Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT142A
Premios da Cultura Galega.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2017.
1. Premio Cultura Galega de Letras.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada coa literatura galega, con méritos especiais ao desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción dunha linguaxe propia, na creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas, tanto nos soportes convencionais como nos virtuais e outras formas experimentais coa escrita, así como calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública.
2. Premio Cultura Galega de Artes Plásticas.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada ás artes plásticas galegas, con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo a partir de materiais convencionais ou de soportes virtuais e experimentais, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a enriquecer a creación plástica galega e a súa imaxe pública.
3. Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria vinculada ás artes escénicas galegas meritoria en canto a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a ampliar a representación escénica de Galicia e a súa imaxe pública. Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador, que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia.
4. Premio Cultura Galega de Música.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación ou á promoción da música galega. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.
5. Premio Cultura Galega de Audiovisual.
Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vinculada á creación, á promoción ou á difusión da creación audiovisual galega, con méritos especiais no desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción de linguaxes propias e na capacidade de intercambio con outras sociedades e culturas.
6. Premio Cultura Galega de Lingua.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. Valorarase o desenvolvemento de obras e de iniciativas destinadas a afianzar o uso e a valoración social do idioma propio de Galicia.
7. Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación.
8. Premio Cultura Galega de Proxección Exterior.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á difusión cultural de Galicia no exterior, que contribúan a proxectar, dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.
Obxecto e contido dos premios
1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa ou entidade en modalidades distintas.
2. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1 desta orde.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Cultura
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544873 / 981957048
Fax: 981541598
Prazo de presentación: PECHADO
27/05/2017 00:00 - 26/07/2017 23:59
O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
Non serán admitidas en ningún caso candidaturas presentadas fóra do prazo e da forma establecidos nesta orde.
As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código do procedemento CT142A).
2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos.
5. É preceptivo engadir no anexo I da orde os méritos das candidaturas cunha xustificación de entre 15 e 20 liñas descritivas.
6. As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:
a) Acreditación da representación da persoa que asine en nome da entidade.
b) Dossier informativo complementario (en caso de que o consideren oportuno).
A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
8. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 12 de maio de 2017 pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2017 (DOG nº 99 do 26 de maio de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano