Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS403F
Axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Política Social e Igualdade
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada.
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:
a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.
b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación perante á Comisión Europea das contas en que estean incluídas os gastos da operación, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.
c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos computados desde o pagamento final desta axuda, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con fondos Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 e mais nos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
e) Informar o público durante un período non inferior a cinco anos de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder.
f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.
g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
h) Informar no momento da xustificación final da axuda sobre o nivel de logro do indicador de produtividade asociado a esta convocatoria. Este indicador é o seguinte: identificador: C035, nome: Capacidade de coidado de nenos ou de infraestruturas de educación subvencionadas, unidade de medida: persoas.
i) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
j) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.
k) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.
l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
m) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.
2. Ademais, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación
Servizo de Conciliación Familiar
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545666
Fax: 981544634
Email: dxfamilia.politicasocial.@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
07/08/2019 00:00 - 06/09/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:
a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.
b) Aplicar unha tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos previsto na normativa autonómica aplicable.
A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con Fondos Estruturais e de Investimento Europeos 2007-2013 (en diante, Fondos EIE) para o mesmo concepto de gasto.
2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Certificación da contía que a entidade achega á finalidade para a que se solicita a axuda, de propoñerse unha achega orzamentaria propia.
b) Memoria xustificativa da necesidade da actuación proposta e da súa incidencia na mellora da infraestrutura desde o punto de vista da accesibilidade, eficiencia ou sustentabilidade no consumo de recursos e/ou na mellora da calidade da atención prestada ás nenas e nenos segundo o tipo de actuación de que se trate. Sempre que a actuación proposta teña impacto de xénero desde o punto de vista da atención prestada aos nenos e nenas a memoria recollerá expresamente como se atende este aspecto.
c) Tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos públicos previsto na normativa autonómica aplicable.
2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I farase constar:
a) O conxunto de todas as axudas concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.
b) Que a entidade non ten recibido axudas financiadas con Fondos EIE 2007/2013 para o mesmo concepto de gasto.
c) Que a entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.
3. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Comprobación de datos
1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Permiso de inicio de actividades do centro para o que se solicita a subvención.
e) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado para esta finalidade no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento da subvención (Anexo II)
- Declaración responsable (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2019 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020) (DOG nº 148 do 6 de agosto de 2019).
-
Extracto da Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2019 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 148 do 6 de agosto de 2019).
-
Corrección de erros. Extracto da Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2019 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020) (DOG nº 150 do 8 de agosto de 2019).
-
Resolución do 5 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 31 de outubro de 2019 das axudas convocadas na Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2019 (cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020) (DOG nº 217 do 14 de novembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano