Guía de procedementos e servizos

BS403C

Axudas para a posta en marcha de Casas Niño.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 03/03/2022 00:00 - 04/04/2022 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, destinados á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).

Para os efectos desta orde considéranse núcleos rurais do territorio os existentes nos concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdese por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro. Igualmente, entenderase que existen recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade se os anteditos equipamentos dos ditos servizos están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha de dos proxectos de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025.

Accións e gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos derivados das seguintes actuacións:

a) A reforma e a adaptación do inmoble destinado a servir de casa niño, así como o seu equipamento e dotación material que se require no artigo 4 desta orde.

b) A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos nas condicións previstas no artigo 2 desta orde.

2. Os gastos previstos no número 1.a) só serán subvencionables sempre que, tendo comezado o investimento con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, non estea totalmente finalizado no momento da presentación da solicitude de axuda e respecto dos gastos que sexan efectivamente pagados no prazo de execución, que é de dous meses computados desde a notificación da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.

As persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Servizo de Conciliación Familiar

Edificio Administrativo San Caetano. Edificio a Pirámide

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957029/ 981545666

Fax: 981544634

Email: dxfamilia.politicasocial@xunta.es

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Prazo de presentación: PECHADO

03/03/2022 00:00 - 04/04/2022 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar, cando menos, cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en educación infantil.

2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.

3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha do proxecto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, se é o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá como mínimo, un cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.

En todo caso, o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar, ademais, en planta baixa.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos/coas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

2. Os requisitos establecidos nas letras a),d) e e) do punto anterior deberán acreditarse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O resto de requisitos b) e c) previstos no punto anterior deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a notificación da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado. Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estar constituídas, no momento de presentación da solicitude deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Solicitudes.

As solicitudes, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de estar en posesión, da formación ou da experiencia recollidas no artigo 4.1.a).4º e 5º. No caso de cooperativas de traballo asociado esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.

b) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.

c) Memoria descritiva na que se recolla a localización xeográfica e o número potencial de nenas/os usuarias/os e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) dos últimos tres anos. Nesta memoria figurará tamén o nome do proxecto que estará relacionado coa activade desenvolvida e que non será coincidente co nome dos proxectos xa en funcionamento.

d) Proposta pedagóxica básica asinada pola/s persoa/s que desenvolverán o proxecto, que en todo caso, aborde a organización do período de adaptación e a adquisición de hábitos de autonomía persoal con respecto á alimentación, o descanso e a hixiene desde a súa vertente educativa. A proposta incluirá así mesmo a programación xeral dunha xornada.

e) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto que comprenderá as características e composición de todos os elementos recollidos no artigo 4.1.c).

f) Memoria descritiva do inmoble con fotografías de todas as estancias e planos, a escala e acoutados, descritivos do estado actual. De terse que realizar obras de reforma, tamén se incluirán planos a escala representativos do estado reformado.

g) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto presenta ou terá, logo da reforma proposta, as características arquitectónicas establecidas nesta orde. No suposto de inmobles destinados a vivenda este informe incluirá tamén referencia ao cumprimento das condicións de habitabilidade; no caso de inmobles non destinados a vivenda a referencia será ao cumprimento dos requisitos establecidos no Código técnico da edificación (CTE) que lle sexan de aplicación.

h) Plan de actuación cos/coas nenos/as ante unha emerxencia durante o desenvolvemento do proxecto.

i) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo IV.

j) Certificado de discapacidade, de ser o caso, cando non fora expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero, de ser o caso.

l) Anexo II cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.

m) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado (escritura de propiedade, contrato de arrendamento, documento de cesión, etc.).

n) Fotografías de todas as adaptacións realizadas.

ñ) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír á persoa titular do proxecto nos supostos de enfermidade ou calquera outro motivo de ausencia temporal desta, agás causas imprevisibles e inevitables así como copia da documentación recollida no artigo 4.1.a).4º e 5º.

o) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

p) Alta no censo de obrigados tributarios do ministerio con competencia en materia de facenda, se é o caso.

2. A documentación prevista no número 1, letras m) a p) poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I ou ben no prazo previsto no artigo 4.2, xunto co anexo III relativo á presentación de documentación non achegada coa solicitude.

3. A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado e número de identificación fiscal (NIF), no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

c) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

d) Titulacións oficiais universitarias mencionadas no artigo 4.1.a), da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

e) Titulacións oficiais non universitarias mencionadas no artigo 4.1.a), da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

f) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

g) Alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante.

h) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos no suposto de persoas físicas, ou afiliación da entidade e da persoa que vai desenvolver o proxecto na Seguridade Social no caso de cooperativas de traballo asociado.

i) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

j) Concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

k) Concesións pola regra de minimis da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

2. Consultaranse os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificación acreditativa de inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego durante 12 ou máis meses da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado, de ser o caso. A demanda de emprego considerarase interrompida se se traballou un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude.

b) Certificación do grao de discapacidade cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 16 da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, II e V, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 42 do 2 de marzo de 2022).

    • Extracto da Orde do 15 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 42 do 2 de marzo de 2022).

    • Resolución do 17 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 17 de xuño de 2022, das axudas convocadas na Orde do 15 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 123 do 29 de xuño de 2022).

    • Orde do 16 de xullo de 2024 pola que se modifica a Orde do 15 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 143 do 24 de xullo de 2024).

Outros procedementos relacionados

BS105A

Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS105B

Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS307A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS309A

Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano