Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT213A
Subvencións a festivais de artes escénicas e de música.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT213A).
Normativa aplicable.
A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases. Para a modalidade B (festivais de artes escénicas), poderán presentarse, ademais, as entidades locais galegas.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
3. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
4. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Agadic se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Obrigas específicas das persoas beneficiarias.
As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:
a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se fixese antes da solicitude da subvención.
b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.
c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.
d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.
e) Facer constar os logotipos do Xacobeo 21 e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, excepto no suposto de que o festival se iniciase antes da presentación da solicitude.
f) A persoa beneficiaria deberá dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
g) Nos programas dos festivais, no suposto de que conten con eles, deberase incluír nun lugar destacado unha páxina de publicidade segundo as indicacións da Agadic, sen ningún custo para a Axencia.
h) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/04/2021 00:00 - 31/05/2021 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Para optar a estas axudas os festivais terán que cumprir os seguintes requisitos:
Modalidade A (festivais de música):
a) O festival debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2020 e o 31 de outubro do ano 2021. Enténdese incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2021 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.
b) O festival ten que ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) O festival ten que desenvolverse dentro dun único período de quince días e dous dos días, como mínimo, deben ser consecutivos.
d) O festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 30 % do orzamento subvencionable.
e) O festival debe programar un mínimo de seis grupos.
f) Un mínimo do 60 % dos concertos teñen que ser con entradas de pago.
Modalidade B (festivais de artes escénicas):
a) O festival debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2020 e o 31 de outubro do ano 2021. Enténdese incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2021 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.
b) O festival ten que ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) O festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 30 % do orzamento subvencionable.
d) O festival debe programar un mínimo de seis compañías.
e) As compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 60 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, ou un mínimo do 50 % do total das actuacións profesionais artísticas que se programen deben estar compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade en Galicia, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.
f) Un mínimo do 30 % das representacións escénicas ten que ser con entradas de pago, excepto os festivais de calle.
En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e no suposto de que tal previsión non figure ata o 50 % do seu importe.
En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. Ademais da solicitude publicada con esta convocatoria (anexo I), as persoas interesadas nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:
– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.
– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.
– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación específica:
Ademais dos requisitos para acceder á subvención (anexo II), as persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación complementaria segundo a modalidade a que opten:
A. Modalidade A: festivais de música.
A.1. Anexo III: programación do festival para o cal se solicita subvención.
A.2. Memoria da traxectoria e evolución do festival, que contemple aqueles aspectos que a comisión terá en conta para a valoración do punto B.1 dos criterios artísticos para a modalidade A (festivais de música), así como aqueloutros que a persoa solicitante considere para a mellor defensa da epígrafe.
A.3. Memoria do festival correspondente á edición inmediatamente anterior ao 14 de marzo de 2020, cando se declarou o primeiro estado de alarma, con indicación e explicación das seguintes epígrafes:
A.3.1. Interese artístico da programación realizada.
A.3.2. Interese estratéxico para o sector: liñas e accións dirixidas ao fomento e promoción do sector musical galego levadas a cabo.
A.3.3. Repercusión na creación e fomento de públicos. Accións realizadas.
A.3.4. Actividades complementarias: liñas e iniciativas levadas a cabo dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (representacións de artes escénicas, accións no ámbito audiovisual e artes plásticas, obradoiros, concursos, encontros…). Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.
A.4. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:
A.4.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.
A.4.2. Melloras con respecto a edicións anteriores.
A.4.3. Potencialidade do plan de comunicación, con indicación das estratexias de difusión e promoción do proxecto, as accións que se pretenden realizar e o gasto estimado para esta partida.
A.5. Anexo V: memoria económico-financeira, que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo sexta, e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.
B. Modalidade B: festivais de artes escénicas.
B.1. Memoria do festival en edicións anteriores, que inclúa separadamente o tratamento das seguintes epígrafes:
B.1.1. Antigüidade do festival.
B.1.2. Recoñecementos acadados.
B.1.3. Interese artístico das programacións.
B.1.4. Interese estratéxico para o sector: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego.
B.1.5. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.
B.2. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:
B.2.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.
B.2.2. Duración do festival (anexo IV).
B.2.3. Producións, coproducións ou residencias do festival (anexo IV).
B.2.4. Estreas absolutas no festival (anexo IV).
B.2.5. Repercusión na creación e fomento de públicos.
B.2.6. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival. Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.
B.2.7. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.
B.3. Viabilidade técnica e económica do proxecto: memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo sexta, e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE (anexo V).
B.4. Compromiso de produción, coprodución ou residencia en que consten as condicións económicas e/ou técnicas.
B.5. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Memoria económico-financiera. Xustificación (Anexo V)
- Declaración de axudas (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 15 de abril de 2021 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 80 do 29 de abril de 2021).
-
Extracto da Resolución do 15 de abril de 2021 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 80 do 29 de abril de 2021).
-
Corrección de erros. Resolución do 15 de abril de 2021 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 99 do 28 de maio de 2021).
-
Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano