Guía de procedementos e servizos

CT302E

Subvencións para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola covid-19, que desenvolvan espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 24/06/2021 00:00 - 23/07/2021 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que se dediquen a realizar espectáculos musicais con público e que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver os citados espectáculos dentro da programación do Xacobeo 21-22 (código de procedemento CT302E).

2. Os proxectos financiados deberán:

a) Consistir no desenvolvemento de espectáculos musicais con público de carácter lucrativo, entendéndose por estes as actuacións que se representen ao aire libre ou en grandes recintos, fóra do seu establecemento permanente, cuxo elemento principal sexa a representación de concertos de música en todas as súas modalidades, como clásica, pop e rock; presumirase o carácter lucrativo dos espectáculos cando teñan unha contraprestación económica acorde co mercado.

b) Ser desenvolvidos por profesionais ou empresas de espectáculos musicais e que estean dados de alta con máis dun ano de antigüidade no IAE nalgunha das epígrafes 965.2, 965.3 e 965.4 e que sufrisen durante o ano 2000 perdas na facturación orixinadas pola COVID-19.

c) Desenvolverse en poboacións galegas de máis de quince mil habitantes ou naquelas con poboación inferior que estean declaradas como municipios turísticos ao abeiro do Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 10 de decembro de 2021, salvo Santiago de Compostela, que non os poderá realizar entre o 1 de xullo e o 15 de agosto.

d) Os espectáculos que realicen terán que ser de pagamento e con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e poderán comprender un só concerto ou varios e na mesma ou en diferentes poboacións.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dadas de alta no IAE cun ano mínimo de antigüidade nas epígrafes 965.2, 965.3 e 965.4 e que desenvolvan espectáculos musicais con público de xeito habitual e profesional en Galicia.

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as agrupacións de entidades que cumpran cada un dos requisitos anteriormente sinalados de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para os supostos de agrupacións, os membros non poderán presentar proxectos de forma individualizada.

3. No poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

4. En calquera caso, quedarán excluídas as empresas públicas e as entidades de dereito público, así como aquelas cuxo órgano máximo estea composto por persoas maioritariamiente designadas polas administracións públicas ou que formen parte delas.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura. Monte Gaiás

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996082/ 881996078

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Prazo de presentación: PECHADO

24/06/2021 00:00 - 23/07/2021 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Para acceder a esta convocatoria deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter, social ou estatutariamente, como obxecto social a organización de espectáculos musicais, no suposto de persoas xurídicas.

b) Estar dados de alta no imposto de actividades económicas nas epígrafes 965.2 Espectáculos ao aire libre, 965.3 Espectáculos fóra do establecemento permanente e 965.4 Empresas de espectáculos, cunha antigüidade mínima e ininterrompida dun ano.

c) Ter unha facturación no ano 2019 superior a 200.000 euros; a dita cantidade, no caso das agrupacións previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións, considérase de xeito conxunto.

d) Sufrir unha diferenza de facturación superior ao 30 % entre os anos 2019 e 2020, orixinada pola crise da COVID-19.

e) Os espectáculos deberanos realizar en poboacións galegas de máis de quince mil habitantes ou naquelas que estean declaradas como municipios turísticos ao abeiro do Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 10 de decembro de 2021, salvo Santiago de Compostela, que non os poderá realizar entre o 1 de xullo e o 15 de agosto.

g) Os espectáculos terán carácter lucrativo, entendéndose por estes cando teñan unha contraprestación económica acorde co mercado.

f) Só se poderá presentar un único proxecto por solicitante ou unión, e o proxecto poderá estar constituído por un concerto ou varios e nunha mesma localidade ou en varias.

2. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda, se o solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda e as súas modificacións, se o solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia:

1.4. Nomeamento de representante ou apoderado legal único, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle correspondan.

1.5. Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe da subvención que se aplicará a cada un.

1.6. Compromiso de non disolución da agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación específica:

2.1. Ficha resumo do proxecto e da empresa (anexo II).

2.2. Plan económico-financeiro (anexo III).

2.3. Contratos ou cartas de compromiso para a realización do/s espectáculo/s ou declaracións responsables.

2.4. Documentación acreditativa da baixada de facturación entre os anos 2019 e 2020 con algúns dos seguintes modelos:

Ano 2019 (Modelo 390, 303, 130, 200, conta de perdas e ganancias, balance, outros documentos).

Ano 2020 (Modelo 390, 303, outros documentos).

3. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación dos datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar día no pagamento das obrigas á Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta da regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 17 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 118 do23 de xuño de 2021).

    • Extracto da Resolución do 17 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 118 do23 de xuño de 2021).

    • Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT115A

Doazón de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT116A

Autorización de reprodución de fondos de arquivos para publicación e/ou difusión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano