Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT404F
Subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a concesión de subvencións para a ampliación e diversificación da oferta cultural en áreas non urbanas ao abeiro dos fondos de NextGenerationUE e o Mecanismos de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT404F).
2. Estas subvencións serán tramitadas, e concedidas, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración concedente.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. Estas subvencións son incompatibles co financiamento doutros fondos estruturais da UE ou outras axudas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e dos seus organismos dependentes para o mesmo proxecto, pero compatibles con outras axudas do resto dos departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.
4. Estas axudas son compatibles co mercado interior segundo o disposto no artigo 107, parágrafo 3 do Tratado de conformidade co disposto no artigo 53 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación cos artigos 107 e 108 cando as persoas beneficiarias destas axudas sexan entidades xurídicas privadas.
5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Proxectos subvencionables.
1. Os proxectos e actividades culturais que pretendan ser subvencionados ao abeiro desta convocatoria deberán celebrarse ou desenvolverse no medio rural. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por medio rural os concellos de menos de 30.000 habitantes e cunha densidade igual ou menor a 100 habitantes/km2. Se o proxecto ten carácter supramunicipal, todos os concellos en que se desenvolve o proxecto deberán cumprir este requisito.
2. Os proxectos e actividades culturais que presenten as persoas solicitantes deberán ter un orzamento total, igual ou superior, a 50.000 euros (incluído o IVE).
3. Para os efectos destas bases, descríbense a seguir as accións elixibles:
a) Eventos ou espectáculos artísticos ou culturais, festivais, exposicións e outras actividades culturais similares dentro dos seguintes ámbitos: artes visuais, cinema e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, música, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía, incluíndo as actividades artísticas multidisciplinares e aquelas que relacionan a cultura e as artes coa ciencia e/ou os saberes tradicionais.
b) Proxectos que mediante a participación multiaxente –laboratorios de ideas, prototipados de proxectos, iniciativas transdisciplinares ou alianzas transectoriais–, favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e teñan unha concreción práctica no territorio.
c) Patrimonio inmaterial, en conexión coa cultura e as prácticas contemporáneas.
d) Actividades de educación, transferencia e mediación artística e cultural, incluíndo o uso das novas tecnoloxías.
Concepto de gastos subvencionables.
1. Serán gastos subvencionables de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable que se realicen en calquera espazo en Galicia, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e fosen realizados e pagados, desde o día 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de marzo de 2023, ambos incluídos. O período subvencionable, polo tanto, abrangue desde o día 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de marzo de 2023.
Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que a persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.
2. Para os efectos da presente convocatoria, considéranse gastos subvencionables:
2.1. Proxecto técnico. Enténdese por gastos de proxecto técnico os relativos aos honorarios dos profesionais encargados da redacción do proxecto que se presenta á subvención, como consultoría especializada na xestión cultural.
2.2. Gastos de remuneracións dos espectáculos artísticos ou culturais que formen parte do proxecto. Estes gastos refírense aos cachés dos artistas, compañías, comisariados ou calquera outro profesional do ámbito dos proxectos enmarcados no establecido no artigo 5.3.a).
2.3. Os custos de deseño, creación, produción, montaxe/desmontaxe e instalación das escenografías dos espectáculos que forman o proxecto. Trátase de gastos relacionados coa creación das escenografías, desde a súa concepción ata a súa exhibición.
2.4. Os gastos por servizos asociados á programación, tales como servizos técnicos e auxiliares e outros de carácter profesional necesarios para levar a cabo o obxecto da subvención.
2.5. Gastos en dereitos de autor.
2.6. Gastos en investigación e innovación, formación, mediación e consultoría.
2.7. Gastos de alugamento de espazos para a exhibición dos espectáculos e actividades que forman parte do proxecto.
2.8. Gastos de difusión en plataformas en liña ou streaming das actividades que conforman o proxecto subvencionado.
2.9. Gastos en comunicación e publicidade en liña ou off line, entendendo por tales os gastos do deseño, materiais promocionais, insercións publicitarias, etc.
2.10. Gastos en contratación de persoal vinculados ao proxecto.
2.11. Gastos xerais. Considéranse subvencionables os gastos xerais, entendendo por tales aqueles que non poden vincularse directamente pero son necesarios para a realización da actividade subvencionada, sen que en ningún caso poida superar o 7 % do importe xeral dos gastos subvencionables. Terán consideración de gastos xerais, entre outros os custos de desprazamento, gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada, subministracións necesarias como teléfono, luz, auga, e aqueloutros vinculados indirectamente co proxecto.
3. Non serán subvencionables de conformidade co disposto no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os gastos relativos a:
– Xuros debedores das contas bancarias.
– Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade beneficiaria.
– Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.
– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.
4. No caso de que o proxecto teña carácter supramunicipal e suprarrexional, só se considerarán gastos subvencionables para os efectos desta subvención aqueles gastos xerados e efectuados en Galicia.
Establécense dúas categorías de posibles entidades beneficiarias desta convocatoria:
– Categoría 1. As persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, legalmente constituídas.
– Categoría 2. Concellos e o sector público institucional deles dependentes segundo o artigo 82.2 da Lei 7/1985 da calquera Administración (organismos públicos, entidades de dereito público ou privado).
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Email: agadic@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
04/05/2022 00:00 - 03/06/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as persoas ou entidades públicas ou privadas en que concorran algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, que figura no anexo II.
2. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. De acordo co artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en situación de crise no momento da presentación, en tempo e prazo, das solicitudes, circunstancia que será comprobada pola Agadic.
3. As entidades beneficias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
– Categoría 1: persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas.
a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a creación, a organización, a xestión, a distribución de espectáculos en calquera das disciplinas de ámbito cultural, a investigación cultural, a consultoría cultural ou calquera ámbito relacionado co ecosistema cultural, no suposto de persoas xurídicas.
b) Para o caso das persoas físicas (autónomas) estar de alta no réxime especial de traballadores autónomos en calquera das epígrafes relacionadas co ámbito cultural.
– Categoría 2: concellos e o sector público institucional deles dependentes segundo o artigo 82.2 da Lei 7/1985 da calquera Administración (organismos públicos, entidades de dereito público ou privado).
a) Ter un máximo de 30.000 habitantes e unha densidade de poboación igual ou menor a 100 habitantes/km2, segundo os últimos datos oficiais (INE/IGE).
b) O concello deberá ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das últimas contas xerais do orzamento 2020.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
As entidades solicitantes deberán achegar xunto coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:
– Categoría 1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas.
1.1. Documentación administrativa:
1.1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.1.4. Alta no réxime xeral de autónomos se a persoa solicitante é persoa física.
1.1.5. Declaración de axudas (anexo V).
• No anexo II constan as seguintes declaracións responsables, que se deberán cubrir:
1.1.6. Declaración responsable en que se reflictan as persoas empregadas asignadas ao proxecto e a dedicación de cada unha delas.
1.1.7. Declaración responsable en que se reflicta o compromiso de participación de compañías/artistas galegas que participarán no proxecto.
1.1.8. Declaración responsable onde se determina o custo total do proxecto, o custo subvencionable e a porcentaxe de subvención solicitada.
1.2. Documentación específica:
1.2.1. Ficha resumo-memoria técnica do proxecto (anexo III). Esta memoria deberá reflectir de forma clara e concisa, entre outras cuestións: o espazo ou espazos onde se realizará o proxecto, unha previsión do seu desenvolvemento e calendarización; a actividade ou actividades que o compoñen, cunha descrición destas e os obxectivos que persegue, destacando a súa capacidade de innovación e transformación, así como os indicadores que serven para medir estes obxectivos e calquera información que permita realizar a avaliación do proxecto conforme os criterios establecidos nestas bases. Esta memoria terá un máximo de 25 páxinas.
1.2.2. Plan económico financeiro/orzamento desagregado (anexo IV), no que se describan os conceptos de gasto con e sen IVE, así como as fontes de financiamento que permitirán levar a cabo o proxecto. Este documento debe permitir comprobar a viabilidade técnica e económica do proxecto.
– Categoría 2. Concellos e o sector público institucional deles dependentes segundo o artigo 82.2 da Lei 7/1985 da calquera Administración (organismos públicos, entidades de dereito público ou privado).
1.1. Documentación administrativa:
1.1.1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da Secretaría da entidade, ou cargo asimilable, en que se faga constar o acordo adoptado polo órgano competente para solicitar a subvención.
1.1.2. Normas de creación e estatutos de constitución, no suposto de entidades do sector público.
1.1.3. Acreditación do cumprimento de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2020, no suposto de entidades locais.
1.1.4. No suposto de organismos e entidades do sector público vinculados ou dependentes a rendición de contas anuais ante o seu órgano de goberno.
• No anexo II constan as seguintes declaracións responsables, que se deberán cubrir:
1.1.5. Declaración responsable en que se reflicta o emprego xerado vinculado ao proxecto subvencionado, en que deberá constar unha relación das persoas empregadas asignadas ao proxecto e a dedicación de cada unha delas.
1.1.6. Declaración responsable en que se reflicta a relación de axentes do tecido asociativo ou empresarial local involucrados no proxecto.
1.1.7. Declaración responsable en que se reflicta o compromiso de participación de compañías/artistas galegas que participarán no proxecto.
1.1.8. Declaración responsable onde se determina o custo total do proxecto, o custo subvencionable e a porcentaxe de subvención solicitada.
1.2. Documentación específica:
1.2.1. Ficha resumo-memoria técnica do proxecto (anexo III). Esta memoria deberá reflectir de forma clara e concisa, entre outras cuestións: o espazo ou espazos onde se realizará o proxecto, unha previsión do seu desenvolvemento e calendarización; a actividade ou actividades que o compoñen, cunha descrición destas e os obxectivos que persegue, destacando a súa capacidade de innovación e transformación, así como os indicadores que serven para medir estes obxectivos e calquera información que permita realizar a avaliación do proxecto conforme os criterios establecidos nestas bases. Esta memoria terá un máximo de 25 páxinas.
1.2.2. Plan económico financeiro/orzamento desagregado (anexo IV), en que se describan os conceptos de gasto con e sen IVE, así como as fontes de financiamento que permitirán levar a cabo o proxecto. Este documento debe permitir comprobar a viabilidade técnica e económica do proxecto.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 85 do 3 de maio de 2022).
-
Extracto da Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 85 do 3 de maio de 2022).
-
Resolución do 7 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2022 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Creación de novos servizos de lectura.
Aberto todo o ano
Subvencións para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes camiños de Santiago.
Prazo aberto: 19/02/2025 09:00 - 21/07/2025 14:00
Subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais.
Prazo aberto: 21/02/2025 09:00 - 21/08/2025 14:00