Guía de procedementos e servizos

BS614B

Programa Respiro Familiar.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 11/06/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2021 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

2. Así pois, para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:

a) Modalidade de Respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1 desta orde, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.

b) Modalidade de Respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tipo de axuda e contía.

1. Na modalidade Respiro no fogar, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo, que deberá ser prestado por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención, cubrirá os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e poderá prestar as seguintes tarefas:

a) Compañía activa: manter conversa, lectura e apoio.

b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.

e) Administrar medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestar coidados mínimos a enfermos crónicos.

f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.

g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

Cando nun domicilio se asista a máis dunha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación da epígrafe anterior cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.

2. A modalidade de Respiro en residencia consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.

Serán as persoas coidadoras solicitantes da subvención as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade prevé a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos:

a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas que se atenden. No caso de que unha persoa que se atende desexe ocupar un cuarto individual, estará supeditada á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.

b) Menú axeitado baixo supervisión médica.

c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida...).

d) Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que as persoas usuarias teñan prescrito polos seus especialistas, se for o caso).

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación anterior cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano.

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.

3. Na modalidade de Respiro en residencias, os centros residenciais elixidos polas persoas coidadoras solicitantes da subvención deberán estar autorizados pola Consellería de Política Social para a atención de persoas en situación de dependencia para poder prestar o programa de Respiro familiar.

Para tal fin, desde as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social informarase os centros residenciais con prazas privadas que reúnan os requisitos anteriores das condicións que se establecen para este programa, para os efectos da elaboración dunha listaxe de centros habilitados para a prestación do servizo que será publicada na páxina web da Consellería de Política Social.

Poderán ser beneficiarias da subvención aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente a:

a) Facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade

Servizo de Programas para a Discapacidade

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544640

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Prazo de presentación: PECHADO

11/06/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que ben a persoa coidadora solicitante da subvención ou ben a persoa ou persoas que ela atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se atende presente calquera das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

3º. Que a persoa que se atende, a pesar de non cumprir coas epígrafes anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

2. Ademais, as persoas coidadoras para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./tramites-e-servizos/chave365).

3. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social, epígrafe de axudas e subvencións (código de procedemento BS614B), o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas coidadoras solicitantes da subvención deberán achegar xunto co anexo I (solicitude), se procede, a seguinte documentación:

a) Copia do contrato de prestación de servizos, ou documento similar acreditativo da prestación do servizo, asinado pola entidade titular da residencia (modalidade Respiro en residencia).

b) De ser o caso, copia do contrato asinado coa entidade prestadora do servizo de axuda no fogar ou contrato ou ampliación do contrato da persoa coidadora ou empregada de fogar.

c) Anexo II, relativo á comprobación de datos do dependente.

d) Informe social (segundo o modelo do anexo III) ou no modelo unificado (ISU) relativo á persoa dependente, só naqueles casos en que non exista recoñecemento de grado de dependencia ou que variasen as circunstancias desde a valoración da dependencia.

e) Informe médico relativo á persoa dependente segundo o modelo do Servizo Galego de Saúde, só naqueles casos en que non exista recoñecemento do grao de dependencia.

f) Xustificación documental da situación de respiro do coidador.

g) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente se non fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Documento que acredite oficialmente a situación familiar ou declaración responsable desta por parte do solicitante.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nesta orde. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa dependente.

b) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón.

c) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente expedido pola Xunta de Galicia.

d) Certificado de que a persoa solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e estar ao día de pagamento coa Seguridade Social e, de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Estar ao día de pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións coa Administración xeral do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas, deberán facer constar a súa oposición expresa no cadro habilitado para o efecto no anexo I e no anexo II, de ser o caso, e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 109 do 10 de xuño de 2021).

    • Ectracto da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 109 do 10 de xuño de 2021).

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS611B

Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano