Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS900D
Axudas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a suspensión da actividade por Covid-19
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades privadas titulares de ludotecas e/ou espazos infantís para contribuír ao seu sostemento, toda vez que a súa actividade está suspendida pola situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (código de procedemento BS900D).
2. Poderán beneficiarse igualmente das axudas previstas nesta orde as entidades privadas e as de iniciativa social titulares dunha ou máis escolas infantís 0-3 que resultaran beneficiarias dunha axuda por importe inferior a 36.000 € ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, sempre que acrediten que con este importe non cobren os custos fixos de mantemento dos centros.
Gastos subvencionables
1. Poderán ser obxecto destas axudas os seguintes gastos fixos de carácter xeral nos que incorra a entidade para o mantemento do centro entre o 16 de marzo e o 31 de agosto de 2020:
a) Gastos de alugueiro ou pagamentos de préstamos hipotecarios.
b) Gastos de subministración eléctrica, de combustible, de servizos de comunicación como internet ou telefonía, de gas ou de auga.
c) Cotas da Seguridade Social do persoal do centro suxeito a ERTE no suposto de que os ERTE por forza maior derivados do COVID-19 non estendan os seus efectos durante a totalidade do período subvencionable.
d) Primas de seguros vinculados ao desenvolvemento da actividade.
e) Servizos profesionais independentes de asesoría, xestoría e similares.
f) Outros gastos xerais derivados do mantemento e funcionamento do centro, como xardinería, limpeza ou similares.
No suposto de entidades privadas e de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 os anteriores gastos serán subvencionables sempre que o seu importe sexa superior ao da axuda percibida ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020.
Os ditos gastos especificaranse na solicitude (anexo I) e deberán estar efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 16.
2. Non serán en ningún caso subvencionables os intereses debedores nin outros gastos financeiros, tampouco o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa recuperable.
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas titulares de ludotecas ou espazos infantís, así como entidades privadas e de iniciativa social titulares de escolas infantís 0-3 nos supostos previstos no artigo 1.2, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Obrigas das persoas beneficiarias
1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:
a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.
c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.
d) Manter a actividade do recurso subvencionado durante un período mínimo de 6 meses dende que se levante a suspensión da actividade, salvo causa de forza maior debidamente xustificada.
2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación
Servizo de Conciliación Familiar
Teléfono: 012
Email: 012@XUNTA.GAL
Prazo de presentación: PECHADO
13/06/2020 00:00 - 14/09/2020 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será de tres meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
a) Que o recurso para o que se solicitan as axudas cumpra os requisitos establecidos na normativa que lle sexa de aplicación: Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento, ou Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen os seus requisitos.
b) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Se algunha das empresas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá ás empresas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.
b) Relación da totalidade dos gastos xerais de funcionamento nos que incorre a entidade no período subvencionable indicando aqueles para os que solicita a axuda (anexo II).
2. Ademais, no apartado correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:
a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.
b) En relación coas axudas de minimis, as solicitadas e concedidas.
c) Que todos os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentos son certos.
d) Que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre os requisitos establecidos nela.
e) Que a entidade non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Que se compromete a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas ou de outros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
3. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Comprobación de datos
1. De conformidade coa normativa reguladora da protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa solicitante.
c) DNI/ NIE da persoa representante.
d) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.
e) Concesións de subvencións e axudas.
f) Concesións pola regra de minimis.
g) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
h) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.
i) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 3 de agosto de 2020 pola que se modifica a Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D).(DOG núm. 159 do 10 de agosto de 2020).
-
Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (DOG nº 114-bis do 12 de xuño de 2020).
-
Corrección de erros. Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (DOG nº 136 do 09 de xullo de 2020).
-
Extracto da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (DOG nº 114-bis do 12 de xuño de 2020).
-
Corrección de erros. Extracto da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (DOG nº 136 do 09 de xullo de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano