénicos convencionais. Tamén están incluídos os contratos subscritos con entidades privadas, sempre que os espazos escénicos sexan públicos e xestionados polas ditas empresas privadas en virtude de contrato de xestión de servizos públicos.

En ningún caso serán obxecto de subvención as funcións contratadas pola Agadic e, en xeral, pola Xunta de Galicia e calquera das entidades do sector público galego, nin as que sexan consecutivas a estas no mesmo espazo.

b) No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe de caché, ademais dos límites establecidos no punto anterior, a contía total de tal contraprestación máis a axuda da Agadic non poderá superar o 100 % do caché.

En todo caso, o límite por empresa na modalidade A.4 será de 15.000 euros, percibido na mesma proporción se os actores teñen un contrato laboral mensual como se a contratación é por bolo ou representación solta, de conformidade co establecido no Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia.

Enténdese por caché, para estes efectos, o establecido na Rede Galega de Teatros e Auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

2. Non serán subvencionables os gastos relativos:

– Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– Gastos de subcontratación da execución da actividade, cando excedan o 20 % do importe da subvención concedida.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

1. Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as persoas que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de outubro de 2020:

  • Artes escénicas.

Modalidade A.1: subvencións para a realización de funcións de artes escénicas fóra de Galicia.

Persoas beneficiarias: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á realización de funcións de espectáculos de artes escénicas que desenvolvan a maior parte da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

– Estaren dadas de alta no imposto de actividades económicas na actividade para a cal solicitan a subvención.

– Teren asinado no momento da solicitude o/s contrato/s ou convite/s con contido económico.

Poderanse acoller a esta modalidade empresas que realicen funcións a nivel nacional ou internacional.

Modalidade A.2: subvencións para a realización de funcións de artes escénicas en Galicia.

Persoas beneficiarias: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á realización de funcións de espectáculos de artes escénicas que desenvolvan a maior parte da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

– Estaren dadas de alta no imposto de actividades económicas na actividade para a cal solicita a subvención.

– Teren asinado no momento da solicitude o/s contrato/s ou convite/s con contido económico.

  • Música

Modalidade B.1: subvencións para a realización de funcións musicais fóra de Galicia.

Persoas beneficiarias: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á realización de funcións de espectáculos musicais que desenvolvan a maior parte da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

– Estaren dadas de alta no imposto de actividades económicas na actividade para a cal solicita a subvención.

– Teren asinado no momento da solicitude o/s contrato/s ou convite/s con contido económico.

2. Quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas da Consellería de Cultura e Turismo ou calquera organismo dependente cuxo obxecto fose subvencionar as mesmas funcións polos mesmos conceptos

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura. Monte Gaiás

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

27/08/2020 00:00 - 28/09/2020 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Dumentación xeral e documentación específica necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I) publicada xunto coa presente convocatoria, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación xeral:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán presentar ademais a seguinte documentación específica:

– Ficha de funcións (anexo II).

– Contratos de actuación ou oferta/invitación con contido económico.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites posteriores e información ás persoas interesadas

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, así como a Guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 21 de agosto de 2020 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a realización de funcións de artes escénicas e música durante o ano 2020 (DOG nº 172 do 26 de agosto de 2020).

    • Extracto da Resolución do 21 de agosto de 2020 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a realización de funcións de artes escénicas e música durante o ano 2020. (DOG nº 172 do 26 de agosto de 2020).

    • Resolución do 5 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2020.(DOG núm. 12 do 20 de xaneiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT207B

Subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 10/06/2025 00:00 - 09/07/2025 23:59