Guía de procedementos e servizos

BS613B

Axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 12/04/2017 00:00 - 11/05/2017 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e de carácter non periódico.

2. A finalidade destas axudas é a de colaborar en determinados gastos, con efectos do 1 de xaneiro de 2017, destinados a:

a) Facilitar a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal.

b) Facilitar a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal.

3. Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2017.

Actuacións subvencionables.

1. Adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal que teñen por finalidade desenvolver e manter a capacidade persoal de controlar, afrontar e tomar decisións acerca de como vivir de acordo coas normas e preferencias propias e facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria, de maneira que todas as persoas poidan levar unha vida o máis autónoma posible. Considéranse servizos de promoción da autonomía persoal subvencionables ao abeiro desta orde os enumerados no anexo I, de acordo co disposto no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Para poder ser subvencionable o servizo de transporte adaptado ou asistido, deberá xustificarse a vinculación deste servizo para o goce doutro servizo/prestación social, ou como medio de asistencia ao traballo ou a unha actividade formativa non obrigatoria do Sistema público educativo cando non se enmarque dentro do ámbito das competencias propias do Sistema educativo.

2. Adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal que, de conformidade co Decreto 149/2013, do 5 de setembro, serán subvencionables:

- Asistencia nas necesidades de carácter doméstico e da vivenda.

- Asistencia nas actividades básicas da vida diaria.

- Asistencia en xestións administrativas ou doutra natureza fóra do domicilio.

- Asistencia en actividades de participación social, educativa, laboral ou de lecer.

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, segundo o establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e a Orde do 25 de novembro de 2015 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade en Galicia. Así mesmo, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria; a percepción da axuda quedará condicionada a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, dentro do prazo máximo establecido para a resolución desta convocatoria de axudas, segundo o sinalado no artigo 14.2. Neste caso, a tramitación do expediente de recoñecemento do grao de discapacidade terá carácter prioritario.

b) En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal será necesario, ademais de cumprir co requisito disposto na alínea anterior, que a persoa solicitante teña recoñecida a prestación de asistencia persoal a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, segundo o establecido no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

c) Para os efectos de recoñecer a necesidade da axuda individual solicitada en relación coa adquisición do servizo de promoción a que se vincula, será requisito necesario que sexa determinada a situación de necesidade de acordo coa situación de saúde e social da persoa solicitante. A situación de necesidade valorarase de acordo coas dificultades ou carencias importantes na atención das necesidades da persoa solicitante ou na súa integración social, entendendo o concepto de necesidades nun sentido amplo: de subsistencia, de saúde, de carácter social, de desenvolvemento persoal, de autonomía, etc., cun certo grao de intensidade.

Para estes efectos, será emitido un informe de oficio pola Unidade de Coordinación da Dependencia da Subdirección Xeral da Dependencia e Valoración da Discapacidade, onde se valore este aspecto de acordo coa base á documentación que figura no expediente de recoñecemento do grao de discapacidade da persoa solicitante, e que, se é o caso, poderá solicitar aqueles informes complementarios ou documentos que se consideren necesarios para tal fin.

No caso de que polo elevado número de solicitudes se faga necesario, o informe de oficio poderá ser emitido polos equipos técnicos dos servizos de dependencia e autonomía persoal territoriais, logo da instrución sobre os aspectos que hai que valorar, emitida pola persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia e discapacidade da Consellería de Política Social.

Obrigas da persoa beneficiaria.

1. As persoas beneficiarias da axuda veñen obrigadas a destinar o importe desta á finalidade para a cal lles foi concedida.

2. Ademais, as persoas beneficiarias das axudas están obrigadas, conforme o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a:

a) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

b) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, que recollerán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a a través da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da citada lei e segundo o disposto no artigo 16 e 19.

e) Comunicar calquera variación que se produza en relación co proxecto de intervención ou no seu calendario.

f) Facilitar a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e indicadores de resultado inmediato previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Neste senso, esta información achegarase empregando o modelo que figura no anexo V, e na cobertura destes deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os indicadores de execución relativos a persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención.

Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

3. Segundo o disposto no artigo 4, números 1 e 2, da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiaras están obrigas a subministrarlle á consellería, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas na referida lei.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade

Subdirección Xeral de Valoración da Dependencia e da Discapacidade

Servizo de Valoración da Dependencia

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957643 / 881999231

Servizo de Valoración da Dependencia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

12/04/2017 00:00 - 11/05/2017 23:59

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a necesidade da axuda solicitada derive da tipoloxía de discapacidade recoñecida.

c) Que as consecuencias derivadas da tipoloxía de discapacidade recoñecida, que sirvan de base para valorar a necesidade da subvención concedida, manteñan a súa vixencia no período de referencia concretado no proxecto de intervención obxecto de subvención

d) Que a capacidade económica da persoa solicitante, calculada conforme o previsto no artigo 13, non supere o 200 % do indicador público da renda de efectos múltiples mensual (IPREM) establecido para o ano 2017.

e) Non percibir durante o ano 2017 outras axudas para o mesmo fin salvo que a axuda individual solicitada sexa complementaria da anteriormente concedida e neste caso ata o límite do 100 % do gasto subvencionado, para os efectos de prever a situación de dependencia ou de promover a autonomía persoal da persoa solicitante.

f) Os establecidos con carácter xeral para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • As solicitudes virán acompañadas da seguinte documentación:

    • a) Anexo IV debidamente cuberto, no caso de que a persoa solicitante desexe actuar por medio de representante.

    • b) Proxecto de intervención detallado segundo o modelo do anexo VIII, que conteña os seguintes datos mínimos:

      • 1º. Entidade prestadora do servizo. Para poder optar á subvención ao abeiro desta orde, a entidade/profesional autónomo prestador do servizo de promoción da autonomía persoal deberá de figurar no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), segundo se dispoña na normativa reguladora da autorización e acreditación destes servizos, cuxo responsable é a Consellería de Política Social. Para estes efectos será suficiente con que a inscrición no RUEPSS se leve a cabo con anterioridade ao prazo sinalado no artigo 17.2 desta orde.

      • 2º. Orzamento detallado do gasto que se vai realizar, segundo o custo unitario establecido no artigo 5 desta orde.

      • 3º. Período de duración das intervencións e calendario programado.

      • 4º. Servizos e prestacións que se axustarán ás necesidades de atención da persoa solicitante.

      • 5º. Entidade/profesional prestador do servizo.

    • c) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actuación ou gasto procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, no espazo destinado a esta finalidade que figura no propio modelo de solicitude (anexo III).

    • d) Autorización, segundo o anexo IX, do cónxuxe da persoa solicitante ou parella de feito, no caso de réxime matrimonial de gananciais, así como das persoas a cargo da persoa solicitante, para a consulta pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade dos seus datos sobre identidade, residencia, renda (IRPF) e de toda clase de pensións e prestacións sociais percibidas. Caso contrario, deberán presentar a documentación relacionada con esta información, que, neste caso, será copia do DNI, certificado de residencia, copia da declaración do IRPF, certificado de pensións emitido polo Instituto Nacional da Seguridade Social, declaración de toda clase de pensións e prestacións sociais percibidas.

    • e) Se é o caso, a xustificación da necesidade do transporte adaptado ou asistido para o goce doutro servizo/prestación social, ou como medio de asistencia ao traballo ou a unha actividade formativa non obrigatoria do Sistema público educativo cando non se enmarque dentro do ámbito das competencias propias do Sistema educativo, de conformidade co previsto no artigo 4.1, segundo o tipo de actuación para a cal se solicita a axuda.

    • f) A información relativa aos indicadores comúns de execución sobre participantes aos cales se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, segundo o modelo do anexo VI.

  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365.

    Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A solicitude, segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, dirixirase ao órgano de dirección con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social-Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

    Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o da publicación no Diario Oficial de Galicia, e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 71 do 11 de abril de 2017).

    • Corrección de erros. Orde do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 80 do 26 de abril de 2017).

    • Orde do 4 de decembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 232 do 7 de decembro de 2017).

    • Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se incrementa o crédito da Orde do 30 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 242 do 22 de decembro de 2017).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS611B

Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano