Guía de procedementos e servizos

BS403A

Axuda para renovación de praza / novo ingreso programa Bono Concilia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 28/07/2020 00:00 - 27/08/2020 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e convocalas para o curso 2020/21.

Tipo de axuda, contía e concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de once meses.

2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, e non poderá superar en ningún caso o custo da praza

3. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de cátering), e incluirá en todo caso os alimentos.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

5. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da praza subvencionada.

As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

d) Subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña

Servizo de familia, Infancia e Dinamización Demografica da Coruña

Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981185751

Fax: 981185737

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Lugo

Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294442

Fax: 982294386

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Ourense

Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica de Ourense

Rúa Saénz Díez, nº 39-baixo

32003  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386121

Fax: 988386131

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Vigo

Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica Vigo

Concepción Arenal, 8 -1º

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817817

Fax: 986817049

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Prazo de presentación: PECHADO

28/07/2020 00:00 - 27/08/2020 23:59

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Con carácter excepcional, poderán presentarse solicitudes pasado o prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2020, nos seguintes supostos: a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo. b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo. c) As galegas e os galegos que retornasen a Galicia durante o ano 2020, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

a) Ter un fillo ou filla nado ou nada con posterioridade ao 31 de decembro de 2017 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 exercendo a opción do programa Bono concilia e, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2019/20 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para presentarndas solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Vías de acceso ao Bono concilia e documentación necesaria

1. As persoas interesadas que se atopen nos supostos recollidos no artigo 3.1.b).4º, e 5º (4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2019/20 e solicitala para a mesma nena ou neno.  5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.) deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo normalizado do anexo I, en que indiquen a opción de renovación da axuda ou de nova solicitude segundo corresponda e tamén o anexo II relativo á comprobación de datos da/do cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

Os modelos de solicitude (BS403A) estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e https://politicasocial.xunta.gal.

2. Nos supostos de nova solicitude xuntarase ademais a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

b) Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda, de ser o caso, cando non fose expedido pola Comunidade Autónoma galega.

c) Informe emitido polo equipo de valoración e orientación da xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social sobre a necesidade de integración na escola infantil, no caso dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

d) Copia da resolución administrativa de acollemento ou garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

e) Xustificación de ocupación da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella no caso de persoas traballadoras que non estean no réxime xeral da Seguridade Social.

f) Se procede, os documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

1º. Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a, do titor/a legal ou outros membros da unidade familiar cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paternofiliais, no caso de familia monoparental.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles as persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. As persoas interesadas que se encontren nos supostos recollidos no artigo 3.1.b).1º, 2º, e 3º optarán automaticamente ao programa do Bono concilia desde o momento en que formen parte das correspondentes listas de agarda definitivas sen ter que presentar a solicitude regulada nesta orde.

Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiros da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF da persoa solicitante, do/da cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao ano 2018.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Alta na Seguridade Social na data de presentación da solicitude da persoa solicitante e da/do cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Discapacidade ou grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de estar inscrito como demandante de emprego na data do día anterior ao da publicación desta orde, de ser o caso, da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella.

e) Discapacidade ou grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a, titor/a legal recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e no anexo II, segundo o caso, e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de xullo de 2020 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2020/21 (código de procedemento BS403A) (DOG nº 149 do 27 de xullo de 2020)

    • Extracto da Orde do 14 de xullo de 2020 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2020/21 (código de procedemento BS403A) (DOG nº 149 do 27 de xullo de 2020)

Outros procedementos relacionados

BS401E

Solicitude adopción internacional

Aberto todo o ano

BS401F

Solicitude de adopción nacional.

Aberto todo o ano

BS401G

Solicitude de acollemento familiar

Aberto todo o ano

BS402A

Novo ingreso en escolas infantís 0-3.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59