Guía de procedementos e servizos

BS320A

Subvencións para entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 02/06/2017 00:00 - 03/07/2017 23:59

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil, integrado no procedemento BS320A, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2017, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o artigo seguinte.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Proxectos subvencionables.

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades con colectivos en situación de risco.

d) Actividades xuvenís.

e) Actividades ambientais.

f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2017. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte co previsto no anexo I, indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

4. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Nesta convocatoria poderán participar persoas voluntarias que xa colaboraran como voluntarias noutra convocatoria anterior do programa Servizo de voluntariado xuvenil.

5. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias dos participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor dos participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

6. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

7. No caso de que a solicitude se presentase por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

8. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que rematase este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 6.

9. En caso de que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables mozos/as maiores de 16 anos e menores de 18, a entidade beneficiaria deberá obter a correspondente autorización do pai, nai ou titor legal, a cal remitiran xunto coa xustificación da axuda. En caso de persoas voluntarias de nacionalidade distinta á española precísase, ademais, certificado de empadroamento nun concello de Galicia.

As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2017.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957916

Fax: 981957110

Servizo de Voluntariado e Participación

Prazo de presentación: PECHADO

02/06/2017 00:00 - 03/07/2017 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

- As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

- Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

- As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

- Nesta convocatoria, as persoas voluntarias que colaboren nos proxectos subvencionables poden ser as mesmas que xa concorreran á mesma convocatoria de subvencións noutras convocatorias anteriores.

  • As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:

    • a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de beneficiarios. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada un dos/das voluntarios/as e do número de días que participará cada un, así como do custo que correspondería por número de voluntarios/as e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

    • b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación do secretario sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este, de ser o caso, así como certificación do secretario de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

    • c) A declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

  • b) NIF da entidade.

  • c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

  • d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

2. Coas solicitudes das persoas interesadas deberanse achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberán presentar declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

    Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

    Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

    Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

  • De ser o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades se debe considerar como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar. As ditas entidades non poderán presentar solicitude de subvención, a título individual, para o mesmo ou distinto proxecto.

  • Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de maio de 2017 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 103 do 1 de xuño de 2017).

    • Resolución do 5 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 15 de maio de 2017, pola que se establecen as bases que rexen as subvencións a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 106 do 5 de xuño de 2018).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS308A

Inclusión no censo de entidades xuvenís.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano