Guía de procedementos e servizos

BS420C

Axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 25/03/2020 00:00 - 01/10/2020 23:59

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas ás escolas infantís 0-3 anos de titularidade privada para promover a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2020 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020/21 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar (código de procedemento BS420C).

2. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.

Así mesmo, entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas e as de iniciativa social que non accedan á bonificación da gratuidade da atención educativa e da matrícula a través doutros programas sempre que en ambos os dous casos teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Manter actualizados no RUEPSS todos os datos exixidos pola normativa de aplicación e, nomeadamente, as tarifas de prezos.

b) Remitir os informes e demais documentación que, no marco da actividade subvencionada, reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

c) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto dos centros subvencionados.

d) Ter a disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa de que todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil 0-3 cumpren o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

e) Conservar á disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á compensación pola bonificación do 100 % da atención educativa e do prezo da matrícula 2020/21 e os xustificantes dos recibos mensuais de pagamento asinados polos suxeitos obrigados emitidos nos termos establecidos nesta orde.

f) Asumir a contía da bonificación en que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos nos que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

EDIF, ADMINISTRATIVO SAN CAETANO

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 012

Email: demografiaeconciliacion@xunta.gal

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Prazo de presentación: PECHADO

25/03/2020 00:00 - 01/10/2020 23:59

Reanúdase o prazo de presentación de solicitudes dende o 01-06-2020 ata o 01-10-2020 en virtude do disposto no artigo 9 do Real Decreto 537/2020, de 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm.145 de 23 de maio de 2020)

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria e antes do 1 de setembro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

a) Estaren debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.

b) Certificado de ocupación do curso 2019/20, asinado pola persoa representante legal da entidade titular do centro, no cal consten o número de prazas ocupadas á data de presentación da solicitude, indicando aquelas ocupadas por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as, e a contía do prezo que lle corresponde aboar mensualmente ás persoas obrigadas ao seu pagamento (anexo II).

c) Relación nominal de alumnado do curso 2019/20 á data de presentación da solicitude (anexo III). Para a elaboración deste documento o órgano concedente facilitaralle ás entidades beneficiarias o modelo de ficheiro en formato adecuado para xuntar coa certificación anterior.

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I farase constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

b) Que todos os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentos son certos.

c) Que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre os requisitos establecidos nela.

d) Que a entidade non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na cal fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa reguladora da protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración tributaria (AEAT).

g) Certificación de estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) ou, de ser o caso, no anexo IV, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de agosto de 2020 pola que se modifica o procedemento de xustificación e o réxime de reintegro das subvencións concedidas pola Consellería de Política Social na anualidade 2020 a escolas infantís 0-3 e casas niño para o período de suspensión da actividade presencial como consecuencia da evolución da COVID-19 (DOG nº 169 do 21 de agosto de 2020).

    • Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 58 do 24 de marzo de 2020)

    • Extracto da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 58 do 24 de marzo de 2020).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano