Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS403B
Programa de axudas económicas a través da tarxeta Benvida.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2017 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano e proceder á súa convocatoria.
Esta axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.
Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.
b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación
Servizo de Conciliación Familiar
Edificio Administrativo San Caetano. Edificio a Pirámide
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544623
Fax: 981544634
Email: dxfamilia.politicasocial@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
31/12/2016 00:00 - 28/02/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será: - Para os nados no ano 2016 ata o 28.02.2017 - Para os nados no ano 2017 ata o 28.02.2018
1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:
a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderáselles requirir para que presenten a documentación complementaria que o demostre.
b) Que a renda per cápita da unidade familiar, sumadas a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do ano 2015 non supere os 45.000 euros. No suposto de que esta contía sexa superior, a renda per cápita, entendida como a suma das bases impoñibles xeral e do aforro dividida polo número de membros da unidade familiar, non deberá superar os 13.500 euros.
Nos casos en que non se teña realizado a declaración do IRPF do ano 2015, os ingresos serán os que resulten dos datos que figuren en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), de conformidade co disposto no artigo 8.1 desta orde, aos cales se lles restarán os gastos deducibles.
Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e mais:
1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.
4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos.
No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar (familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.
-Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
-Todos os requisitos recollidos neste artigo deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.gal
2. As solicitudes (anexo I) irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, as certificacións correspondentes expedidas polo Rexistro Civil.
b) Certificado de empadroamento conxunto da persoa solicitante e da/o nena/o que dá dereito á axuda.
c) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, se é o caso.
d) Copia da resolución xudicial/administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta ou cando se trate de situacións non formalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
f) Copia do DNI ou NIE da persoa proxenitora que non apareza como solicitante das axudas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
g) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2015 da persoa solicitante e da proxenitora que non apareza como solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
h) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso. No suposto de familias monoparentais, a documentación anterior poderá substituírse pola copia do certificado administrativo de monoparentalidade, sempre que conste nel a filla ou fillo polo que se solicita a axuda, só no caso de denegar expresamente a súa consulta ante a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ou que sexa expedido por outra comunidade autónoma.
3. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para efectos de activar a tarxeta Benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.
4. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.
- Fase de solicitude
- Solicitude de concesión da axuda (Anexo I)
Prazo de resolución: 3 meses
Sentido do silencio: Non especificado
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria (DOG n 249 do 30 de decembro de 2016).
-
Corrección de erros. Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria (DOG nº 2 do 3 de xaneiro de 2017).
-
Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 128 do 5 de xullo de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Solicitude adopción internacional
Aberto todo o ano
Solicitude de adopción nacional.
Aberto todo o ano
Solicitude de acollemento familiar
Aberto todo o ano
Novo ingreso en escolas infantís 0-3.
Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59