Guía de procedementos e servizos

BS403D

Axudas para a creación/construción de escolas infantís 0-3 en poligonos industriais e/ou parques empresariais.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2018/2019.

Accións e gastos subvencionables.

1. De acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 só serán subvencionables os gastos daquelas operacións que non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda. Os ditos gastos deben ter sido realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2017 e efectivamente pagados con data límite do 31 de decembro de 2018 respecto da cantidade anticipada consonte o previsto no artigo 22, e con anterioridade ao 1 de outubro de 2019 respecto do resto da subvención obtida, relativas ás seguintes actuacións:

a) A realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación dunha escola infantil 0-3.

b) O acondicionamento da parcela e a construción ou reforma dun inmoble para creación dunha escola infantil 0-3.

c) O equipamento da escola infantil 0-3, incluíndo o mobiliario e o material didáctico e de xogo. Este equipamento poderá ser de segunda man, sempre que estea en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes requisitos do prezo mediante certificación de taxación independente.

As actuacións sinaladas na letra c), sempre que sexa pertinente, deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

2. Non serán en ningún caso subvencionables os xuros debedores nin outros gastos financeiros. Tampouco o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa recuperable.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude (anexo I).

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.

c) Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

d) Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

Cando se trate de agrupacións de asociacións empresariais ou entidades representativas dun parque empresarial ou polígono industrial deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiarias.

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación perante a Comisión Europea das contas en que estean incluídos os gastos da operación, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e mais nos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Informar ao público durante un período non inferior a cinco anos de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder.

f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Informar no momento da xustificación final da axuda sobre o nivel de logro do indicador de produtividade asociado a esta convocatoria. Este indicador é o seguinte: identificador: C035, nome: capacidade de coidado de nenos ou de infraestruturas de educación subvencionadas, unidade de medida: persoas

i) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e polos servizos de inspección da Consellería de Política Social; polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

j) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera ente privado, nacional ou internacional, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa aplicable.

k) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a entidade solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

m) Comunicar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a concesión da autorización de creación/construción do centro, segundo o previsto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

n) Poñer en funcionamento a escola infantil 0-3 antes do 31 de decembro de 2019 e manter a actividade subvencionada como mínimo 5 anos desde a data do pagamento final da axuda.

ñ) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Servizo de Conciliación Familiar

Edificio Administrativo San Caetano. Edificio a Pirámide

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957029

Fax: 981544634

Email: demografiaeconciliacion@xunta.gal

https://politicasocial.xunta.gal

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As escolas infantís que se poñan en marcha ao abeiro desta orde reunirán os seguintes requisitos:

a) Disporán dun mínimo de 3 unidades con 41 prazas.

b) Adaptaranse ao establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento, sen prexuízo do cumprimento da normativa sectorial que sexa de aplicación.

c) A parcela onde se localicen estará separada de actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará acaroada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas.

d) A parcela e o patio de xogos estarán cercados e protexidos ata unha altura mínima de 1,50 m.

e) Os elementos de xogo do patio cumprirán os requisitos establecidos no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

f) O inmoble contará coas medidas correctoras precisas de protección contra o tráfico, ruído, contaminación e outras actividades molestas ou prexudiciais.

  • As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

    • a) Acreditación da personalidade e representación da entidade solicitante.

    • b) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos durante, cando menos, o período mínimo de permanencia da actividade subvencionada.

    • c) Certificación acreditativa asinada polo representante da entidade solicitante de que no orzamento da entidade existe crédito para cofinanciar a contía correspondente, de propoñerse unha achega orzamentaria propia.

    • d) Memoria urbanística xustificativa da viabilidade dos investimentos propostos coa situación xurídica, catalogación e permisos dos usos dos terreos.

    • e) Certificado ou informe municipal sobre as actividades da zona e a súa compatibilidade coa escola infantil 0-3.

    • f) Estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

    • g) Plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

  • Para o caso de que a asociación empresarial ou entidade representativa dun parque ou polígono industrial presenten solicitude de forma agrupada deberán achegar ademais:

    • a) Documento cos compromisos de execución asumidos por cada asociación empresarial ou entidade representativa dun parque ou polígono industrial membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

    • b) Nomeamento e apoderamento da persoa que ostenta a representación única da agrupación.

  • A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños ou límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Número de identificación fiscal ( NIF) da entidade solicitante.

  • b) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

  • c) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social .

  • d) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Xunta de Galicia.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 25 de maio de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019 (DOG nº 106 de 5 de xuño de 2018).

    • Extracto da Orde do 25 de maio de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019 (DOG nº 106 do 5 de xuño de 2018).

    • Resolución do 30 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 22 de novembro de 2018 das axudas convocadas pola Orde do 25 de maio de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019 (DOG nº 242 do 20 de decembro de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS105A

Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS105B

Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS212A

Axudas para a posta en marcha de casas do maior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 24/06/2025 00:00 - 23/07/2025 23:59

BS307A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano