Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR331B
Execución de proxectos de grupos operativos da AEI en materia de produtividade e sustentabilidade, agrícola e forestal.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería do Medio Rural
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2017.
Polo tanto, con base no establecido na presente orde financiaranse proxectos innovadores dos grupos operativos da AEI seleccionados, cubrindo os gastos derivados da súa execución. En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.
Gastos subvencionables.
– Poderán subvencionarse os custos directos vinculados aos proxectos aprobados. Así mesmo, serán elixibles os gastos derivados da posta en marcha do proxecto e do funcionamento do grupo operativo durante o tempo necesario para o desenvolvemento das súas funcións vinculadas ao proxecto seleccionado para o seu financiamento ou divulgación de resultados. En particular, gastos de infraestruturas estritamente necesarias para o desenvolvemento dos proxectos, equipamento e material inventariable, gastos de funcionamento, subministración e material funxible, gastos de persoal investigador ou auxiliar, custo de colaboracións externas e outros custos indirectos nas condicións establecidas polo artigo 68 do Regulamento (UE) 1303/2013.
– Tamén serán subvencionables os gastos de funcionamento do grupo operativo directamente ligados coas tarefas de coordinación para a execución do proxecto, así como os custos derivados do seguimento do proxecto, transferencia e difusión dos resultados.
As axudas previstas nesta orde para a implantación e o desenvolvemento de proxectos destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan.
1. Custos directos:
a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal técnico propio que participe no proxecto calcularanse atendendo aos seguintes importes por hora traballada e para cada categoría laboral. Os ditos importes subvencionables serán os que resultan de dividir as cantidades seguintes entre 1.750 horas, cun máximo anual equivalente á suma total establecida para cada categoría:
• Titulado superior: 32.000 euros anuais.
• Titulado medio: 27.000 euros anuais.
• Técnico de FP de grao superior: 22.000 euros anuais.
• Categorías laborais distintas das anteriores: 18.000 euros anuais.
b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:
1º. Material inventariable:
– Adquisición de equipamento estritamente necesario para a realización da actuación, na medida e durante o período en que se dedique ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Se o material inventariable se vai poder utilizar despois do remate do proxecto, só se considerarán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados mediante o método lineal e considerando un nulo valor residual do referido material. No caso de adquisición de equipamentos de segunda man, deberán respectarse as condicións do artigo 13, letra b), do Regulamento delegado (UE) 807/2014, e ademais achegar certificado do taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.
– Adquisición de fondos bibliográficos relacionados coa actividade.
2º. Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.
3º. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta, que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultorías externas. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial de calquera dos membros do grupo operativo. As actividades que vai desenvolver cada un dos membros do grupo operativo na iniciativa de cooperación non se considerará como un servizo tecnolóxico externo.
4º. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.
5º. Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificadas, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e Resolución do 29 de decembro de 2005, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que a substitúa).
6º. Gastos relacionados coa organización de xornadas ou edición de material de difusión (publicacións, webs, asistencia a congresos ou feiras e visitas recibidas con relación ao proxecto).
7º. Custos derivados do alugamento de equipamentos, instalacións ou predios destinados á realización das actuacións.
8º. Custos derivados da divulgación e transferencia de resultados, así como aqueles relativos á protección dos resultados (rexistro de patentes incluído).
9º. Gastos derivados da contratación dun axente de innovación. Non se admitirán estes gastos se son realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial de calquera dos membros do grupo operativo.
2. Custos indirectos. En aplicación do previsto no artigo 68.1.b) do Regulamento UE 1303/2013, o custo subvencionable para este concepto será o resultante de aplicar a porcentaxe do 15 % sobre o importe dos custos directos de persoal imputados ao proxecto segundo a solicitude presentada.
3. Colaboracións dos socios do grupo operativo indicados no número 3 do artigo 3 desta orde. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados no punto 1 deste mesmo artigo. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será exixible aos gastos de persoal, respecto dos que, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da SS, da retención do IRPF, etc.).
Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que calquera dos membros do grupo operativo.
4. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.
5. O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, polo tanto, non recuperable. Será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios da non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna.
6. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos á investigación básica ou fundamental nin os relativos á investigación independente.
7. Non serán subvencionables proxectos de procesos de transformación nin de industrias agroalimentarias.
a) Poderán ser beneficiarios das subvencións obxecto da presente orde os membros dos grupos operativos da AEI constituídos para o desenvolvemento dun proxecto innovador ao abeiro das presentes bases reguladoras.
b) Para esta liña de axuda pode haber varios beneficiarios por proxecto en función da súa implicación e de acordo co convenio de colaboración subscrito polos membros do grupo operativo. O número máximo de beneficiarios por proxecto será de cinco, incluído o representante, máis un coordinador de proxecto.
c) Para poder ter a condición de beneficiarios, deben estar formando parte do grupo operativo constituído coa única finalidade de executar o proxecto para o cal se presenta a esta convocatoria. Deberán achegar o documento constitutivo do grupo operativo debidamente asinado co compromiso de cada un dos compoñentes.
d) Poderán ser beneficiarios os membros do grupo operativo que teñan a condición de:
1º. Entidades relacionadas coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector.
2º. Centros de innovación, investigación ou tecnolóxicos de natureza pública ou privada.
3º. Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
4º. Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.
5º. Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.l.
Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:
1. Reintegrar as cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora, calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.
2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 809/2014.
3. Proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013.
4. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.
5. En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:
a) O emblema da Unión.
b) Unha referencia á axuda do Feader.
Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:
a) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión Europea
b) No caso de operacións non comprendidas no punto a (obras de infraestruturas ou construción que se beneficien dunha axuda pública total de importe superior a 500.000 euros), atenderase ás seguintes obrigas:
As operacións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros, en función da operación financiada, colocarán, polo menos, un panel coa información sobre a operación (de tamaño mínimo A3), onde se destaque a axuda financeira recibida pola Unión Europea, nun lugar visible para o público.
Cando a operación no marco dun PDR dea lugar a un investimento que reciba unha axuda pública total superior a 50.0000 euros, o beneficiario colocará unha placa explicativa coa información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financeira da Unión (anexo 2 desta orde).
Os carteis, paneis ou placas e sitos web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e dos elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)
Área de Formación, Innovación e Investigación
Avenida do Camiño Francés, 10
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546665
Fax: 981546651
Email: mediorural.montesgalicia@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
19/07/2017 00:00 - 18/08/2017 23:59
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario OIficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
c) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitadas para a obtención de subvención ou axuda pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.
d) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Divulgar os resultados do proxecto, en particular a través da rede da AEI.
Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Declaración en que se fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto (anexo I), e declaración en que se fagan constar as axudas obtidas polas restantes entidades beneficiarias participantes no grupo operativo, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto (anexo II).
b) No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado (véxase anexo 1 da presente orde), deberase presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da entidade solicitante (anexo I), e por parte de cada unha das restantes entidades beneficiarias (anexo II).
c) Declaración do responsable do solicitante de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo I), e declaración dos responsables das restantes entidades beneficiarias de non estar incursas en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).
d) Memoria cega do proxecto na que se fará, segundo os puntos do anexo III, a descrición do proxecto, diagnose da situación, necesidade detectada, obxectivos, resultados esperados, impacto e relevancia deste e a súa contribución ao obxectivo da AEI. Ademais, sinalaranse as áreas prioritarias de actuación en que se encadra a iniciativa de cooperación. Nesta memoria non se poderá pór ningún nome propio ou dato identificativo do persoal nin das entidades participantes; o feito de non cumprir esta condición será causa de inadmisión da solicitude (anexo III).
e) Relación do persoal participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes e unha estimación das horas de dedicación ao proxecto (anexo IV).
f) Certificación do responsable de persoal de cada membro do grupo operativo en que se indique o curriculum vitae dos integrantes do equipo adaptado segundo o recollido na letra b) do artigo 17.1 (anexo IV).
g) Curriculum vitae de todos os membros de cada entidade participantes na acción de cooperación, que recolle os criterios da letra b) do artigo 17.1 desta orde anexo V/anexo VI, segundo proceda).
h) Memoria científico-técnica para todas as actividades dos membros do grupo operativo participantes na acción de cooperación (anexo VII), en que conste:
1º. Un resumo do proxecto que inclúa a descrición da contribución ao obxectivo da AEI de potenciar a produtividade e a xestión sustentable dos recursos.
2º. Unha introdución en que se presente a situación actual do tema en que se vai traballar na iniciativa de cooperación e xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.
3º. Obxectivos do proxecto.
4º. Metodoloxía usada no proxecto.
5º. Plan de traballo en que se inclúan as actividades que vai realizar cada unha das partes que colaboran e o seu desenvolvemento temporal, e cronograma que cómpre desenvolver no tempo de execución do proxecto, onde se establecerán os obxectivos finais que se deberán conseguir.
6º. Plan de divulgación dos resultados, que se fará polas vías que considere oportunas o grupo operativo e obrigatoriamente a través da rede da Axencia Europea da Innovación (AEI).
7º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.
8º. Beneficios que poidan derivar do proxecto, dende o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.
9º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada unha das entidades beneficiarias do grupo operativo que colaboran neste, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle dos diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 6 desta orde. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polas entidades na solicitude da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os solicitantes das axudas deberán achegar coa solicitude tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, os solicitantes achegarán unha memoria xustificativa.
i) Xustificación detallada do custo da participación no proxecto de cada unha das entidades beneficiarias participantes no proxecto (anexo VIII).
j) Convenio ou acordo de colaboración, que reflicta a relación e compromisos entre os membros do grupo operativo, asinado polos seus correspondentes representantes.
k) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.
l) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar o convenio de colaboración de cada membro do grupo operativo.
m) Copia dos estatutos fundacionais de cada un dos membros do grupo operativo beneficiarios da axuda, onde aparezan recollidos os seus obxectos sociais.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI, cando se trate dun empresario individual.
b) NIF, se se trata dunha persoa xurídica.
c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e anexo II, segundo proceda, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas teñan que realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A través da carpeta do cidadán, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán relacionarse coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación e coñecer os actos de trámite realizados con indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización dos trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 136 do 18 de xullo de 2017).
-
Extracto da Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 136 do 18 de xullo de 2017).
-
Orde do 20 de outubro de 2017 pola que se modifica a Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 204 do 26 de outubro de 2017).
-
Corrección de erros. Orde do 20 de outubro de 2017 pola que se modifica a Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 227 do 29 de novembro de 2017).
-
Resolución do 7 de novembro de 2018 pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017 (DOG nº 219 do 16 de novembro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria.
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Aberto todo o ano
Autorización para impartición de actividades de formación contínua e transferencia de tecnoloxía agraria.
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Aberto todo o ano
Incrición no rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.
Aberto todo o ano
Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.
Aberto todo o ano