Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT403B
Subvencións á creación escénica.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da creatividade escénica, no marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT403B).
A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica en calquera disciplina artística.
2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e dos seus organismos dependentes. No caso da modalidade 4, ademais, é incompatible con calquera das axudas convocadas pola Agadic.
4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto obxecto de subvención.
5. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución aprobatoria das bases de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.
6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva, e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
Modalidades.
1. Esta liña de axudas comprende diferentes modalidades que se relacionan deseguido:
a) Modalidade 1: subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación.
b) Modalidade 2: subvencións á creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia.
c) Modalidade 3: subvencións á creación escénica no ámbito da danza e artes do movemento.
d) Modalidade 4: subvencións á actividade escénica.
2. Todas as modalidades teñen carácter plurianual, afectando os exercicios orzamentarios de 2022 e 2023, agás a modalidade 4, que estende a súa vixencia ata o ano 2024.
3. Estrea dos proxectos subvencionados.
A estrea da produción ou producións que conformen o proxecto deberá realizarse:
– Para as modalidades 1, 2 e 3, a estrea será entre o 1 de abril de 2022 e o 31 de marzo de 2023.
– Para a modalidade 4, a estrea será entre o 1 de abril de 2022 e o 31 de marzo de 2024.
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas asociacións, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións en ningunha das súas modalidades:
a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.
b) As persoas beneficiarias da modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter plurianual) da convocatoria de subvencións á creación escénica do ano 2021.
c) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077\ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
19/03/2022 00:00 - 18/04/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Os requisitos xerais de todas as modalidades son:
a) A produción do proxecto subvencionado deberá iniciarse no exercicio 2022.
b) Nos supostos de coproducións, unicamente se terá en conta, para valorar os criterios relativos á empresa, a entidade que figure como persoa solicitante.
c) Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante nas distintas modalidades, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa física, xurídica ou sociedade civil o comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia. Para estes efectos, a persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.
2. Ademais dos requisitos xerais, existen requisitos específicos, que se expresan a seguir:
a) Modalidade 1 (subvencións á creación de espectáculos de empresas de nova creación):
– O equipo artístico debe estar integrado, como mínimo nun 50 %, por persoas nacidas a partir do ano 1987, inclusive. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por equipo artístico: elenco, dirección, persoa ou persoas responsables do deseño do espazo escénico, do deseño de luz, do deseño do espazo sonoro e do deseño do vestiario.
– Antigüidade da compañía non superior aos cinco anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.
b) Modalidade 4 (subvencións á actividade escénica de carácter plurianual):
– Contar cunha actividade empresarial no ámbito das artes escénicas sen interrupción nos últimos 10 anos. Para estes efectos, a constitución e antigüidade da compañía contabilizaranse desde a primeira data da alta no IAE na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.
– Facturación media dos tres últimos anos de 100.000 euros como mínimo.
– Os proxectos deberán conter, como mínimo, unha produción e un plan de xira de 70 funcións que recollan tanto o mercado galego como o exterior. Deste plan de xira, polo menos 15 funcións corresponderán a unha das producións do proxecto subvencionado.
– As producións que formen parte do proxecto subvencionado desta modalidade poderán presentarse individualizadamente ás outras modalidades desta convocatoria. Neste caso, a persoa solicitante deberá establecer, como no resto dos casos, a orde de prelación.
– Nesta modalidade 4 só serán elixidas dúas entidades beneficiarias con proxectos escénicos para desenvolver durante os anos 2022-2024.
Inicio do procedemento: presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. Ademais da solicitude (anexo I), as persoas interesadas presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:
1.1. Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:
a) Certificado do acordo social de solicitude da axuda.
b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.
c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.2. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia deberá facer constar:
a) Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación; debendo facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).
b) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.
c) O compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1.3. Memoria do proxecto que inclúa separadamente o tratamento, por parte das persoas solicitantes, dos seguintes puntos:
a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.
b) Estratexias de difusión e promoción do proxecto.
c) Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas.
d) Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.
e) Descrición que recolla todos os recursos relativos á posta en escena do espectáculo e que inclúa o currículo de actores e actrices e traballo actoral e coreográfico, escenografía, vestiario ou outros aspectos plásticos, iluminación, música, así como calquera outro aspecto creativo que se considere.
1.4. Certificación acreditativa da titularidade dos dereitos de autor. Nun primeiro momento (e durante o trámite de presentación da solicitude da subvención), poderase achegar unicamente a acreditación da súa solicitude. Non obstante, a dita titularidade deberase acreditar con anterioridade ao aboamento da subvención.
1.5. Memoria da empresa (anexo II).
1.6. Memoria das actividades realizadas pola compañía (anexo III).
1.7. Declaración responsable de que os datos dos espectáculos producidos e distribuídos nos anos 2019, 2020 e 2021, así como a relación de funcións, recollidos no anexo I, son certos.
1.8. Ficha de produción (anexo IV).
1.9. Historial da directora ou director (anexo V).
1.10. Declaración responsable de que os datos da directora ou director correspondentes ás titulacións, espectáculos dirixidos e premios á dirección, recollidos no anexo I, son certos.
1.11. Plan económico financeiro (anexo VI).
1.12. Compromiso de contratación das persoas integrantes do equipo artístico, asinado tanto pola empresa como pola persoa traballadora, coa declaración expresa de non participación en máis de tres proxectos escénicos e cos salarios referidos ao convenio en vigor (anexo VII).
1.13. As solicitudes á modalidade 1 deberán presentar, ademais, unha declaración responsable de que o equipo artístico (elenco, dirección, persoa ou persoas responsables do deseño do espazo escénico, do deseño de luz, do deseño do espazo sonoro e do deseño do vestiario) está integrado, como mínimo nun 50 %, por persoas nacidas a partir do ano 1987, inclusive.
1.14. As solicitudes á modalidade 4 deberán presentar, ademais, unha declaración responsable do compromiso de realización de, como mínimo, 70 funcións, con polo menos 15 delas correspondentes a unha das producións do proxecto. As persoas solicitantes da modalidade 4, cando o proxecto estea integrado por máis dunha produción, poderán presentar os anexos IV (ficha de producción), V (historial da persoa directora), VI (plan económico financeiro), adaptados ao proxecto, respectando en todo caso as epígrafes de cada un deles.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Acreditación documental da memoria das actividades realizadas do anexo III e do historial do/da director/a do anexo V
- Balance de ingresos e gastos (Anexo X) (modalidade 4)
- Memoria das actividades realizadas (Anexo III)
- Memoria da empresa (Anexo II)
- Plan económico-financeiro (Anexo VI)
- Documentación xustificativa dos gastos (Anexo XI) (modalidad 4)
- Historial da persoa directora (Anexo V)
- Solicitude (Anexo I)
- Compromiso de contratación (Anexo VII)
- Ficha de produción (Anexo IV)
- Memoria xeral da actividade subvencionada (Anexo IX) (modalidade 4)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 54 do 18 de marzo de 2022).
-
Extracto da Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 54 do 18 de marzo de 2022).
-
Corrección de erros. Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 59 do 25 de marzo de 2022).
-
Resolución do 7 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2022 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano