Guía de procedementos e servizos

BS631B

Subvencións a entidades de iniciativa social destinadas ao financiamento de gastos extraordinarios nos centros e programas de inclusión social, ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 04/07/2020 00:00 - 03/08/2020 23:59

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás entidades de iniciativa social para o financiamento de gastos extraordinarios ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19 en relación co funcionamento dos centros e realización de programas de inclusión social da súa titularidade.

2. Tendo en conta a natureza e a finalidade destas subvencións, a súa concesión será baixo o réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Terá o código BS631B para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e ao acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Custos subvencionables

1. Serán subvencionables aqueles gastos xerados ás entidades de iniciativa social de xeito extraordinario na situación de estado de alarma para garantir o funcionamento dos servizos dos centros e programas de inclusión social da súa titularidade, considerados básicos para a atención ás persoas máis desfavorecidas e que se enumeran:

a) Gastos de persoal contratado para reforzar os servizos ou para substituír persoas afectadas polo virus ou con factores de risco. Incluiranse as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa.

As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos do Convenio colectivo estatal do sector de acción e intervención social conforme a seguinte táboa para unha xornada efectiva de traballo de 1.750 horas anuais:

  • Grupo             Salario bruto anual

  • Grupo 0          30.544,55 €

  • Grupo I           24.392,47 €

  • Grupo II          21.715,77 €

  • Grupo III         18.952,73 €

  • Grupo I V        15.659,04€

Para xornadas inferiores, realizarase o cálculo proporcional.

Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

b) Os gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos. Esta modalidade admitirase nos casos en que, polas especiais características da actividade, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.

Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

c) Gastos de cobertura de necesidade de alimento e provisión de recursos básicos tales como hixiene, roupeiro, lavandaría e apoio material.

d) Contratación de servizos de restauración.

e) Adquisición de material de un só uso para a repartición de comidas a domicilio.

f) Gastos de material de protección, tales como máscaras, luvas, batas, produtos de desinfección e material similar de protección.

g) Gastos extraordinarios de teléfono, acceso á internet e datos móbiles, limpeza e desinfección, seguridade, mensaxaría e combustible.

2 . Para os efectos desta orde, e de acordo co artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante a duración do estado de alarma e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

a) Entidades de iniciativa social titulares de centros de inclusión que foron considerados servizos básicos ás persoas sen fogar por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG do 15 de marzo), nomeadamente entidades titulares de albergues sociais, cociñas económicas e comedores sociais, centros de atención social continuada e centros de día que presten servizos de mantemento da hixiene (como ducha ou lavandaría) e os servizos de «calor e café». Incluiranse tamén os centros de acollida básica e especializada.

b) Entidades de iniciativa social que acrediten a realización nos dous últimos anos de actuacións dos servizos de cobertura de necesidades de alimento e provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría e apoio material).

Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas subvencionados o seu financiamento público.

h) Calquera outra obriga imposta ás beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Inclusión Social

Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión

Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes

San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545615

Subdirección Xeral de Prestacións e Programas de Inclusión

Prazo de presentación: PECHADO

04/07/2020 00:00 - 03/08/2020 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección de los servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) No atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Os centros de inclusión relacionados no número 1.a) deberán contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

f) As entidades a que se refire o número 1.b) deberán acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Non será necesaria esta acreditación no caso das entidades que obtivesen financiamento para esta actuación a través da Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020).

De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Para todas as solicitudes é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Anexo I de solicitude.

b) Memoria explicativa do gasto extraordinario que se quere financiar (anexo II).

c) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, destinadas a entidades de iniciativa social, para o financiamento de gastos extraordinarios nos centros e programas de inclusión social, ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19 (código de procedemento BS631B) (DOG nº 131 do 3 de xullo de 2020)

    • Extracto da Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, destinadas a entidades de iniciativa social, para o financiamento de gastos extraordinarios nos centros e programas de inclusión social, ocasionados pola crise sanitaria do COVID-19 (código de procedemento BS631B) (DOG nº 131 do 3 de xullo de 2020)

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano