Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT402F
Subvencións á produción fonográfica.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para a produción fonográfica, fomentando e impulsando o talento musical a través do lanzamento dunha primeira produción fonográfica ou para o apoio á consolidación dun artista coa edición das súas producións fonográficas posteriores á primeira, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT402F).
2. A finalidade destas axudas é o impulso aos proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que deba conter maioritariamente obra de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Poderán ser obxecto desta subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:
Modalidade A: subvencións para o lanzamento dun artista musical coa edición da súa primeira produción fonográfica.
Estarán dirixidas a aquelas empresas de produción fonográfica que presenten proxectos de artistas que non teñan un primeiro álbum (cun mínimo de 30 minutos publicados) ou dez singles-videosingles.
O importe da subvención non superará os 2.000 euros e será, como máximo, o do 65 % do orzamento total do proxecto presentado.
Modalidade B: subvencións para o apoio á consolidación do artista coa edición das súas producións fonográficas posteriores á primeira.
Estarán dirixidas a aquelas empresas de produción fonográfica que presenten proxectos de artistas que xa teñan un primeiro álbum (cun mínimo de 30 minutos publicados) ou dez singles-videosingles publicados e non máis de catro álbumes ou corenta singles-videosingles.
O importe da subvención non superará a cantidade de 10.000 euros e non superará o 65 % do orzamento total do proxecto presentado.
Gastos subvencionables.
1. Son gastos subvencionables os que, de maneira indudable, respondan á realización do proxecto subvencionable e que sexan os comprendidos entre os tres meses anteriores á data da publicación da convocatoria e o prazo de xustificación establecido na base viséximo primeira para cada modalidade.
En concreto:
a) Gastos de produción, gravación e reprodución.
Aceptaranse nesta categoría aqueles gastos que teñan que ver co enriquecemento artístico do traballo, entendéndose como tales:
A contratación de músicos adicionais, directores e/ou produtores de recoñecido prestixio que sexan alleos á entidade solicitante da axuda e ao artista, así como traballos de masterización, gastos técnicos, gastos artísticos, gastos de nóminas, Seguridade Social e aloxamento e manutención de ensaios, gastos asociados á cesión mediante contrato dos dereitos de explotación do autor, aluguer de locais de ensaios. Gastos de preparación, gastos técnicos de gravación, aluguer de locais ou estudos de grabación, gastos de posprodución e, en xeral, aqueles que estean directamente relacionados coa produción musical, reprodución ou a edición e gravación de discos.
b) Gastos en promoción, publicidade e márketing, relacionados coa actividade dirixida ao posicionamento da gravación.
Aceptaranse nesta categoría os gastos de empresas e profesionais para a produción de videoclips; márketing en liña, móbil ou tradicional; deseño de elementos publicitarios, publicidade en calquera medio audiovisual, escrito ou dixital, edición de mostras, contratación de servizos de comunicación e márketing, gastos de organización e celebración de actos promocionais (excluíndo honorarios profesionais, axudas de custo e calquera outra contraprestación económica dos artistas e do persoal vinculado á empresa solicitante) e, en xeral, os gastos que se poidan relacionar coa difusión da actividade para aumentar as vendas, incluíndo os custos de aluguer de ata tres salas de concertos.
c) Gastos relacionados coas novas tecnoloxías:
Aceptaranse nesta categoría aqueles gastos relacionados con novas tecnoloxías: utilización de canles de distribución dixitais, adaptación dixital dos contidos musicais; gastos en proxectos que supoñan novas formas de negocio diferentes da comercialización e a distribución de CD e DVD en lugares convencionais e, especialmente, as que utilicen as novas tecnoloxías. Non inclúe a compra nin o arrendamento financeiro de equipamento, nin a adquisición de licenzas de software.
2. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde a data de publicación e as datas máxima de xustificación para cada modalidade establecida na convocatoria, estas últimas incluídas. En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento e non se terán en conta os pagamentos en efectivo.
3. Non serán gastos subvencionables, os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto:
a) Gastos de funcionamento ou estruturais das empresas: como son os gastos de persoal, o mantemento das infraestruturas de oficinas e almacéns, a adquisición de infraestruturas ou bens patrimoniais resultando tamén excluídos os gastos de participación accionarial noutras empresas, as consultorías, os estudos de mercado, os derivados da xestión das formacións musicais obxecto da produción fonográfica e a organización de concertos.
b) Contraprestacións económicas dos membros dos órganos de dirección da entidade.
c) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.
d) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.
e) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.
f) Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.
Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas (autónomas) ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción e promoción de actividades musicais, que se atopen dadas de alta no IAE de produción ou edición discográfica e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais
Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais
Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996098
Email: agadic@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
08/10/2021 00:00 - 08/11/2021 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Quedan exceptuadas, entre outras, as fundacións, as asociacións de utilidade pública, as delegacións de fundacións estranxeiras inscritas nel Rexistro de Fundacións, as federacións e as asociacións das entidades sen fins lucrativos, as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento ás que se refire a Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, así como calquera outra entidade sen fins de lucro.
Requisitos para solicitar a axuda:
– Ter social ou estatutariamente como obxecto social a produción fonográfica e estar dado de alta no Imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención (epígrafe 355.2).
– Que a entidade fonográfica teña editadas un mínimo de 2 álbumes dun mínimo de 30 minutos publicados, no período comprendido desde a publicación desta convocatoria e os cinco anos anteriores a ela.
2. Só poderá solicitarse un máximo de catro propostas por modalidade e solicitante, pero unicamente serán subvencionadas dúas, por solicitante e modalidade e sen que resulten subvencionados os proxectos que xa o fosen en convocatorias anteriores.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexoII) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se é persoa xurídica.
b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda. Se a persoa solicitante é persoa xurídica.
c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
d) Declaración de axudas (anexo III).
e) Orzamento total do proxecto, Plan de financiamento, e de márketing (anexo IV).
f) No suposto de se tratar de sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, presentarán, ademais:
– Nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación, facendo constancia desta circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).
– Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, e importe da subvención que se lle aplicará a cada un.
– Compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.
Ademais, presentarán a seguinte documentación complementaria:
– Modalidade A: subvencións para o lanzamento dun primeiro álbum ou dez singles-videosingles para o lanzamento dun artista musical:
a) Memoria explicativa do proxecto musical do lanzamento do artista cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no mercado xeral e, en particular, no mercado galego.
b) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
– Modalidade B: subvencións para o apoio á consolidación do artista coa edición das súas producións fonográficas posteriores á primeira.
a) Historial profesional do artista.
b) Memoria explicativa do proxecto de consolidación do artista para desenvolver, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións con respecto á promoción e distribución do proxecto artístico.
c) Currículo do equipo técnico-artístico (anexo VIII).
d) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recabados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberá ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Concesións de subvencións e axudas.
– Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a produción fonográfica e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 194 do 7 de outubro de 2021).
-
Extracto da Resolución do 28 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a produción fonográfica e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 194 do 7 de outubro de 2021).
-
Corrección de erros. Resolución do 28 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a produción fonográfica e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 210 do 2 de Novembro de 2021).
-
Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano
Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano